"No confín dos verdes castros" foi un disco encargado polo Concello de Cabana de Bergantiños ó grupo Milladoiro como parte dunha campaña de promoción turística. Véndese acompañado da guía de itinerarios do mesmo nome. Foi gravado nos Estudos Cormorán de padrón en 1999. Inclúe catro temas tradicionais de Cabana de Bergantiños, algúns deles recollidos polo crego Saturnino Cuíñas ("Maneo de Fontenla", "Cantos de pandeiro de Cabana e Corcoesto", "Muiñeira de Cabana" e "Rebordelos") e tres de composición do grupo e inspirados en distintos espazos cabaneses ("No confín dos verdes castros", "O Santo de Pólvora" e "Dombate"). O disco foi presentado no Teatro Colón da Coruña e na romaría de San Fins do Castro.