O dolmen “A Fornella” de Dombate sitúase nas inmediacións da aldea de Dombate, parroquia de Borneiro (S. Xoán) e concello de Cabana de Bergantiños. As coordenadas xenéricas do seu emprazamento segundo a folla cartográfica 43-76 a escala 1:5.000 da C.P.T.O.P.V. son: X= 502.600, Y= 4.782.170, Altitude= 190 m s.n.m.
Dende unha perspectiva estrictamente arqueolóxica o coñecemento que na actualidade temos sobre as características do monumento e os seus diferentes momentos de utilización son o resultado das tres campañas de escavación arqueolóxica levadas a cabo durante os anos 1987, 1988 e 1989 baixo a dirección do arqueólogo José María Bello Diéguez.
A estas campañas de escavación seguíronlle no tempo varias intervencións sobre os restos pictóricos localizados nas superficies internas dos ortostatos do dolmen, anos 1989 e 1992, así como un seguimento continuado das condicións de conservación, todas elas dirixidas polo arqueólogo Fernando Carrera Ramírez.