Catálogo do pintor naïf, natural de Borneiro, Manuel Lema Otero, que no ano 1981 se converteu no artista naïf máis importante de España ó gañar o I Premio de Arte Naïf ou Inxenuísta convocado pola Fundación Barrié de la Maza. Ó concurso presentáranse 575 obras e el resultou gañador con "La batalla del Ebro". O libro ábrese con textos do historiador baiés Xosé María Lema Suárez e do poeta e etnógrafo Xosé Luís Otero Cebral, con poemas do propio Otero Cebral e do pintor Manolo Costa. Insértase despois unha biografía na que se descubren trazos peculiares deste creador cabanés, a cronoloxía da obra creativa, unha interpretación crítica do seu legado pictórico, así como a listaxe de premios e exposicións. A continuación, aparece a totalidade dos debuxos, cadros e moldes dispoñibles tanto na colección particular do autor como en pinacotecas privadas. Entre os cadros destaca a reprodución de "La batalla del Ebro", sito na pinacoteca da Fundación Barrié de la Maza. Quedan sen compilar as obras oterianas espalladas polo estranxeiro. Nos apéndices inclúese unha conferencia mecanoscrita polo pintor, unha colleita de páxinas de prensa e a tradución do libro ó castelán.
Manuel do Monte, o home dos pitos, pintor naïf
Deputación da Coruña / Concello de Cabana de Bergantiños