Publicacións
Control arqueolóxico do novo cerre do recinto do Dolmen de Dombate
Autor: Deputación da Coruña
Páginas/Duración: 75 Páxinas
Idioma: Galego

    O obxecto da presente memoria é o de dar conta dos resultados do control arqueolóxico de obra levado a cabo durante a execución do Proyecto de nuevo cierre del recinto del dolmen de Dombate. Dito control consistiu na supervisión por parte dos arqueólogos responsables da intervención do proceso de obras que se ían levar a cabo, ante a posible existencia de restos arqueolóxicos nas zonas que ían ser afectadas por elas, así como para evitar posibles afeccións sobre o monumento megalítico de Dombate, declarado de Interese Cultural en virtude do disposto na disposición adicional primeira da lei 16/1985, do 16 de xuño, de patrimonio histórico Español.

    A actuación incorporou a realización dun control presencial, por parte dos arqueólogos responsables da intervención, de todos os procesos de obras que implicaban remocións de terras ou mesmo un risco directo de afección sobre o ben declarado. Como paso previo a todo isto realizáronse unha serie de sondaxes arqueolóxicas nas zonas que ían ser obxecto de remocións, co fin de comprobar a posible existencia de restos arqueolóxicos nas mesmas, así como a súa importancia. Os resultados do estudio son remitidos á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a través da presente memoria.

    O presente documento ten a consideración de Memoria Técnica, e é de obrigada redacción logo da clasificación da actuación arqueolóxica como preventiva na resolución do Director Xeral de Patrimonio Cultural pola que se autoriza a mesma. A redacción da memoria atense ao disposto no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma Galega, contendo todos os documentos que nel se especifican para a confección dunha memoria técnica. Non se inclúe catálogo de materiais arqueolóxicos localizados nin acta de depósito dos mesmos no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña posto que non se recuperou ningún durante a execución da actuación.