Publicacións
Arquitecturas da provincia da Coruña
Autor: José Ramón Soraluce Blond / Xosé Fernández Fernández
Páginas/Duración: 38 Páxinas
Idioma: Galego

   Dentro da comarca de Bergantiños é Cabana un termo municipal de tamaño medio (97,2 Km2), e dos menos poboados, tanto no que fai a cifras absolutas -os seus 5.593 habitantes en 1991 só superan ós de Laxe -como relativas- a súa densidade de 57,5 hab/Km2 é a menor de todo o conxunto-. Como o territorio comarcal, o concello esténdese por térras variadas que inclúen áreas costeiras e sectores elevados. No primeiro caso, Cabana asómase ó mar cun dobre aspecto, xa sexa na súa parte oriental ou na súa parte occidental: naquela debemos falar propiamente dun sistema de estuario determinado pola desembocadura do Anllóns e a barra areosa que constrúen as contribucións de sedimentos, tramo coñecido como enseada da Insua; nesta, trátase do litoral pouco articulado da marxe meridional da ría de Corme e Laxe. Cara ó interior, e sobre todo cara á parte suroriental, as terras van ganando altura de forma bastante rápida ata alcanzar máis de 400 metros, a través dunha ondulante topografía con pendentes ocasionalmente importantes.

   O concello actual está formado pola agrupación de 10 parroquias que son Santo Estevo de Anos, San Xoán de Borneiro, San Martiño de Canduas, Santo Estevo de Cesullas, San Pedro de Corcoesto, San Paio de Cundíns, San Xoán de Esto, San Pedro de Nantón, San Martiño de Riobó e San Pedro de Silvarredonda, que permanecen desde tempos inmemoriais sen coñecer cambios de adscrición desde a constitución do termo no século pasado. Trátase do concello con menores manifestacións urbanas da comarca, pois nin sequera a súa capital (O Bosque, en Santo Estevo de Cesullas), deixa de ser un asentamento rural de dimensións algo maiores, evidentemente eclipsado pola proximidade doutras cabeceiras municipais máis destacadas.