Persoeiros
Manuel Lema Otero
Autor: Concello de Cabana de Bergantiños
Idioma: Galego

Pintor naif e inventor

Borneiro (Cabana de Bergantiños) 04.06.1916

Borneiro (Cabana de Bergantiños) 06.08.1991

Cadro A Batalla do EbroManuel Lema Otero é a persoa máis singular da parroquia cabanesa de Borneiro por varios motivos. Por ser home de moitos oficios: labrador, carpinteiro-encofrador, emigrante, pintor, inventor, vendedor de pitos e pensos, escavador no castro A Cidá. Por ser persoa de varios nomes: Manuel do Monte, o Home dos Pitos. E por ser o pintor e inventor máis famoso de todo Cabana de Bergantiños.

Moi pouca xente da redonda sabía que Manuel do Monte pintaba, cando, no ano 1981, gañou o primeiro premio (dotado con 200.000 pesetas) do Concurso de Arte Naif ou Inxenuísta convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Contaba daquela con 65 anos. A este certame pictórico presentáranse 575 obras e Lema Otero, das dez que depositara a concurso, saíu vencedor con "La Batalla del Ebro" e metera outras dúas na final. O xurado, formado por persoas de prestixio como Juan Antonio Vallejo-Nájera, declaraba que o cadro do pintor de Borneiro estaría «entre os 12 mellores naif de España» e cualificábao como "orixinal e libre na súa exposición". Como recoñecemento por este premio, o concello de Cabana homenaxeouno en febreiro de 1982.

Tras este éxito, viñeron as exposicións colectivas e individuais. As primeiras realizounas na Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. As individuais, en Ponteceso, Vimianzo, Negreira, Baio, O Couto ou Cabana de Bergantiños. En Vimianzo e Cabana impartiu conferencias arredor do seu traballo como pintor naïf. Ademais, moitos dos seus cadros forman parte de pinacotecas individuais espalladas por Laxe, Baio, A Coruña ou mesmo Suíza.

Suposta vida da cida e construccion de 2500 anosManuel Lema pintaba polas noites, quitándolle horas ó sono, nun galpón da casa, despois das duras tarefas do campo. A afección por pintar nacéralle na infancia, xa que desde os primeiros anos lle reclamaba a seus pais lapis e papeis que consumía a pasos axigantados debuxando todo o que se lle poñía por diante: barcos, casas, persoas, vasos, vacas.

A obra pictórica de Lema Otero ten moito de autobiográfico. Os cadros repasan momentos de cando estivo na Guerra Civil, de cando traballou de encofrador ou de cando participou nas escavacións da A Cidá. Moitas das pinturas teñen certo sabor didáctico ó emitir mensaxes de denuncia contra unha sociedade enterrada no vicio, no alcoholismo e formada por unha xuventude sen cabeza. A abundancia de temas relixiosos e a presenza constante da súa paisaxe natal van conformando un mundo creativo cheo de interese.

Cos seus fillosOutra das facetas creativas de Manuel do Monte foi a de inventor. Tamén de cativo, cos amigos da aldea, comezou a elaborar todo tipo de aparellos. Un dos primeiros foi o sistema para conseguir metano a partir de esterco con tubos de barro. Andando os anos, saíron do seu maxín o libro das quinielas, xoguetes articulados, moldes para capiteis, termómetros de fornos, sistemas de alarmas contraincendios ou a bomba de auga sen gasto de enerxía. Os inventos de máis sona, e que conseguiron patente, foron a tella plana e a incubadora dos pitos. Este último artiluxio deulle de comer durante moito tempo, dado que se dedicou a comercializar crías de galiñas por todas as aldeas da Costa da Morte, de aí que nalgúns lugares se coñecese co nome de "O Home dos Pitos".