
Idioma: Galego
Poetisa popular
Tabuído. Canduas (Cabana de Bergantiños) 00.00.1914
Tabuído. Canduas (Cabana de Bergantiños) 26.02.1989
A poetisa popular Hermosinda Varela Lema naceu nunha casa forte de labradores. Cóntase que desde Rebordelo ata a casa natal todo eran propiedades de seu. Ademais, a facenda constituíana vacas, cabalos, varias parellas de bois e gando miúdo. Nun vello reparto da herdanza, entregouse como dote unha parella de bois para Portugal. Polo tanto, Hermosinda naceu e criouse labrega nunha paraxe cabanesa inesquecible ás beiras onde o Anllóns rende alentos: Tabuído.
Hermosinda de Tabuído era unha muller moi relixiosa. Nunca perdía misa, mesmo deixaba plantado calquera traballo na agra para acudir puntualmente á igrexa. Este trazo da súa personalidade verase plasmado despois na obra poética onde figuras como a Virxe son cantadas en varios poemas, onde a chegada dun novo cura á parroquia é celebrado con versos ou onde unha excursión á Virxe de Fátima en Portugal é recordada cunha boa presa de coplas.
Natural dunha terra de importante tradición poética popular e instruída nunha escola do rural, Hermosinda de Tabuído xa creaba coplas desde moza. Tanto lle compoñía poemas a unha veciña como lle enchía follas de versos ós rapaces que acudían a ela para levalos ó colexio. O seu xenro tampouco escapou á ollada poética. A construción das escolas das Revoltas pasou pola súa pluma. E esa forza e ánimo poético estivo vivo ata o día do seu pasamento.
Xunto con persoas como María Baña Varela, Hermosinda Varela Lema é claro exemplo de pervivencia dunha literatura oral e popular nas aldeas de Galicia. Como mostra, sirvan estes versos inéditos nos que poetiza a historia da súa parroquia. Orixinal maneira de contar e cantar as raiceiras nativas.