- PORTADA
- CONCELLO
- ÁREAS DE ACTUACIÓN
- CULTURA
- DEPORTES
- EMPREGO
- PRESENTACIÓN
- CADRO DE PERSOAL
- FUNCIÓNS
- BOLSA DE EMPREGO
- Plan de Emprego Local (PEL Reactiva)
- COWORKING
- CMAT – Costa da Morte Asociación Turística
- PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO: ReActiva
- PROXECTO REDE XIANA
- GALP Costa da Morte
- PLAN REVIVE COSTA DA MORTE
- OBRADOIRO DE EMPREGO “ESCOLA DE VELA DA COSTA DA MORTE- FASE II"
- FORMACIÓN
- SERVIZO GALEGO DE COLOCACIÓN
- SUBVENCIÓNS
- EN IMAXES
- LIGAZÓNS
- CONTACTO
- SERVIZOS SOCIAIS
- PRESENTACIÓN
- CADRO DE PERSOAL
- ÁREAS DE ACTUACIÓN
- PROGRAMAS BÁSICOS
- PROGRAMA DE EDUCACIÓN FAMILIAR
- PROGRAMA DE VOLUNTARIADO
- ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL "A CASA DOS TÍTERES"
- BENEFICIO FAMILIAS NUMEROSAS
- FAMILIA
- CENTRO DE MAIORES
- II PLAN MUNICIPAL DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES PARA HOMES E MULLERES
- CONVOCATORIA DE AXUDAS
- LIGAZONS
- CONTACTO
- POLICÍA LOCAL
- PROTECCIÓN CIVIL
- URBANISMO
- TURISMO
- PRESENTACIÓN
- RUTAS TURÍSTICAS
- SENDA DOS ANLLÓNS
- SENDEIROS POR CABANA
- PERSOEIROS
- ROMARÍAS
- PRAIAS
- GUÍA DE HOSTALARÍA
- PATRIMONIO
- HISTORIA
- PUBLICACIÓNS
- SERVIZOS PÚBLICOS
- CONTRATACIÓN
- PERFIL DO CONTRATANTE
- SELECCIÓN DE PERSOAL
- CONTRATOS MENORES
- NOVAS
- CONTACTO
SILVARREDONDA
Galego
TORRE DA PENELA
A fortaleza defensiva medieval transfórmase en pazo no século XVII por mandato de Lorenzo Bermúdez de Castro como medida para o establecemento dunha rede de fortalezas fronteirizas para amparar Bergantiños. Destaca por ser exemplo da orixe dos pazos na arquitectura militar e defensiva. Dubídase a cantidade de torres que chegaron a existir no lugar por parte dos investigadores, indo dende dúas ata a posibilidade de catro.
Conta cunha planta cadrada e soamente queda en pé unha das torres que conformaban a fortaleza. Aínda que mantén a robustez e sobriedade propia deste tipo de construccións, o cambio de funcionalidade fixo que perdera o seu carácter defensivo, destinándose ata fai pouco a celeiro e pombal.
Conta con planta cadrada e castro alturas aínda que en disposición na fachada só se aprecian tres.
A entrada pola fachada principal realízase a través dunha porta de medio punto de grandes doelas, mentres que na fachada posterior hai un acceso directo á terceira planta debido ao desnivel do terreo. O resto do edificio conta coas características propias dunha fortaleza defensiva de sobriedade na composición, grosos muros e escaseza de vanos. No interior quedan restos dunha escaleira de caracol de madeira. A torre remátase cun antepeito de cantería coroado por ameas.
Nunha das fiestras pódese apreciar o escudo de armas da casa cos Bermúdez, Castro e Riobóo.
Ás costas da Torre atópase unha fonte con pía en forma de sartego e dous canos de auga. A lenda conta que a fonte é unha ofrenda dunha muller á que lle morreu o fillo ou unha posible penitencia. Tamén se relaciona cun suposto pasadizo que comunicaba a Torre coa fonte e que permitía a comunicación coa fonte en caso de asedio.
Cerca do lugar, o cruceiro con inscrición estaba antigamente na entrada da fortaleza. A lenda conta que quen traspasase o cruceiro quedaba ceibe dos seus perseguidores. Así, unha muller fuxitiva parece que se achegou ao cruceiro salvador pero foi apresada antes e decapitada. Compadecidos, os veciños laiáronse: “Pena dela!”, de onde se extraería o nome do lugar.
SAN PEDRO
A igrexa, de dimensións moi reducidas é de gran sinxeleza. Conta cunha planta de salón rectangular e unha ábsida cuadrangular á que se accede mediante un arco triunfal. Conta cunha sancristía anexa ao lado norte. A volumetría da nave sobresae en altura, de modo que a correspondente ao presbiterio é lixeiramente inferior. A fachada coróase cunha espadana de cemento con dúas campás.
O cruceiro do adro é de granito e carece de plataforma. Conta cun pedestal octogonal e un varal cadrado con chafráns. O capitel é cuadrangular moldurado mentres que a cruz é cuadrangular e conta con remates florenzados con botón central.
CAPELA DE SANTA MARGARIDA DE BANEIRA
Ermida sinxela de plana rectangular e tellado a tres augas. No presbiterio presenta unha fiestra rectangular semellante á dunha casa. A fachada coróase por unha espadana na que se conservan dúas inscricións. A romaría celébrase o 13 de xullo.
A fonte de Santa Margarida de Baneira é a máis monumental de todos os conxuntos relixiosos do concello. Presenta dous corpos de pedra, o central rectangular e coroado de pináculos e unha cruz acanalada cubrindo o manantial e apegado a el, sobresae un corpo máis baixo cuberto por unha pequena bóveda de canón que conduce ao interior da fonte. Nas súas augas os romeiros molla os panos e deixan moedas para curar as verrugas. Segundo o etnógrafo Otero Cebral, os devotos tamén lavan nas augas as pernas e as mans que teñan algún mal.
FERMÍN CALVO GÓMEZ
Fermín Calvo Gómez naceu en Silvarredonda a escasos meses do inicio da Guerra Civil española. Como todo neno da posguerra, a súa vida non foi como a de calquera rapaz de hoxe. Apenas puido ir á escola. Iría cando era un mozote. E desde os primeiros anos tivo que traballar en casa de labradores para gañar o caldo. Á hora de comer non sentaba na mesa dos amos, senón que comía nunha banqueta no medio da cociña como clara mostra da separación de clase social entre un criado de servizo en casa de labradores.
Cos anos, os tempos viñeron a mellor e nuns poucos meses acode a escola en Silvarredonda. Pola vergoña que padecía, ó ser un mozote entre nenos pequenos, aprende rápido as catro regras básicas para se mover na vida do seu tempo.
Logo, bótase a serranchín cortando madeira nos montes de Bergantiños. Daquela, a madeira era moi apreciada e transportábase en barcos de cabotaxe desde a enseada da Insua ou desde o porto de Corme.
Outro oficio que desempeñou Fermín foi o de canteiro. Comezou, coma todos os rapaces, subindo barro amasado e encharcado de auga á cabeza por escadas arriba para darlle masa ós canteiros. Pronto deixaría esta dura tarefa e aprendería xa a andar coas pedras. Unha das súas tarefas como canteiro era a de picar as pedras (moas) dos muíños, hoxe abandonados.
Coma moitos bergantiñáns, Fermín Calvo tamén padeceu a lacra da emigración. Partiu en tren con toda ilusión, pero a realidade fíxoo espertar do seu soño: o que pensaba ser un palacio para vivir era unha barraca; e nada máis chegar, xa tivo que botar mans ó traballo.
Ó longo do século XX, Bergantiños foi un paraíso de poetas populares. Entre eles destacan, pola súa sona, os regueifeiros. Un deles é Fermín Calvo Gómez, coñecido no mundo da regueifa como Fermín da Feira Nova por ser este o lugar de Coristanco a onde casaría.
Espertou ó mundo da regueifa naqueles traballos comunais das aldeas de Bergantiños que convidaban a festa ou remataban en foliada. Así, nas fiadas de liño e de la poñía os ollos nos homes e mulleres que cantaban. Cando había foliadas de pandeireta en calquera rueiro tamén prestaba atención. Nas xuntanzas das carretadas de pedra para as casas ou nichos de cantería atendía ó cantar de canteiros e carreteiros. Fermín lembra como naqueles tempos había mulleres que cantaban a regueifa moito mellor cós homes, pero por ser muller dáballes vergoña competir con eles en público.
Fermín Calvo é hoxe historia viva da regueifa en Bergantiños e en Galicia. Primeiro, porque é un dos últimos vellos regueifeiros vivos; un dos que cantan á vella maneira. Segundo, porque é testemuña e libro aberto para falarnos dos máis importantes regueifeiros que houbo na comarca ó longo do século XX. Ninguén mellor ca el para falarnos de Cadete da Campara, Camuzas, O Piloto, Verdías, Leonarda, Churrillo, O Sotelo, O Galo, Calviño de Tallo, Maximino de Mens, Celestrino de Leduzo, Blanquiño, Grixoa ou Costa de Xaviña. De todos eles, Blanco foi o seu mestre e Fermín botou a cantar a regueifa o día en que tumbou ó gran Calviño de Tallo.
Moitas aldeas de Bergantiños, lugares de Galicia, varios programas de televisión ou mesmo de radio gardan testemuño das coplas deste regueifeiro. Fermín é un asiduo ó programa Luar da Televisión de Galicia, a xornalista Cristina Abelleirateno entrevistado en directo a través das ondas de Radiovoz Bergantiños. Ten Fermín compartido palco con Calviño, Grixoa ou Guillermo da Rabadeira nasFestas da Regueifa que organizou a Asociación Cultural Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños). En marzo de 2006, o Concello de Cabana de Bergantiños, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, recuperou a tradición da regueifa nunhas xornadas nas que interviron especialistas en poesía popular como Dorothé Schubarth ou Domingo Blanco. Os actos fecháronse cunha regueifa na que participaron os catro últimos regueifeiros de Bergantiños: Guillermo da Rabadeira e Fermín da Feiranova, como representantes da vella garda; e Suso e Antonio de Xornes, a nova fornada de cantadores. Fermín estaba entre eles e alí desvelou a todos a súa orixe cabanesa nas terras de Silvarredonda.
O regueifeiro Fermín botouse tamén a poeta, púxose a escribir aquilo que tiña cantado en público tantas e tantas veces e publicouno baixo o título de "Recordos dun regueifeiro". Esta publicación do Concello de Cabana de Bergantiños en homenaxe ó seu fillo regueifeiro, supón o rescate dun poeta popular como outros moitos que hai por Galicia adiante. Non é este o primeiro libro dun poeta popular en Bergantiños xa que desde hai décadas téñense publicado varios poemarios de escritores desa estirpe. Citamos as Páxinas da "rexubeira de Bergantiños" de Asunción Antelo, "A miña vida en verso" de Manuel Mourelle ou a "Colleita poética" de María Baña. Agora súmanse estes Recordos dun regueifeiro.
Neste libro, Fermín é debedor, así o recoñece e así se pode ler na súa obra, de catro grandes poetas bergantiñáns: Alfredo Brañas, María Baña, Eduardo Pondal e Asunción Antelo. Nos versos do regueifeiro obsérvanse pegadas sobre todos destes tres últimos. Coma Pondal, canta á súa terra de nacencia. Como Asunción, condúcenos polos lugares máis simbólicos de Coristanco.
Nos Recordos dun regueifeiro, está parte de Bergantiños. Romarías, aldeas ou costumes da xuventude. Tampouco falta a crítica directa como denuncia de actitudes reprochables.
Lendo estes poemas de Fermín da Feira Nova, un pode facerse a idea de que o está vendo regueifar enriba dun palco ou na pantalla da televisión. Canta e escribe nunha lingua de fonda raíz bergantiñá como mostra da lingua viva conservada na nosa comarca, aínda que en ocasións empregue o castelán.
Hoxe en día é difícil presenciar unha regueifa na terra de Bergantiños, patria da regueifa. Tan só, de raro en raro, se programa algunha por estes lares. Por sorte, coa lectura deste libro será máis doado recordar a memoria destes versificadores de vella estirpe. Fermín Calvo Gómez, Fermín da Feira.
MÚSICA
Os ghaiteiros de Neaño
Foron tocar á Penela.
Perderon a gaita en Liñares
Andan mirando por ela.
Arado de ferro
E carro con bois,
Orquillas e sachos,
Traelos despois.
Arado de ferro
E carro con bois,
Orquillas e sachos,
Traémolos nós.
A catro pesetas
Traballades vós.
BIBLIOGRAFÍA
Kirk Martínez, O. e Díaz Carro, P (2012), Cancioneiro de Cabana de Bergantiños, Cabana de Bergantiños.
Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social, Cabana de Bergantiños; Deputación da Coruña.
Soraluce Blond, J. R. e Fernández Fernández, X. (1995), Arquitecturas da provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso, Deputación da Coruña.