Santo Estevo de Anos

Cruceiro de Santo Estevo

Como materiais combina o granito con formigón. A plataforma é cadrangular de dous graos e o pedestal, tamén cadrangular, remata con chafráns. Posúe mesa adosada para colocación do Sacramento nas procesións. O capitel é corintio e presenta follas de ápice groso e redondo. A cruz é rectangular. No anverso ten a Cristo crucificado con tres cravos, cabeza inclinada cara á dereita, mans pechadas, coroa de espiñas á cabeza e pano de pureza anoado por diante. No reverso aparece a Virxe con xesto aflixido.

 

Cruceiro do adro da Eirita

Está construído en granito. A plataforma, de dous graos, e o pedestal son cadrangulares. O varal é cadrado con chafráns. O capitel é piramidal escalonado, caso único no concello. A cruz é cadrangular con brazos achafranados. No anverso, Cristo crucificado con tres cravos, cabeza ladeada cara á dereita, mans abertas, con coroa de espiñas, pano anoado á dereita e aparece a cartela de INRI. No reverso, a Virxe en actitude orante coas mans en cruz sobre o peito.

 

Cruceiro da carballeira da Ermida

Está construído en granito e presenta partes moi erosionadas. A plataforma é cadrangular con tres graos. O pedestal é tamén cadrangular. O varal é cadrado con chafráns. O capitel é troncopiramidal invertido. A cruz é cadrangular con brazos achafranados, remates florenzados, cabezas de anxos con ás e coroa e espiñas. No anverso, Cristo está crucificado con tres cravos, inclina a cabeza cara á dereita, ten coroa de espiñas, mans abertas, panos de pureza anoado á dereita; acompáñase nos laterais pola Virxe e San Xoán; unha imaxe de xeonllos bícalle os pés. No reverso, aparece unha Piedade sobre unha peaña dun anxo con ás; sobre a súa cabeza o Espírito Santo.

Galego