Ruta 7.Das Agrelas ó Briño por Fontefría

Este itinerario condúcenos desde as augas do Anllóns ata o pasado máis remoto de Cabana de Bergantiños.
Seguindo as pegadas decimonónicas do bardo de Bergantiños, Eduardo Pondal, subimos O Roncaduiro e achegámonos á Cidá de Borneiro, fiel mostra da cultura castrexa máis enxebre, menos romanizada. Desde ela, encamiñámonos ós cumes do monte Gontón para albiscar A Insua e a Terra de Bergantiños coma se fosemos donos do vento. A casa do pintor naïf, Manuel Lema Otero, tres cruceiros viradoiros e aldeas espalladas polo Chan de Borneiro vixían o noso deambular.
Case no treito final, os dolmens de Dombate agárdannos como arcas que acubillan no seu interior unha historia ateigada de segredos. A carballeira do Briño, coa súa romaría, a fonte, a capela vestida de santos pétreos e o seu vello cruceiro dinos adeus na nosa viaxe.

Itinerario Ruta [PDF]

 

1. Miradoiro das Agrelas

O miradoiro das Agrelas é unha pequena área de descanso que nos brinda con toda a emoción a vida e cores que reinan na enseada da Insua.
Coa impresión de que a poderemos tocar coa man, veremos A Barra, lingua de area que fecha o paso das augas mariñas e que conforma un hábitat particular para a vexetción dunar (feo da praia ?Ammophila arenaria). Na revolta da Barra gaivotas, cercetas, gavitas e cormoráns ofrécense como unha pequena representación da colonia de aves que poboan o esteiro ó longo de todo o ano. As placas de area agatuñan, empurradas polo vento, polas abas do monte Branco ata dominar as alturas desde o seu cume.
Na distancia, Corme como vila mariñeira irmá de Cabana por un pasado compartido de embarcacións veleiras.
Nas lindes das augas do río, pervive aínda o pasado das carpinterís de ribeira.

Ás nosas costas, tras as casas, as ruínas da capela de Fátima, en Sinde, que vimos no primeiro itinerario.

 

2. Rego dos Muíños

Este rego nace entre o castro A Cidá e as faldras do Castelo de Borneiro. Por veces, o seu percorrido convértese en fervenza e o ruído das súas aguas provoca un constante e agradable son.

O seu desnivel foi tamén aproveitado para mover os rodicios e oito muíños.

Este regato foi un espazo de vida, pero tamén de maxia, xa que aquí se encontraba o cruceiro viradoiro da Corga da Coxa.

 

3. Cruceiro da Corga da Coxa ou do Roncaduiro

O cruceiro da Corga da Coxa ou do Roncaduiro sabemos del por un debuxo que o galeguista Alfonso R. Castelao incluíu no seu libro As cruces de pedra na Galiza. Ademais, este escritor de Rianxo, ofrécenos a súa descrición (Castelao, 1950: 48-49)
 

?Unha cruz que cómpre citar como moi antiga, aínda que a súa antigüidade sexa hipotética, é a que se ve no logar do Roncadoiro ?feligresía de Borneiro e concello cruñés de Cabana- Esta cruz é xiradoira e a súa feitura, de cabeza ensanchada e longa, fai pensar que se trata dun moimento antigo, cicais arrefeitado máis tarde. Pola súa condición de pedra xiradoira, o pobo concédelle virtudes miragreiras?.

 

4. Ponte vella no rego dos Muíños

Unha ponte de pedra, da primitiva estrada Cabana-Baio esconde, baixo os seus arcos cubertos de hedra, unha pequena fervenza. Ponte arriba, achegámonos ós dous primeiros muíños do río dos Muíños ou do Roncadoiro. Tamén a unha pequena área de información sobre cultura castrexa e a Cidá de Borneiro. Desde esta, collemos sendeiro para acceder ó único castro escavado e con servizo de guía informativo na Costa da Morte.

 

5. A Cidá de Borneiro

O nome co que se coñecía antigamente (Otero Cebral, 55) era a Cidade dos Mouros.

A Cidá de Borneiro atópase nun extremo do Chan de Borneiro. A súa planta ovalada está protexida por un foxo e unha muralla só interrompida polo leste para dar paso á entrada principal. As murallas foron construídas meidante un amoreamento de grandes pedras, rodeadas de terra e pedra miúda por ambos lados, e todo isto contido por un muro; o grosor medio é de 4 m, a parte máis alta mide 5 m. As súas dimensións (56x104) catalógano como un castro de tamaño medio. Foi o primeiro castro galego que contou con datación absoluta a partir do método do C-14. Jorge Juan Eiroa ofreceu como data máis alta de habitabilidade o ano 520 a.C. Foi descuberto en 1924 por Isidro Parga Pondal e Ciriaco Pérez Bustamante. As primeiras escavacións iniciáronse na década dos 30 do séc. XX a cargo de Sebastián González; na dos 70 reanudounas J.J. Eiroa; a terceira etapa desenvolveuse a partir de 1980, dirixida por Ana Romero.

Achados pétreos
As pezas máis abundantes son os muíños planos, coa base plana e pisón. Ademais, encontráronse pedra de afiar, moldes de fundición de metais, pequenos colgantes de adorno, fusaiolas e un machado pulido.

Cerámica
Os miles de restos de pratos, cuncas, olas ou xarras encontrados apareceron en estado fragmentario, debido a que o castro foi abandonado pacificamente (os seus habitantes só deixaron pezas que non lles servían para nada). É cerámica bastante tosca con areas na superficie. Predominan as coloracións avermelladas ou amareladas. Os motivos decorativos son mamilos, cordóns aplicados, ungulacións, triángulos. A decoración realizábase por aplicación plástica, mediante incisións, excisións ou por técnica impresa ou brunida.

Achados metálicos
En bronce apareceron agullas, aneis, doas de colar, fragmentos de vasillas metálicas, asas de sítulas, conteiras, empuñaduras de puñais de antenas, láminas decoradas. O máis salientable é unha fíbula de longo travesaño, decorada coa técnica de nielado con fío de prata, e que no século pasado chegou a formar parte da exposición Galicia no tempo. Os obxectos de ferro (coitelos, puñais, fouces, ciceis ou picos) relaciónanse coas actividades doméstica, agrícola ou metalúrxica que se desenvolvían no castro.

As vivendas
Son de planta redondeada ou rectangulares e agrúpanse a modo de pequenos conxuntos de construcións dispostas arredor de espazos baldeiros, verdadeiros antecedentes dos barrios de castros romanizados. Os seus muros orixinais poderían acadar ata 2 m de altura. O curioso é a orixinal ausencia de porta nas casas, que leva a pensar a que estarían a bastante altura no chan para impedir o acceso á vivenda a réptiles. No interior atópanse os fogares rectangulares formados por pedras espetadas verticalmente; o lume facíase sobre unha capa de arxila; as pedras verticais protexían do lume o poste central que aguantaba do teito. A cuberta, de forma cónica, debía ser de vexetais entretecidos.

A lenda
Polo lugar de Borneiro (Otero Cebral, 58) dise que no castro A Cidá viviron os mouros e que aínda hoxe se poden ver as súas casas antigas.

 

6. CD e canción ?No confín dos verdes castros? de Milladoiro

No ano 1999, o grupo folc Milladoiro, participou no proxecto de divulgación turística do concello de Cabana de Bergantiños, editando un CD con 7 cancións recollidas a Saturnino Cuíñas ou inspiradas nas terras de Cabana. O CD, igual, có libro, levaba un título de fondas pegadas pondalianas: No confín dos verdes castros. Libro e disco, son a base desta viaxe dixital que realizas por Cabana desde a pantalla do teu ordenador.

 

7. O galeguista Xocas en Borneiro

Contra 1925, cando Xoaquín Lorenzo Fernández (Xocas) era alumno da Facultade de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, participa, con membros do Seminario de Estudos Galegos, nas primeiras escavacións do castro A Cidá. Esta presenza de Xocas en Borneiro serviulle, ademais, para escribir un artigo que leva como título: ?Notas etnográficas da parroquia de Borneiro?. Para Xocas, estas notas eran ?simplemente unhas papeletas que pubricamos con obxecto de que poidan ser utilizadas por quen, algún día, faga o estudio da parroquia?. Neste traballo, Xocas describe a xeografía de Borneiro, así como a casa con todos os seus elementos internos e anexos, apeiros de labranza e muíños; tamén realiza unha colleita de cantigas populares, algunhas delas cantadas en vivo polos veciños da parroquia que participaban nas escavacións:
 

Daille gracias aos señores
por nos poñer no retrato:
vinte e dous traballadores
e iles dous, vinte e catro.

As Notas etnográficas de Xocas ían ser publicadas, en galego, no tomo VII dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, pero por mor do estalido da Guerra Civil a revista non chegaría a circular. Anos máis tarde, en 1942, publicouse, agora en castelán, no Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense (1942: 183-203). En 2004, o Concello de Cabana de Bergantiños, co patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística, con motivo do Día das Letras Galegas dedicadas a Xocas, rescatou a versión galega do seu traballo. Ademais, ofrecíase unha proposta didáctica a cargo de Carme Fariña Miranda, Ángel Eiroa Pose, Ana Pastora Recarey Lema e Martín Martínez Rioboo.

 

8. Camiño real a Vilaseco

Á beira da estrada AC-430 Cabana-Baio, encóntrase a fonte de Vilaseco. A carón dela transcorre o camiño real que seguía Eduardo Pondal e o seu criado Farruco da Bouza cando, dacabalo, na súa viaxe desde Ponteceso se dirixían a Nemiña (Muxía) para estudar co seu tío crego, Cristóbal Abente Lago.

 

9. Cruceiro viradoiro camiño de Borneiro

A carón da pista asfaltada encontramos (dos tres), un dos cruceiros viradoiros que existen na parroquia de Borneiro.

 

10. Igrexa de San Xoán de Borneiro

Segundo Xosé Mª Lema Suárez (1998: 103-126), o arco da porta principal, de grandes doelas, o arco triunfal interior, de molduraxe moi fina, e o corpo da nave son as partes máis antigas da igrexa de San Xoán de Borneiro, do século XVI. O retablo maior, barroco, do segundo terzo do XVIII, é obra do imaxineiro local Juan Martínez e do seu fillo Ignacio. Do século XVIII é o seu crucifixo, e os seguintes santos: Virxe do Socorro, Santo Antón Abade, Santo Antón, Santiago e a Virxe das Dores. No século XIX dátase o San Xoán. E do XX, unha Soidade, unha Mariña e un San Roque.

 

11. Juan Martínez

Juan Antonio Martínez (Lema Suárez, 2000: 175-205) rexentou un obradoiro de retablos na parroquia de Borneiro. Traballou durante os anos 1720 e 1749. Da súa labra son os retablos das igrexas de Laxe (1723), Sarces (1727) e Baio (1734). Ademais, fixo as figuras do alto do cruceiro do adro de Lamas. Para Lema Suárez (2000: 179), Juan Martínez debeu ser un mestre ?moi habelencioso, un verdadeiro mañoso que tanto facía retablos como esculturas ?de madeira ou de pedra- e mesmo, se facía falla, atendía encargos para traballar como mestre de obras na arqitectura das igrexas?.

 

12. Ignacio Martínez

Fillo de Juan Antonio, Ignacio Martínez aprendeu o oficio no obradoiro de seu pai. Segundo Lema Suárez (2000: 182), en 1744 Ignacio Martínez ten un enfrontamento cos veciños de Borneiro porque non lle aceptan unha imaxe do Carme: 
 

?falto al trato haziendo una imagen indigna de representar en un altar con señales del Carmen, y pr. no querer hazer otra imagen mas decentemente formada?.

Isto puido provocar que o ?escultor e labrador?, como Ignacio Martínez é recoñecido no Castastro de Ensenada (1953), emigrase a Troitosende (A Baña). Desde alí, traballa para as igrexas de Soneira ata a súa morte en 1788.

 

13. Tradicións en Borneiro

En Cabana de Begantiños, a parroquia de Borneiro é unha das que máis tradicións, crenzas e supersticións conserva. Estas foron recollidas polo mestre Xosé Luís Otero Cebral. Expoñémolas a continuación:

1. Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Borneiro deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.
2. Cando unha persoa corta o pelo o día de San Xoán (Otero Cebral, 6) botábano arredor do galiñeiro para protexer as galiñas do raposo durante todo o ano. 
3. Tamén (Otero Cebral, 6) se botan espadanas cun tractor, antigamente con carros, pola estrada e polos lugares nos que na mañá do día 24 de San Xoán transcorrerá a procesión. Rematada a procesión, recóllense as espadanas e lévanse para as casas, quéimanas no lume e afúmase a xente para non colleren o «aire dos mortos» ou «o mal do aire».
4. En Borneiro (Otero Cebral, 8) críase que se berran os corvos ou os mouchos é sinal de morte no lugar.
5. Ademais (Otero Cebral, 8) quen encontre un corvo na estrada, se a ave vira cara a esquerda, é sinal de que quen o ve vai perdido; se vai cara á dereita, aínda pode haber esperanza. 
6. Tamen se di que cando ouvea un can (Otero Cebral, 8) é sinal de desgracia na familia, incluída a morte. 
7. Para espantaren o lobo (Otero Cebral, 9) que ouveaba nas portas, colocábanlle na gateira un fachucos de pallas ardendo e deste xeito o lobo escapaba por medo ó lume.
8. Para plantar unha árbore fóra de tempo (Otero Cebral, 12) ou no propio tempo tiña por costume botarlle unha capa de terra e unha presa de trigo alternativamente, pois isto seica era bo para que lle entre o xermolo da raíz, xa que cando o trigo empeza a medrar vaille metendo a raíz á planta.
9. Polo Día de Defuntos (Otero Cebral, 12) non varren a cociña, porque lles vai o demo bailar nela e isto é sinal de mala sorte. 
10. Non se varría a cociña (Otero Cebral, 12) pola noite para fóra xa que así se ía a sorte da casa e cando ó varreren a cociña lle varren a un os pés nunca se casará porque queda sen pretendentes.
11. O Día de Defuntos (Otero Cebral, 12) cando van para a cama non apagan o lume da lareira, pois os vellos din que se veñen quentar os defuntos a ela. 
12. Ó meter o pan da artesa para o forno coa pa (Otero Cebral, 12), se se pasaba con esta por riba do lombo dunha criatura, seica se lle cortaban as medras e quedaría anana para sempre. 
13. Para espantaren as meigas (Otero Cebral, 12) usan un dente de allo ou unha cruz que levan a canda eles no peto.
14. Fáiselle (Otero Cebral, 12) á masa do pan que está na artesa unha cruz para que levede e así non entren as meigas no pan.
15. Cando un labrego (Otero Cebral, 13) acaba de traballar unha leira fai unha cruz no chan para que non entren as meigas nela.

 

14. Cruceiro do igrexario 3

Sorprende neste cruceiro o capitel abucinado invertido con moldura na parte superior. Semella unha maceta feita en barro de Buño. A cruz, singular, ofrécese con forma romboidea, remates florenzados e círculo central case en altorrelevo. Desde unha plataforma enterrada e un pedestal cúbico, emerxe o varal octogonal que nace en sección cadrada.

 

15. Cruceiro do igrexario 1

O cruceiro do igrexario de Borneiro sorprende pola súa construción: a súa estrutura desde logo non faría pensar que rematase nunha cruz de brazos achafranados exenta de todo tipo de imaxes. Non obstante, isto parece unha constante en varios cruceiros encontrados nesta parroquia. Ademais, a cruz non presenta o seu anverso cara á mesa adosada que senta enriba dun pedestal tamén rematado en chafráns. O pedestal ten dúas escaleiras. O máis salientable é o capitel con astrágalo circular liso, rica decoración vexetal e cabezas de querubís nas metades de cada cara.

 

16. Cruceiro do igrexario 2

Este cruceiro presenta como particularidade a de ter plataforma e pedestal enterrados. O varal é octogonal. O capitel, cilíndroco moldurado. A cruz contén tres detalles decorativos: brazos achafranados, remates florenzados e un círculo no cruzamento dos paos.

 

17. Casa do pintor naíf Manuel Lema Otero

Manuel Lema Otero foi gañador, en 1982, coa obra A batalla do Ebro, do Iº Premio de Arte Naïf ou Inxenuísta Galega convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza.

 

18. Manuel Lema Otero

Manuel Lema Otero naceu e morreu no lugar de Borneiro (Cabana de Bergantiños) nas seguintes datas: 04.06.1916 / 06.08.1991.

É a persoa máis singular desta parroquia cabanesa por varios motivos. Por ser home de moitos oficios: labrador, carpinteiro-encofrador, emigrante, pintor, inventor, vendedor de pitos e pensos, escavador no castro A Cidá. Por ser persoa de varios nomes: Manuel do Monte, o Home dos Pitos. E por ser o pintor e inventor máis famoso de todo Cabana de Bergantiños.

Moi pouca xente da redonda sabía que Manuel do Monte pintaba, cando, no ano 1981, gañou o primeiro premio (200.000 pesetas) do Concurso de Arte Naif ou Inxenuísta convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Contaba daquela con 65 anos. A este certame pictórico presentáranse 575 obras e Lema Otero, das dez que depositara a concurso, saíu vencedor con «La Batalla del Ebro» e metera outras dúas na final. O xurado, formado por persoas de prestixio como Juan Antonio Vallejo-Nájera, declaraba que o cadro do pintor de Borneiro estaría «entre os 12 mellores naif de España» e cualificábao como «orixinal e libre na súa exposición». Como recoñecemento por este premio, o concello de Cabana homenaxeouno en febreiro de 1982.

Tras este éxito, viñeron as exposicións colectivas e individuais. As primeiras realizounas na Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Santiago de Compostela. As individuais, en Ponteceso, Vimianzo, Negreira, Baio, O Couto ou Cabana de Bergantiños. En Vimianzo e Cabana impartiu conferencias arredor do seu traballo como pintor naif. Ademais, moitos dos seus cadros forman parte de pinacotecas individuais espalladas por Laxe, Baio, A Coruña ou mesmo Suíza.

Manuel Lema pintaba polas noites, quitándolle horas ó sono, nun galpón da casa, despois das duras tarefas do campo. A afección por pintar nacéralle na infancia, xa que desde os primeiros anos lle reclamaba a seus pais lapis e papeis que consumía a pasos axigantados debuxando todo o que se lle poñía por diante: barcos, casas, persoas, vasos, vacas. 

A obra pictórica de Lema Otero ten moito de autobiográfico. Os cadros repasan momentos de cando estivo na Guerra Civil, de cando traballou de encofrador ou de cando participou nas escavacións da A Cidá. Moitas das pinturas teñen certo sabor didáctico ó emitir mensaxes de denuncia contra unha sociedade enterrada no vicio, no alcoholismo e formada por unha xuventude sen cabeza. A abundancia de temas relixiosos e a presenza constante da súa paisaxe natal van conformando un mundo creativo cheo de interese.

Outra das facetas creativas de Manuel do Monte foi a de inventor. Tamén de cativo, cos amigos da aldea, comezou a elaborar todo tipo de aparellos. Un dos primeiros foi o sistema para conseguir metano a partir de esterco con tubos de barro. Andando os anos, saíron do seu maxín o libro das quinielas, xoguetes articulados, moldes para capiteis, termómetros de fornos, sistemas de alarmas contraincendios ou a bomba de auga sen gasto de enerxía. Os inventos de máis sona, e que conseguiron patente, foron a tella plana e a incubadora dos pitos. Este último artiluxio deulle de comer durante moito tempo, dado que se dedicou a comercializar crías de galiñas por todas as aldeas da Costa da Morte, de aí que nalgúns lugares se coñecese co nome de «O Home dos Pitos».

 

19. Castro de Borneiro

Está situado na faldra dun dos cumes dos montes de Borneiro. Para Isidro Parga Pondal e Ciriaco Pérez Bustamante (1934), este era un dos castros máis intersantes de Galicia pola grandeza das súas obras de defensa; os seus construtores aproveitaron os bloques de granito da montaña para construír os bastións, muros e parapeitos. A lenda (Otero Cebral, 69) conta que en Borneiro hai unha longa vida de ouro que van desde A Cidá ata o Castro de Borneiro; esta viga está recuberta de xofre; cóntase tamén que, se un carro pasa por casualidade por onde a viga, seica a chega a rascar coa roda, pero ó parecer ninguén a chegou a ver. Outra das lendas do castro (Otero Cebral, 70) fala dunha galiña con pitos:
 

?Un bo día, unha muller do lugar de Borneiro decidiu ir dar un paseo cunha veciña súa polo castro de Borneiro. Estando nestas e polo castro adiante, a muller viu nun acocho unha galiña cunha enfeitizosa rolada de pitos. Ós poucos, intentou convencer a veciña para volveren para as súas casas. A boa da veciña, sen sospeita de ningún tipo, accedeu á proposta, regresando deste xeito as dúas ós respectivos fogares. A muller, de alí a un instante, foise de novo ó castro e colleu para o seu regazo a galiña e os pitos e levounos con moito aledamento para a súa casa. En chegando a esta, abriu de mandil diante dos seus para así ensinárllelos, pero topouse con que no seu fardel xa non había nada. Segundo ían pasando os días, ela íase entristecendo e entristecendo ata que chegou bater coa inesperada morte?.

 

20. Igrexa dos Lobos ou Niño dos Corvos

Encóntrase a carón do castro. É un dolmen natural (non contruído polo home), quizais tamén utilizado polos habitantes do castro. En tempos servía de refuxio ós pastores de Borneiro, así como tamén de animalias salvaxes.
Otero Cebral (68) recolleu a seguinte memoria deste monumento natural: 
 

?A Igrexa dos Lobos, tamén coñecida no lugar co nome de A Cova dos Lobos, atópase no mesmo van do castro de Borneiro. Cóntase no lugar que en tempos lonxanos os gandeiros que ían coa vacariza para o monte todo o día, seica se ían abrigar á mentada cova e tamén din que se axuntaban alí todos ata para comeren e divertírense. Era, pois, o lugar de encontro entre todos os que se xuntaban ó pastoreo. No lugar tamén marmañan que cando houbo habitantes no castro, é de supór que estes acudisen ó lugar tan infranqueable para protexerse, tanto dos inimigos coma das feras que os atemorizasen?.

 

21. Fernandiña

Fernandiña (371 m) é un dos cumes máis altos do monte Gontón ou montes de Borneiro. Desde ela, gozaremos dunha boa panorámica da enseada da Insua, de todas as parroquias de Cabana e da maioría dos concellos da comarca de Bergantiños.

 

22. Cruceiro viradoiro en Vilaseco

En Vilaseco, outro cruceiro viradoiro, nesta ocasión máis alto có primeiro que vimos e, ademais, apegado ó recinto de peche dunha vivenda. Levántase enrique dunha pena rodeada de loureiros. Na actualidade, a súa cruz viradoira está cementada para evitar as trasnadas dos rapaces.

 

23. Conxunto etnográfico de Vilaseco

Na desembocadura do camiño real que traía a Pondal por Vilaseco batemos cun cruceiro e un conxunto de cabazo que obrigan a nosa parada. Cabazos de pés e cepas que nos falan da importancia que tivo, e aínda ten, a agricultura para os habitantes desta aldea cabanesa.

 

24. Chan de Borneiro

O Chan de Borneiro é unha planicie que se inicia nas terras de Baio e, contra a banda de Cesullas e Laxe, se rodea dunhas cordas montañosas; non obstante, cae en declive polo leito do rego dos Muíños que leva ás Agrelas e contra a banda de Ures, que anda camiño do desaparecido mosteiro de Canduas. No noso deambular polo Chan de Borneiro, cando a vexetación o permita, podemos albiscar as terras areosas do monte Branco.

 

25. Ures

Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Ures deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

 

26. Fontefría

Este lugar, que debe o seu nome ás cualidades ?frías- das augas da súa fonte, espéranos con cabazos de pedra ateigados de pan ?millo-, con cruceiros que marcan de modo sagrado as encrucilladas como espazos de encontro. Por vedes, os peches das hortas fanse con setos vexetais. (Desde Fontefría, pola dereita, é aconsellable subir ó monte Castelo, a pé ou en bici; desde aquí, despois de pasar o cruceiro da portela, observamos a vila mariñeira de Laxe; baixada opcional ata a aldea de Aguarrei e A Cruz do Cabalo).

 

27. Regueifa en Fontefría

Otero Cebral (71-74) recolleu esta regueifa dun regueifeiro do lugar de Fontefría.
 

Aquí veño, os de Borneiro,
mirádeme ben para as orellas,
eu sonvos aquel lorchán
que ía sempre coas ovellas.

Canto eu ir para fóra,
canto eu moito saber;
pois xa sei dende agora
que máis non vos pode ver.
Dis dese porque está rico
e a pobres non quere ver;
si xa teño gardado un pizco
que chega ben para non volver.

Habana é o dezaseis de marzo
que cadra na quinta feira
do min novecentos noventa e un
contando á nosa maneira.

Carta que lle escribe un homiño,
no mesmo medio do monte,
e debaixo dunha sombra,
e que manda á carreira
nunha ala dunha pomba,
para que sexa lida toda enteira
no medio de Santa Comba.

Non vén pedindo limosna,
anque vergoña non cha ten;
si Deus lla mandara pedir,
sen ti un home de ben.

O pedir non é vergonza,
o pedir non é pecado,
vergonza é ser moi rico
para logo ser condenado.

Feito está xa,
o principal desta carta
que vos mando caladiña
e moi quedos estaredes escoitando.

Empezaron os veciños
e tamén outra xentiña;
os seus tenros sospiros
por causa desa terriña.

¡Ai, terra de Borneiro!
Tres anos hai que non te vin,
e trece que te deixei
e o dobre que eu nacín.

Catrís e Vilamaior,
Grisol, Vilar, Rivela,
Pedrido, San Salvador
ata as torres da Penela.

Rial de Cuns e Xurdín de Fornos
e Vilar Queimado,
porque andades coma sombra,
ben detrás ou ben de lado.

Desde o castro de Borneiro,
onde andaba coas ovellas,
como vin salir o fume
blanquiño das vosas tellas.

¡Ai, miña Costa querida!
¿Canto sobre ti estarei?,
porque non me veu a morte
o día que te deixei.

Vedes unha cazarola
que está alí na rilleira;
pois alí xuntábame eu
con Pepe da Carballeira.

Os dous eramos rapeces,
pero queriámonos ben.
Eu pensaba ser seu mozo,
miña moza ela tamén.

O día que eu marchei de aí,
ela botou uns cantos espiriños.
Deus lle dea moita sorte
para criar os seus filliños
e a min moita paciencia
con estes meus traballiños.

Traballos que eu non busquei,
buscáronme eles a min,
pero non faltará quen diga
que eu son un galopín.

Eu non sei que demo teño,
nin fumo, nin bebo viño;
ás mulleres non llo dou
e nunca teño un pesiño.

Pero acórdome dun conto
de Salgado da Riqueira,
sentino no amullareiro,
serache a muller ou a meiga.

O lugar de Vilaseco,
todo é un pedregal,
as casiñas afumadas
e as ventanas sin cristal.

O lugar da Fontefría
non é lugar nin alforxa,
todo é corredoiras vellas
onde o burro estrica a gorxa.

No lugar de Vilaseco,
hai unha pedra furada
para se sentar so mozos
cando veñen da foliada

 

28. Antes nas praderías

A semellanza das grandes pedras coas que se levantaron os dolmens, ás veces, fileiras de antes, pedras planas chantadas de pé, marcan as lindeiras das fincas.

 

29. A Gándara

Na aldea da Gándara, a tradicional produción agrícola reconverteuse en cultivos baixo abrigo. Nas eiras, de par dos cabazos, aínda nos é doado observar algún que outro palleiro ou cabana de palla de trigo, elemento etnográfico que deu nome a este concello de Cabana de Bergantiños. Nas leiras da Gándara tamén se encontrou un dolmen chamado «Pedra da Mina». Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños da Gándara deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

 

30. Dolmen da Gándara

Na Gándara (Eiroa Pose) hai os restos dunha mámoa con dolmen que tería unhas medidas iniciais de 15 m de diámetro e 2 m de altura. Está moi afectado polas tarefas agrícolas. Hoxe tan só se conserva unha lousa fracturada do antiga cámara poligonal. O dolmen da Gándara foi estudado polos arqueólogos do Seminaro de Estudos Galegos en 1924.

 

31. Cruceiro en Dombate 1

Nunha plataforma enterrada aséntase o pedestal cadrangular que remata en mediacana. O varal é octogonar con remates cadrados. Capitel, cadrangular moldurado. A cruz presenta curtas dimensións, pero aspecto cadrangular e macizo. O reverso carece de imaxe. No anverso Cristo crucifícase, en imaxe de altorrelevo, de mans abertas con tres cravos, cabeza inclinada á dereita; está coroado de espiñas e o pano da pureza anóase tamén á dereita.

 

32. Cruceiro de Dombate 2

Levántase parello ó valado dunha herdade. A plataforma é de mampostería. O pedestal, cadrangular bastante desgastado. O varal, robusto, ten sección octogonal. O capitel moldurado ofrece unha das peculiaridades deste cruceiro: a presenza das inciais BFB, posiblemente en alusión ó doador deste elemento patrimonial. A cruz cadrangular presenta dous singulars detalles decorativos: unha Virxe orante esculpida en altorrelevo e que se encerra nunha roda que rodea os paus; este detalle emparenta este cruceiro de Dombate coas cruces de inspiración irlandesa de Tabagón (O Rosal. Pontevedra). Baixo os pés da Virxe, aparecen o cáliz e a hostia. ¿Que pasa no reverso? Os remates frontais dos paus decóranse cuns sinxelos círculos.

 

33. Aldea de Dombate

Casas rurais con cabazos soneiráns de pés e outros edificios anexos.

 

34. Cista da Insua

A cista da Insua achouse cando uns labregos andaban facendo uns labores agrícolas nos mesmos abeiros do dolmen de Dombate, no lugar da Insua, sito na parroquia de Borneiro. É unha sartego formado por varias pedras que data da Idade do Bronce Final (3000 anos de antigüidade). Encóntrase depositada no Museo Arqueolóxico Provincial da Coruña e fórmana sete lousas das que catro conteñen motivos decorativos e as restantes non.

As catro lousas que posúen motivos decorativos teñen estas dimensións, segundo os arqueólogos que as estudaron:
1. A lonxitude destas vai dende os trinta e dous centímetros ata os noventa.
2. O alto das mesmas varía dunha á outra e vai dende os trinta e sete centímetros ata os cincuenta e catro.
3. O grosor tampouco é uniforme, indo dos sete centímetros ata os dez.

Eses mesmos estudiosos tamén nos amosaron as características decorativas que nos presentan as devanditas.
A primeira lousa preséntanos unha franxa chea de figuras triangulares equidistantes e unha ringleira de cazoletas que levan entre elas unha liña paralela e unhas once perpendiculares.
A lousa segunda ten semellos coa primeira e presenta certos fundamentos iconográficos con figuras inacabadas e axiométricas.
A terceira está formada pro dúas filas de triángulos, tendo unha oito e outra nove.
A cuarta, posúe unha parella decoración coa anterior, pero con nove triángulos en cada fila.

A reconstrución da cista da Insua vén ser un parelípedo ó xurtármos as súas lousas e comprobarmos as súas formas. Pola súa arquitectura, parece pertencer ó Bronce Antigo ou mesmo ó Inicial.

 

35. Dolmen de Dombate

O dolmen de Dombate é un monumento funerario de cámara poligonal con corredor diferenciado, con gravados nalgunhas lousas e rodeado por un túmulo de forma acorazada. A cámara está formada por 7 ortostatos verticais e unha cuberta. Mide 4 x 2,5 m e ten unha altura de 3 m; a altura exterior da lousa de cabeceira alcanza os 4,64 m. O sistema de colocación das lousas e de construción da cámara realizouse polo método de imbricación, calzadas con pedras de menor tamaño para asegurar a súa verticalidade. O corredor, disposto cara a oriente, está formado por tres treitos de ortostatos e ten unha lonxitude de 4 m. As pedras da cámara e corredor (Eiroa Pose) foron arrincadas do monte Pedras Bastas, en Dombate, que está formado por un granito doado de traballar. A masa tumular está composta por terra de cor escura e con pequenas pedras. O remate exterior do túmulo márcase cunha fileira de lousas planas depositadas horizontalmente no chan; descoñécese se a súa atípica forma acorazonada foi adoptada voluntariamente desde un comezo ou se procede de adicións sucesivas.

A pintura
Presente no interior da totalidade dos ortostatos, está aplicada sobre unha capa de imprimación de arxila branca. Aparece como un complexo conxunto articulado en dous rexistros horizontais definidos por unha banda vermella adornada de puntos vermellos e negros. O rexistro superior da pintura, só conservado no corredor, presenta restos de zig-zags negros inscritos en dúas rectas paralelas tamén en negro. A disposición destes zig-zags, vertical e horizontal nos extremos das lousas, indican que servían de delimitadores deste rexistro, a modo de marcos. As pinturas de Dombate enmárcanse na corrente de arte megalítica noroccidental.

Os gravados
Existen tan só no interior dos ortostatos da cámara e son de difícil interpretación. Presentan o aspecto de figuras bicónicas, cunhas liñas que semellan asas, preto das que aparecen varias liñas onduladas e serpentiformes. E. Shee e García Martínez denomináronos The Thing ou A Cousa. Aparecen en disposición vertical e horizontal.

Os idoliños
No límite exterior da coraza destacou a aparición dunha fileira de 20 idoliños que separaban o xacemento do mundo exterior e actuaban como protectores do dolmen. Algúns teñen forma toscamente humana, outros redondeada.

Outros achados
Trapecios de sílex, follas enteiras ou fragmentadas, contas de colar toneliformes, puntas de frecha de base triangular en sílex ou cuarzo, hachas e aixolas pulimentadas, fragmentos de cerámica campaniforme.

A lenda
A lenda do dolmen (Eiroa Pose) conta que a súa cuberta de cabeceira foi transportada á cabeza por un encanto feminino, quen construíu o dolmen mentres palillaba.

Dombate primitivo
A gran sorpresa das escavacións foi a aparición dun dolmen pequeno debaixo do túmulo do visible. A cámara estaba composta por nove ortostatos reforzados cun contraforte. Consérvanse un dos soportes da cámara, as laxes horizontais do perímetro exterior do túmulo e algunhas pedras da coraza que podemos obsrvar na sección dun muro testemuña.

 

36. Poema O dolmen de Dombate de Eduardo Pondal

O dolmen de Dombate
 

Aínda recordo, aínda, cand?eu era estudiante,
garrido rapacete que ben regerse sabe,
cand?iba p?ra Nemiña a estudïar o arte
do erudito Nebrija e do boo Villafañe,
e iba a cabalo, ledo, cal soen os rapaces.

Pasado Vilaseco, lugar batido do aire,
no alto da costa d?Ures, de montesía canle;
pasado Vilaseco, indo p?a gandra adiante,
ja vía desde longe o dolmen de Dombate.

Deixando Fonte-Fría cara o lado de Lage,
e levando o camiño de San Simón de Nande,
polo chan de Borneiro de cativos pinales,
cuase pasaba a rentes do dolmen de Dombate.

Quedaba o misterioso fillo doutras edades
c?a súa antiga mesa, c?as súas antigas antes,
no seu monte de terra, non alto e ben roldante,
poboado en redondo de montesío estrame,
de pequenas queiroas e de tojos non grandes,
como calada esfinge que, sublime, non fale;
como náufrago leño de soberbio cruzamen,
lanzado sobr?a praia por potente oleage,
que de pasada rota mostre rudas señales,
e mostre aberto o flanco por glorioso combate,
e con linguage mudo das súas glorias fale.
¡Canto, ai, mudar pode longa e vetusta idade!

Entonces eu deixando ambas rendas flotantes,
penoso iba cuidando, p?la Viqueira salvage,
nos nosos ja pasados, nos celtas memorabres,
nas súas antigas glorias, nos seus duros combates,
nos nosos vellos dolmens e castros verdejantes.

E despois a Nemiña, ou que fose ou que tornase,
ó velo desde longe, indo p?la gandra adiante,
sempre ledo escramaba: «¡O dolmen de Dombate!»

Agora que pasano meus anos jogorales,
agora que só vivo de tristes suïdades,
que cumpro con traballo meu terrenal vïage
e qu?a miña cabeza braquea a grave edade,
aínda recordo, aínda, o dolmen de Dombate.

 

Eduardo Pondal

 

37. Poema ?O dolmen de Dombate? de Antón Zapata

(Dunha costume danzal celta: a roldanza)
 

Ao son das graves arpas dos bardos de Briganza,
e darredor do dolmen cinguido de druídas,
baixo o craror da lúa, en roldas ben tecidas,
as celtas virxinaes bailaban a roldanza.

As súas cantareas de arela, fide e espranza,
voaban pola gandra, cal pombas tremecidas;
e, brancas e lanzales, finxían margaridas
brandéndose co sopro da bris da venturanza.

Daqueles nobres tempos -¡ouh, dolmen de Dombate!-,
só ti quedache ergueito, despois do fero embate
que os lobicáns de Roma levano ó teu solar;

mais, se de nuite a lúa tece seu albo saio
cabo de ti, di a xente que vai pra Laxe ou Baio,
que vío vultos brancos ao teu redor bailar!

Antón Zapata García

 

38. Canción ?Dombate? de Milladoiro

No ano 1999, o grupo folc Milladoiro, con motivo da elaboración da guía-cd No confín dos verdes castros compuxo a canción Dombate inspirada neste xacemento megalítico cabanés.

 

39. Cruceiro da Balsa

Está totalmente construído en granito e presenta a plataforma enterrada. O pedestal é cadrangular rematado con medias canas. O varal é octogonal comezando e rematando en cadrado. O capitel é cadrangular moldurado. A cruz ten sección cadrangular. No anverso aparece Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara á dereita, de mans abertas e con coroa de espiñas, co pano da pureza anoado á dereita. O reverso carece de imaxe.

 

40. Escola Unitaria de Borneiro

O edificio da escola unitaria de Borneiro exerce unha dobre función social. Ademais da educativa, outros espazos da mesma foron adaptados para punto de lectura e salón de actos e reunións para os colectivos da parroquia.

 

41. O regueifeiro Severo Rodríguez

O regueifeiro Severo Rodríguez Martínez naceu no lugar de Sinde (Canduas) e morreu en Boneiro apenas días antes de cumprir os 92. Traballou como lancheiro na enseada da Insua cando as vellas lanchas do Anllóns transportaban madeira desde o río ata o porto de Corme para embarcala en desaparecidos barcos de cabotaxe.

A figura de Severo Rodríguez é mostra dun importante pasado cheo de persoeiros da literatura popular en Cabana de Bergantiños. Pelexou cos mellores regueifeiros da época e dos que xa hoxe non queda memoria. Con David Tedín de Tabuído, con María da Barola do Buzaco, con Cadete, con Bailón de Reboredo. Unhas veces regueifaba na taberna de Paredes de Borneiro, outras na sala de festas de Baio, cando non o facía en calquera xantar de festa.

Non obstante, as retesías que máis recordaba Severo eran as mantidas coa regueifeira bergantiñá por excelencia, con Leonarda. Non está de máis rescatarmos do esquecemento uns versos.

Cantoulle Severo:

Mira aquela muller vella
que apaña a herba coa man
como non ten home,
de compañeiro ten un can.

Respondeu ela:

Non che é can que é cadela
mira que te engañas ben,
fáltalle un como o teu,
que como o meu xa o ten.

 

42. O Briño

A aldea do Briño está partida pola estrada As Agrelas-Baio. No Briño (Otero Cebral, 13) aínda pervive o feito de que os labregos non botan (sementan) as patacas no día da Nosa Señora de Marzo, pois se o fan será mala a colleita. Dise no Briño (Otero Cebral, 15) que se unha persoa conta as estrelas nunha anoitecida calquera do ano seica lle nacen e medran enrugas por toda a súa pel. Tamén, no Briño (Otero Cebral, 15), falan de que lle nacerán no seu corpo verrugas a quen conte as estrelas nas noites dos martes e venres.

 

43. A romaría do Briño

Nela encóntrase unha mesta carballeira que garda infinitas historias e innumerables lendas. Na carballeira celébranse a festividade da Virxe das Virtudes (1º domingo setembro) e a romaría do Carme do Briño (18 xullo). Esta última foi cantada nun romance polo poeta do rexurdimento galego nacido en Baio: Enrique Labarta Pose.

 

44. O Carme do Briño de Enrique Labarta

Cara a romaxe do Carme
que no Briño se celebra,
festa tan boa, que hai poucas,
que poidan botarlle a perna,
o dazäoito de Xulio,
[...]
Érguese a pequena ermida
onde a Virxen se venera
do Carme, preto unha fonte
i a rente dunha alboreda,
á sombra da que se ven,
formando unha ringla tépeda,
carros con odres de viño
nos que o dios Baco se asenta;
ringlas, a unha i outra banda,
de bancos vellos, e mesas
acoguladas de roscas,
auga de limon, etcétera;
mulleres que venden froita
berrando: «¿A ver quen ma leva?»
Panadeiras cos seus bolos
inda máis duros que as pedras,
que dicen «¡Ai que fresquiños!»
(a todos cantos llo crean);
cafés, de dous chavos taza,
e que eu non me resolvera
a tomar ¡así me desen
a taza i unha peseta!
I en fin, xentes que se cruzan,
codéanse, falan, berran,
cantan, rin, meten barullo,
corren, veñen e se sentan;
familias que buscan sitio,
e cando o topan esperan
a que a misa se concruia
pra escomenzar a merenda;
siñoritas que chegando
veñen das vilas de cerca
e que, con ricos vestidos
de sospeitosa maxeza,
que foran da últema moda,
aló... na invasión francesa,
facendo mil aspaventos
i á pasiño de gacela,
por antre a xente camiñan
ollando dunha maneira
que quere decir: «¡Asús!
¡Si esto non vale la pena!»
Nais que lles poñen ós mozos
caras de sogras videiras;
pais grosos e bonachós,
que parescen lúas cheas;
abigarrado conxunto
de caras lindas e feas,
de páledas rapaciñas
e de rixosas labregas;
de calzós mui axustados,
de polainas e monteiras,
de saias, panos marelos
e froleadas baxeiras;
de pantalós abombados
e axustadiños á perna;
de lanvitas doutro sigro,
capas azúes e negras,
sombreiros altos e baixos;
montecristos e chaquetas;
de vestidos de cretona,
de lan, de pano e de seda;
todo de tantos cöores,
de feituras tan diversas,
que aquelo tal ves paresce
unha ben surtida tenda,
unha esposición andante,
un bazar de roupas feitas
con mecánecos resortes
que as soparan, que as achegan,
que as alargan, que as encollen,
e confunden e marean.

 

45. A ermida das Virtudes e do Carme

A ermida das Virtudes e do Carme (Lema Suárez, 1998, t. 3: 126-153) amosa, no seu muro sur, un pórtico exterior adosado. A capela maior acolle, en cada triángulo esférico da súa cúpula, as esculturas policromadas de catro evanxelistas; no exterior culmínase cunha lanterna de tambor cilíndrico que ofrece luz ó interior.
A torre campanario érguese no último treito do muro sur.
A fachada, pentagonal, aparece decorada con seis figuras pétreas de santos: no remate, o patrón da parroquia, San Xoán Bautista; no centro, en fornelo rectangular, a Virxe das Virtudes; acompáñana Santiago, santo André, san Paulo e san Pedro. A parte máis antiga da ermida data do século XVI; a fachada é do XVIII.

 

46. A lenda da fonte e da Virxe do Carme

A lenda da Virxe do Carme (Otero Cebral, 94) dinos que esta apareceu sobre a fonte que mana diante da fachada da ermida. As súas augas eran empregadas para sacar o mal do aire; para que xurdisen efecto, as persoas que a ían buscar non podían cruzar palabra con ninguén polo camiño, nin mirar atrás; tamén curan os males dos ollos ós romeiros ou son benefactoras para os ben pretendidos en amores. A literatura oral soubo gardar estas lendas.

 

47. O Hospital do Briño

Documentación do XVIII fálanos da existencia dun hospital para enfermos devotos ó coidado dun ermitán construído arredor da fonte. O hospital tamén podía acoller a peregrinos que se desprazaban a Compostela por Zas ou a Fisterra. A confraría das Virtudes era a encargada de sleecionar o confrade que máis doara á Virxe. En 1731, Eusebio de Calo ofrecía un castrón e media libra de cera, pero foi superado por Miguel da Castiñeira, con dous castróns e unha libra de cera, quen se quedara co cargo. O hospital foi reformado en 1784 e arruinouse pouco a pouco. Na actualidade tan só se conserva o nome. Os veciños de Boneiro asocian a contrución deste hospital cunha dozaón, por curar dunha doenza, que no século XI fixera a condesa Argilo Peláez ou Argelona, emparentada cos Condes de Traba. A condesa doa nesa data o seu mosteiro familiar de San Xoán Bautista de Borneiro ó mosteiro de Moraime de Muxía. Otero Cebral (54) indica que o mosteiro estaba no lugar chamado Vilanova.

 

48. Un entroido coa corrida do galo

No Briño, durante o tempo de entroido, celebrábase unha singular manifestación entográfica (Imia Vázquez, 1999: 12) coñecida como o Xogo do Galo. Esta celebrábase o luns ou martes de carnaval nunha das leiras do lugar. Collíase o mellor galo da parroquia, colgábase pés arriba dunha corda atada a dous paus e un mozo de ollos vendados tiña que tocar o animal cunha vara. Quen o lograse tocar, levábao como premio.

 

49. Cruceiro do campo do Briño

No pedestal do cruceiro do Briño podemos ler esta inscrición SE RETOCÓ, TRASLADÓ Y PINTÓ SIENDO CURA PÁRROCO FRANCISCO LEMA MARTÍNEZ, NATURAL DE ESTA PARROQUIA, AÑO 1899. Na parte superior do varal, octogonal, aparece a data 1622. O capitel posúe base cilíndrica e remata con decoración xónica e caras lisas. Na cruz aparecen a figura de Cristo e da Virxe, orante, sobre unha cabeza de anxo con ás.

 

50. Cruceiro no Briño

Presenta plataforma enterrada e pedestal cadrangular rematado en chafráns. O varal é octogonal aínda que comeza e remata con seccións cadradas. O capitel, cadrangular, aparece moldurado. A cruz de formato delgado é octogonal e os brazos rematan en florenzados.

 

51. Cruceiro no Briño 1

Tamén presenta plataforma enterrada e pedestal cadrangular. Varal octogonal con extremos cadrados. Capitel cadrangular moldurado. A cruz é octogonal e ofrece dous detalles decorativos: remates florenzados e círculo con pétalos no interior semellante ós que se gravaban nos apeiros de labranza de vello. Isto fálanos dos intercambios creativos entre artesáns populares como os canteiros e carpinteiros.

Galego