Ruta 6.De Neaño ás Torres do Allo por Cesullas

Este itinerario ten o mesmo inicio có anterior. Atravesamos o núcleo de Neaño, visitando o Museo do LIño e adiviñando o pasado desta aldea como espazo inzado de ferrerías. Baixoamos ao muíño de Rellán e vemos o seu rodicio vertical de principios do século XX. Visitamos a primitiva capital do concello, a aldea de Cabana, e vivimos intensamente a gran romaría de Cabana de Bergantiños, que se celebra cada primeiro de agosto, o San Fins do Castro. Para finalizar, proseguimos ata as Torres do Allo (Zas), aínda que antes seremos gratamente sorprendidos por vellos camiños das aldeas de Cesullas.

Itinerario Ruta [PDF]

 

1. Museo do Liño

O Museo do Liño, pertencente á Asociación Cultural O Fol está situado nos baixos do restaurante O Sabelo.

Nesta praza celebránbanse as festas da Virxe do Carme, agora trasladadas á praza nova que visitamos no itinerario anterior.

 

2. A poetisa María Baña Varela

Aínda que nacida nos casais de Vilariño o 10 de xaneiro de 1906, a poetisa popular María Baña Varela botou raíces no lugar de Neaño. Alí fundou a casa familiar na compaña do seu home Xusto Cousillas Castro. As ocupacións de muller labrega desde nena non lle deixaron ir á escola, de aí que a escrita era para ela tema vedado. Non obstante, a súa cabeciña non paraba en compoñer poemas que gardaba memoria. Chegaría a manifestar a un medio de comunicación da comarca que ela ?pensaba en copla?. Co tempo deu en aprender malamente a escribir para deixar por escrito os poemas que tiña gardados na cabeza. Calquera tipo de folla valíalle para pasar a letra os seus versos. A súa propia vida, á da súa familia e a dos seus veciños, ás veces en ton serio, ás veces con carga humorística son as principais liñas temáticas da súa obra. En 1998, o Concello de Cabana de Bergantiños publicou, postumamente, a obra inédita de María Baña e instituiu o Certame de Poesíe para a Xuventude María Baña. María Baña, xunto con Asunción Antelo e Hermosinda de Tabuído forman a tríada de poetisas populares que non tiveron vergoña de seren mulleres escritoras.

 

4. Taberna de Xulián

Unha casa baixa á dereita da estrada foi, en tempos, a antiga taberna de Xulián, un taberneiro que acudía coa súa cantina a todas as festas que se celebraban durante o verán pla redonda.

 

5. Salón de Baile de Neaño

Aínda quedan os restos do salón de Baile de Neaño.

 

6. Muíño de Rellán

É un muíño hidráulico centenario. O seu rodicio vertical é o máis grande de todo Bergantiños. Ao seu carón, encóntrase un aserradeiro hidráulico.

 

7. Cabana

En 1833, durante o reinado de Isabel II, realízase unha nova división administrativa do territorio español. Desaparecen os señoríos e coutos xurisdicionais coma os da Penela e créanse os concellos actuais. A primeira casa consistorial do concello emprázase no lugar de Cabana. O motivo do seu emprazamento é a céntrica situación respecto dos lindes municipais. A antiga Casa do Concello, hoxe está convertida en vivenda familiar. Outros lugares que foron capital de concello son: Cesullas, O Bosque, Neaño e A Carballa na actualidade.

En 1842, durante o período de rexencia do Xeneral Espartero, a Deputación Provincial da Coruña aproba un novo proxecto de división municipal en 51 concellos. Cabana queda con todas as parroquias de Laxe; con Cospindo, A Graña, Tella, Tallo e Langueirón de Ponteceso; con Cereo, Castro, Agualada e Cuns de Coristanco. En 1843, tras a caída de Espartero, anúlase este proxecto.

Desde Cabana, ao lonxe, vemos o monte Gontón e o caserío do Burgo. Cabana encóntrase encima do val do río Balsa.

 

8. ?Canto de pandeiro de Cabana e Corcoesto no CD No confín dos verdes castros de Milladoiro

Recollido polo crego Saturnino Cuíñas Lois, o ?Canto de pandeiro de CAbana e Corcoesto? figura no CD que Milladoiro dedicou a Cabana de Bergantiños. O texto deste tema é o seguinte:
 

Botádelle un asubío,
botádelle un asubío,
os mociños de Cabana
non poden pasa-lo río.

Mociñas de Rebordelo
arrimaivos ó loureiro
que veñen os de Cabana
con ferreñas e pandeiro.

Santo Estevo de Cesullas
ten os zapatiños blancos,
as mozas de Rebordelo
vanllos ver os días santos.

 

11. Campo de San Fins do Castro

Desde o campo de San Fins do Castro vemos o val do río Balsa e, empoleirado na altura, o de Iñaño.

 

12. Romaría de San Fins do Castro

A romaría de San Fins do Castro, patrón de Cabana de Bergantiños, celébrase todos os 1 de agosto. A principios do século XX era unha romaría de pouca sona, pero desde os anos 30, coa chegada de Saturnino Cuíñas Lois á freguesía de Cesullas, comezou a cobrar importancia. Cada primeiro de agosto, desde a mañá cedo, os gaiteiros tocan alboradas pro todo o campo da romaría. As misas celébranse desde as dez da mañá ata a unha da tarde, hora da misa grande. Séguelle a procesión por dentro do campo da festa ata o cruceiro. O seu percorrido está marcado no chan coas placas de todas as parroquias de Cabana. Despois, cántase o Himno a San Fins, bótase o Berro Seco e os romeiros xantan á sombra dos bidueiros ou nos prados dos arredores. O 2 de agosto celébrase a festa da Virxe dos Remedios.

A ermida
De orientación oposta á tradicional (a fachada mira ao leste), a ermida de San Fins ten ábsida e nave rectangulares. No lado sur da ábsida, adosouse un pórtico lateral para a celebración de misas o día da romaxe. Na fachada, pentagonal, aparece unha celosía de pedra, quizais prerrománica, unha inscrición coa lenda O POBO DE CABANA Ó SEU FILLO PREDILECTO D. SATURNINO CUÍÑAS AGOSTO 1983 e a espadana de dous vans.

A fonte
Á fonte, situada á beira da ermida, deber acudir os romeiros antes de saír o sol. Alí mollan os seus panos e lavan caras e mans. Poñen os panos a secar na campiña que rodea a fonte; unha vez secos os panos, xa os romeiros quedarán sandados das verrugas. A auga bendícese para, en botellas, levárena os romeiros ás súas casas. Onda o cando colgan dúas culleres de ferro para beberen os romeiros.

O Himno a San Fins
A letra é de Saturnino Cuíñas Lois e a música do director de Banda Xosé María de Neaño. Interprétase acompañada por unha banda de música e cántase por todos os romeiros.

O Berro Seco
Segundo Saturnino Cuíñas, consiste nun triple berro informe, a coro, no que cada quen participa como pode. Para emitilo, os romeiros xúntanse en fronte do palco de música, de crequenas e collidos das mans, e, a un sinal do párroco, érguense e báixanse tres veces lanzando ao ceu un forte berro «ouuuu...»

O Santo de Pólvora
É unha pequena falla, con figuras en movemento, nas que se representan tres oficios artesanais: o de ferreiro, o de canteiro e o de afiador. O ferreiro, oficio máis representado, peta na zafra mentres a muller lle arrea vasoirazos na cabeza. O canteiro aparece picando na pedra. Na falla do afiador, a muller move a roda coas mans, mentres el lle axuda co pé dereito e moe un fouciño.

 

13. Poemas a San Fins do Castro

Romería de San Fins

 

Meu santo san Fins do Castro
¿que lle dás ós teus romeiros?
Auga da túa fontiña,
sombra dos teus bidueiros.

 

Romería de San Fins
dendes da Cruña a Fisterra,
pasando por Bergantiños,
non hai romaxe como ela.

Ten un campo o noso Santo
todo cheíño de herba,
donde os romeiros descansan
deitados por cima dela.

Nin unha raia de sol
entra no campo da festa,
por mor de que os bidueiros,
cas súas sombras non deixan.

Inda ben non rompe o día,
vén a mañanciña fresca,
óiense cantar os carros;
levan viño prás tabernas.

Na fonte da romería,
a xente está en cadea
para lavar as berrugas
dos que as teñan recesas.

As campás tocan a misa,
a capela vese chea
de romeiros da redonda
para facer súa oferta.

Non fallan, non, os mangantes,
nunca, nunca, desta festa,
pois o crego da parroquia
escríbelles pra que veñan.

Aló polas dez ou once,
cando o sol ben alumea,
aparecen os gaiteiros
que ruben pola vereda.

Estronan, pra recibilos,
os foguetes de primeira;
os rapaces van correndo
pra coller as canivelas.

Nesta romaxe tan boa,
non faltan pitos, cornetas,
abanicos, cordeóns,
relós, que os rapaces mercan.

Desque anda a precesión,
xúntanse vellos e vellas,
miran o Santo de Polvra
e márchanse prás merendas.

O día vaise acabando,
o Santiño solo queda,
despedíndose os romeiros
con bailes e cantareas.

Adiós, meu santo san Fins,
despedirme dáme pena,
pra outro ano volverei
ver túas sombras espesas...

Romería de San Fins
dendes da Cruña a Fisterra,
pasando por Bergantiños,
non hai romaxe como ela.

 

(Popular)

 

Saturnino Cuíñas Lois

 

Meu santo san Fins do Castro

 

Meu santo san Fins do Castro,
¿que lle dás ós teus romeiros?
Auga que sale da fonte,
Sombra dos teus bidueiros.

Fonte de san Fins do Castro
donde beberon os moros;
luxáronche a túa auga,
escorrentáchelos todos.

Auga de san Fins do Castro
que lavas tantos romeiros;
deixan queda-los trapiños
á sombra dos bidueiros.

Fonte de san Fins do Castro
donde lavei as verrugas;
augas con tanta virtú
non me deixaches nincunhas.

Miña Virgen dos Remedios,
santa de veneración,
curas tódolos enfermos
que veñan con devoción.

Don Saturnino Cuíñas
puxo as culleres na fonte,
pre que bebesen por elas
os seus romeiros de lonxe.

?Tá na porta da capilla
por quen veu a carretera.
El botaba o Berro Seco,
¡viva la gente rumbera!

O noso cura Francisco,
que hoxe ten cara de risa,
que escolla na mellor moza
e bote os bailes da misa.

Cura coma o de Cesullas
n?o hai en calquera lado,
bo mozo de riba a baixo
merecía ser casado.

Que baile o señor Fariña,
que é home correspondiente,
co carreiro polo lado
e pelo rizo na frente.

Que veñan os carrilleiros
todos xuntos na manada,
que se eles non están no campo,
a festa non val pra nada.

Falo cos da comisión,
se algún non marchou contento,
que pousen a cesta no campo,
bótelle os gitanos dentro.

Falo cos da comisión,
se cadra tamén me engaño,
non hai santo que non dea
pra mante-lo ermitaño.

Se me vir ade corenta
e co sentido cabal,
quixera ir a San Fins
enfrentarme co Xastal.

¡Que viva san Fins do Castro,
con todos os seus romeiros!
¡Rapaciños traghé cartos,
que xa están os canquilleiros!

 

María Baña Varela (2004: 57-59)

 

14. Tradicións no lugar de San Fins

Na noite de San Xoán (Otero Cebral, 5) en San Fins do Castro facían a auga para lavar a cara o día seguinte e logo deixala secar ao día seguinte ao sol e ao aire; a agua tiña que botar toda a noite ao resío. Botábanselle as seguintes flores e plantas: zugameles, pólas malva de olor, espadanas, fiúnchos, fieitos reais, loureiros reais e, a maiores, névedas e herbas collóns de gato. En San Fins (Otero Cebral, 14) bendícese a auga da foente para que as persoas alí presentes enchan no mesmo manantío as súas botellas que levarán para as casas.

 

15. Seixoso

Nome de lugar que significa terreo abundante en seixos ou pedras pequenas.

 

16. Ternande

En Ternande encontramos un particular pasadizo por enriba das nosas cabezas que comunica dúas casas separadas polo camiño.

 

17. Fonte do Torno

A fonte do Torno é peculiar pola cruz que ten chantada enriba. Esta cruz é substitutoria doutra máis antiga e desaparecida que tiña base circular. O varal da cruz é un pé de cheminea. Desde O Torno poderemos subir ata o monte Gontón para gozar dunhas boas panorámicas das terras de Cabana e Bergantiños.

 

18. Casa do Vinculeiro

É unha vivenda rural totalmente de pedra coa súa esvelta cheminea rectangular.

 

19. O Carballal

No Carballal, topónimo que debe o seu nome á antiga abundancia de carballos, poderemos encontrar exemplares de teixo non moi abudantes entre a vexetación autóctona. Esta planta arbustiva pode servir de feche de vivendas e xardíns.

 

20. Camiño das torres do Allo

Antes de chegar ás torres do Allo, pertencentes ao concello de Zas, pasaremos por Muriño, Regalado co seu cabazo á beira da estrada e cunha liña de carballos que delimita as beiras do regato, e a aldea de Pombal. Entramos nas torres baixo unha bóveda de castaños que nos fornecen sombra durante os rigores do verán. Contra a nosa dereita, os montes de Borneiro aos que poderemos acceder a través de pistas forestais, preferiblemente a pé ou en bicicleta.

Galego