Ruta 5.De Neaño á Ermida por Anos

Comézase aquí un novo itinerario nunha encrucillada de vellos camiños. O «camiño francés» que levaba, en tempos, os viaxeiros ata as terras de Laxe. O «camiño medieval» que, á inversa do noso percorrido, traía os camiñantes de Compostela desde Ponte Nafonso, Ponte Brandomil, Esmorís, Cesullas ata Ponteceso. No noso camiño encontraremos, viventes aínda, fontes curativas e con lendas, vales empoleirados nas ladeiras de montañas ou, entre outros puntos de interese, santuarios de concorridas romarías.

Itinerario Ruta [PDF]

 

1. Neaño

É bo lugar para tomar un aperitivo antes do inicio deste percorrido. Neaño é un dos núcleos de poboación máis grandes de Cabana. Podemos distinguir as edificacións máis antigas, que se sitúan na parte alta do lugar e as máis novas xurdidas arredor da estrada Ponteceso-Laxe. Neste último, naceu un florecente complexo de hostalería conformado por tabernas, bares de tapeo e dous hoteis concorridos de viaxeiros en tempos de vacacións. Por entre as vivendas que beirean a estrada, pódese observar aos poucos o monte Branco no horizonte que emerxe das augas da enseada da Insua.

Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños de Neaño deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

 

2. A igrexa do Carme

María Baña Varela (2004: 50-51) compúxolle un poema á igrexa de Neaño

Plegaria á nova iglesia de Neaño
 

Á subida da Corveira,
en frente a esas casiñas,
deixou un solar comprado
don Saturnino Cuíñas.

Veu o cura don Francisco
e mirouno dúas veces.
Puxo esta iglesia no sitio
coa axuda dos feligreses.

Eínda ?taba sin campanas,
sin elas non vai quedare,
(entre tódolos que somos
pouco nos pode costare)
pra lle tocare á santiña,
que troughemos pró altare,
que foi a virgen do Carme,
a quen temos que rogare,
que cuida dos nosos homes,
que ?tán por riba do mare.

Nuestra Señora do Carme
acórdate dos do fondo,
fainos pra riba flotare,
que veñan corpos enteiros,
que os conoza a familia
a mailos seus compañeiros.

Nuestra Señora do Carme
a ti temos que rogare:
cuida de ricos e pobres
que pisan augas do mare.

Aquí quedas para siempre
coma unha estrella del cielo
dando reflejos ó mare.
Si ves homes afogar,
Aprésalos co teu velo.
Si salen cheos de frío,
madre de Dios nazareno,
taparalos co teu manto,
dáslle calor do teu seno.

¡Salve reina de los mares,
que vas ir en procesión,
non déixe-los mariñeiros
levos no teu corazón!

Nuestra Señora do Carme,
non estrenáche-lo manto
que che tiñan os veciños,
concédelle o que che pide
a quen che regalou tanto.

A don Manuel Fariña
as gracias teño que dare,
que che trougho a carreteira
por onde vas a pasare.

A ombros dos teus veciños,
beixarás pola Corveira
coa cariña frente ó mare.
¡Salve estrella de los mares,
cuida dos teus fillos
no nos desampares!

 

3. Praza de Neaño

A nova praza de Neaño converteuse nun punto de referencia para o desenvolvemento social e cultural de Cabana de Bergantiños. Todas as xeracións de cabaneses acoden en calquera momento do ano a gozar de variadas actividades. O Centro da Terceira Idade converteuse nun espazo para a conversa, o xogo e o baile, non só das persoas máis vellas de Cabana, senón tamén da redonda. A biblioteca María Baña Varela, non só é motivo de lembranza da gran poetisa pouplar cabanesa, senón que ademais recibe, cada mes de maio, aos galardoados no Certame poético instituído polo concello na honra desta muller. O salón de actos do centro cívico acolle seminarios, xornadas e congresos de todo tipo, pero sempre coa terra de Cabana de Bergantiños como punto de investigación, coñecemento e divulgación. A propia praza de Neaño é punto de acollida, cada data de festa patronal, de veciños e familiares que gozan dos actos festivos na honra da Nosa Señora do Carme.

 

4. Vello cabazo

Vello cabazo escondido detrás dun muro.

 

5. Escola Unitaria

Escola Unitaria de Neaño

 

7. Fontenla

Na entrada do portal dunha das casas de Fontenla érguese unha alta cruz de pedra sobre o recinto que pecha a vivenda. Fontenla tamén forma parte do mapa galego da música tradicional, pois aquí recolleu o crego Saturnino Cuíñas Lois o Maneo de Fontenla, canción que fixo internacional o grupo Milladoiro.
 

¡Que ben baila, que ben baila,
o da chaquetiña rosa;
inda bailaba mellor,
si a tivera redonda!
Ai la le lo, ai la la la

 

8. Cesullas

A referencia documental máis antiga do topónimo Cesullas data do ano 1178. Trátase dunha doazón do rei Fernando II: 
 

?Eu, o rei Fernando (II), coa miña dona Urraca e co meu fillo Alfonso, fago donación ó mosteiro de Sta. María de Sobrado (dos Monxes) de Ermerezio (Almerezo) e dúas partes da igraxa de Corispendi (Cospindo) cos seus coutos íntegros... a igrexa de Corme sen couto e a igrexa de Cesulles (Cesullas) co intantantico (anexo) de Neanio (Neaño)?

Segundo informa Pascual Madoz (tomo VI, 1845) Cesullas foi o primeiro nome que tivo o concello de Cabana de Bergantiños. E tamén nese tempo informa da presenza de dúas escolas no territorio de Cabana: unha en Cesullas e outra en Corcoesto; eran privadas, estaban sen mestres e tiñan entre as dúas 42 alumnos.

Segundo Otero Cebral (30) cada primeiros mércores de mes celebrábase en Cesullas unha feira.

Otero Cebral tamén recolleu algunhas tradicións celebradas polos veciños de Cesullas. Para bendicir as casas (Otero Cebral, 5), os veciños de Cesullas usaban estas palabras «A bendición de Deus pai, e do fillo e do Espírito Santo nos cubra co seu manto». En Cesullas (Otero Cebral, 6) había o costume de poñer un ovo na ventá a noite de San Xoán e dicían que ó outro día se vía nel un debuxo; ese debuxo tiña un significado e se se vía unha caixa era sinal de que morrería alguén na casa. En Cesullas (Otero Cebral, 6) levantábanse moi cedo o día de San Xoán para veren bailar o sol. Durante as festas de Corpus (Otero Cebral, 6) bótanse espadanas no chan, pero tan só diante da igrexa parroquial.

 

9. Cruceiro do Sacramento

O cruceiro do Sacramento, parroquial, foi recoñecido como meritorio por Patrimonio Artístico. Énos doado de distinguir polo baixorrelevo que se observa enriba da mesa do pedestal; nel aparecen a figura de dous anxos adorando o Santísimo, que se representa coa figura do ostentorio e a inscrición que lle dá nome ao cruceiro SANTÍSIMO SAGRAMENTO. A cruz aparece esculpida con figuras polas súas catro caras: Cristo, no anverso; a Virxe e os anxos no reverso; María Madalena e Santo Estevo (patrón) nos laterais.

 

10. Fonte de Santo Estevo

Uns metros máis abaixo do cruceiro está a fonte de Santo Estevo, que no seu día (Otero Cebral, 142) tipo peto de seu. Na actualidade obsérvase a figura do patrón de Cesullas no interior dun fornelo e a lenda FUENTE DE S. ESTEBAN OBRA DEL AYUNTAMIENTO

 

11. Igrexa de Santo Estevo

Enfrontada á fonte do santo, encóntrase a igrexa parroquial: Santo Estevo de Cesullas. Dela foi párroco, cerca de 50 anos, o cura folclorista Saturnino Cuíñas Lois, natural de Carballedo (Cotobade. Ourense), terra de canteiros e fillo adoptivo e predilecto de Cabana de Bergantiños. Do seu labor como crego salienta a popularización da romaría de San Fins do Castro. Como folclorista, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario da Coruña concedeulle a Medalla de Ouro da Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid. O seu sartego pódese ver no cemiterio parroquial.

A igrexa de Santo Estevo (Lema Suárez, 1998: 13-56) encóntrase no centro da parroquia. A nave e a capela maior son rectangulares. No interior, no muro norte, en placa de mármore, aparece a inscriciónA NUESTRO PÁRROCO D. SATURNINO CUÍÑAS LOIS / SUS FELIGRESES EN SUS BODAS DE PLATA / 7 ABRIL 1956

A fachada é pentagonal; enriba da porta principal aparece unha imaxe pétrea de Santo Estevo, enmarcado lateralmente por volutas; debaixo da espadana de dous vans encóntrase unha fiestra cadrangular. A parte que semella máis antiga do templo é a capela lateral sur (séc. XVII); a capela maior, nave, fachada e espadana datan do séc. XVIII.

 

12. Saturnino Cuíñas Lois

Saturnino Cuíñas Lois naceu en Carballedo (Cotobade. Pontevedra) o 21.12.1897 e faleceu en Cesullas (Cabana de Bergantiños) o 07.04.1978. Pese a nacer en San Miguel de Carballedo, Saturnino Cuíñas Lois adoptou a Cabana de Bergantiños por terra nativa. Desque en 1931 o destinaron como crego á parroquia de Santo Estevo de Cesullas, esta cobrou un importante dinamismo no eido relixioso, festivo, social e mesmo en infraestruturas. Nela creou coros parroquiais, deulle vida ás celebracións relixiosas, achegouse á xuventude a través do catecismo e mesmo se convertiría en persoa importante para que se construíse a estrada de Neaño a Baio.

Como pagamento por tamaño labor, a corporación municipal nomeouno fillo adoptivo de Cabana de Bergantiños o 17 de marzo de 1956, cando cumpría as vodas de prata; neste acto descubriuse unha placa de mármore na igrexa de Santo Estevo. E tras o seu pasamento, recoñeceuno como fillo predilecto nun evento no que se colocou unha placa na fachada capela de San Fins e no que se convocou a grupos folclóricos de toda a provincia da Coruña.

Non obstante, a obra que o perpetuou como gran persoeiro de Cabana de Bergantiños foi a organización da romaría do San Fins do Castro. Cando el chegara á parroquia, esta romaxe apenas era coñecida. Logo, coa creación do Berro Seco, o Santo de Pólvora, a Traca de Fogo, a composición do Himno a San Fins ou a presenza dos máis importantes coros e grupos de gaitas de Galicia converteuna na festa patronal por excelencia do concello e na romaxe máis singular de toda a provincia da Coruña

A relevancia da personalidade de Saturnino Cuíñas transcendeu fóra das lindes da súa parroquia. Isto, grazas ó destacado traballo como folclorista. Xa desde a infancia se dedicaba a memorizar vellas cancións das terras de Pontevedra. Despois, ó longo da súa vida, foi xuntando unha colección de cancións populares ata conformar un dos arquivos musicais máis importantes de Galicia. Entre a obra recollida están as foliadas de Augasantas, de Bora, de Vilaxoán, de Corcoesto ou de Trabazo; as pandeiradas de Cesullas, de Ponteceso, de Loureiro ou de Carnota; os alalás de Cerdedo, de Santo Ourente ou de Carballedo; ademais, cantos de aninovo, de berce e de canteiros. Todo ese traballo está depositado hoxe nos arquivos da coral coruñesa Cántigas da Terra. E moitas destas pezas son aínda interpretadas por grupos de relevo como Milladoiro, Treixadura ou Cántigas da Terra. Como mérito polo labor folclórico, a Real Academia Nosa Señora do Rosario concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid en 1954.

Pero ademais Saturnino Cuíñas Lois foi un excelente músico tradicional. Isto non estaba ben visto polo arcebispo de Compostela, que mesmo lle chamou a atención. Tocaba á perfección a gaita, a pandeireta, o bombo, a bandurria, o harmonio e a zanfoña. Maior importancia tivo como músico se sinalamos que na súa época Cuíñas Lois, xunto con Faustino Santalices, era unha das poucas persoas de Galicia que interpretaba a zanfoña. Unha das súas históricas zanfoñas entregoulla a Cántigas da Terra o 1 de agosto de 1945 en plena romaría de San Fins.

 

13. O fotógrafo de Cesullas

Temos visto algunha fotografía en branco e negro polas casas de CAbana asinadas como ?Fotografía Leika. Cesullas?. Segundo información que obtivemos, sábese que en Cesullas houbo un fotógrafo que despois marchou para Ponte do Porto e que se desfixo de todos os seus trebellos de fotógrafo. Sería de interese posuír máis datos sobre el.

 

14. Juan Antonio Pose, prateiro de Cesullas

O historiador Xosé María Lema localiza en Cesullas o prateiro Juan Antonio Pose, autor das cruces parroquiais de Cesullas e Canduas. Ademais, suponse que traballaría para as igrexas da redonda. Xunto cos Martínez de Borneiro, conforman a tríada de creadores de arte relixosa de Cabana de Bergantiños.

 

15. Cruceiro do Rego da Igrexa

Encóntrase nunha encrucillada. Descrición do cruceiro.

 

16. Castro de San Fins

O castro de San Fins é un castro de ladeira. Desde a súa altura domina amplamente o val de Cesullas por onde discorre o río Balsa. Debeu ter enormes proporcións dado que chegaba ata a ermida do santo. Na actualidade só se conservan parte dos seus muros e terrarpléns. A súa muralla inferior está bordeada pola estrada que leva á Balsa. Na actualidade, este castro está convertido en terras de labranza. Igual ca na Cidá de Borneiro, encontrouse (Rodríguez Casal, 1971: 20) un cuncheiro. Ademais, para Casal (1971: 20)
 

?nunhas leiras que hai abaixo do castro apareceron sepulturas con cinzas e ósos, nunhas cousas como caixas con antes e aínda debe haber máis pois o dono do terreo aínda lle toca o arado en pedra?.

A lenda cóntanos que a súa construción foi cousa de mouros e nel se encontra agachada unha viga de ouro.

 

17. Lugar da Balsa

Á dereita do lugar vemos un lavadoiro e un muíño de río.

 

18. Central da Balsa

En tempos, na artesanal e pequena central da Balsa producíase enerxía eléctrica para autoconsumo. Nalgunha ocasión mesmo se chegou a exportar para a vila de Laxe. O cabazo da vivenda, de catro pés, érguese empoleirado nunha pena que lle fai de cepa.

 

19. Iñaño

O pequeno, alto e venteado val de Iñaño presenta as súas leiras transformadas en terrazas para aproveitar o declive do terreo. Neste pequena aldea, os cabazos ofrecen a súa cara aos ventos, mentres que nalgunha das casas colgan balcóns-corredores. Un pombal sobresae da parede dun cabanote.

 

20. O Barreiro

O topónimo O Barreiro significa lugar de onde se extraeu barro ou onde hai barro. Nas aldeas era frecuente un espazo no que os canteiros extraían o barro para contruír as paredes das casas e balados.

 

21. Capela da Eirita ou do Espiño

É costume que o día antes do festexo, a capela da Eirita (Otero Cebral, 84) sexa limpada polas mulleres de máis anos do lugar; elas tamén se encargan de engalanala para a celebración dos actos relixiosos e a celebración da romaxe.

O adro posúe uns particulares sentadoiros apegados á parede que o delimita, propios para collermos folgos no noso percorrido e tamén para acougaren os romeiros que acoden a este espazo relixioso. Ao fondo, o monte Gontón óllanos desde occidente.
Cada 22 de setembro celébrase a romaría da Virxe da Eirita, patrona da capela, e da Virxe do Espiño. Os veciños do lugar (Otero Cebral, 82), cando desexan auga para as súas colleitas, levan a Virxe da Eirita á súa fonte e alí lávanlle os pés e a cara; se o que queren é sol, lévana á pena da Eirita. A Virxe do Espiño, de maior fervor, cura vultos e verrugas e remedia as pestes dos cereais. Otero Cebral (83) recolleu aquí a xuntanza das sete parroquias: 
 

?Unha vez ao ano xuntábanse no adro da Eirita sete parroquias de Cabana de Bergantños. Por iso había os ocos para poñer as sete cruces das parroquias representadas. Todo apunta a que isto sexa ou teña orixe a partir dalgunha misión alí celebrada?.

 

22. Cruceiro da Eirita

O cruceiro da Eirita, que se ergue no medio do adro desta ermida, é singular polo seu capitel con forma de pirámide escalonada de catro chanzos; no primeiro chanzo do capitel percíbese unha inscrición ilexible. A plataforma presenta dúas escaleiras da que sobresae un sinxelo pedestal cadrangular. O varal é cadrado con chafráns. A cruz tamén é cadrada e achafranada. Cristo está crucificado con tres cravos e presenta as mans abertas; a cabeza apenas se inclina cara á dereita; o pano da pureza anóase neste lado. No reverso, unha Virxe orante con mans en cruz sobre o peito; é tan pequena que a cabeza non chega á altura dos paus da cruz.

 

23. A Fonte Santa

Chégase a ela por unha pista de terra. Dous treitos de escaleiras báixanos ata a auga. Os panos obsérvanse estendidos durante todo o ano na herba que a rodea. A fonte é unha construción de cemento pintada de branca que, na frontal superior, contén unha placa de mármore con esta lenda: 

ANO 1984. MANDADA CONSTRUÍR POR JOSEFA FONDO VIDAL DE IÑAÑO EN HONOR A LA VIRGEN DEL ESPIÑO Y NUESTRA SEÑORA DE LA EIRITA.

Otero Cebral (88) recolleu toda a maxia que encerra esta fonte: 
 

?Os romeiros bótanlle cartos para gañar os favores da Virxe. Para curar as verrugas hai que lavalas na fonte e levarlle unha prenda que, unha vez pasada pola doenza, se deixa alí na campiña. Pola noite de San Xoán, a fonte tórnase enmeigada, xa que sae o demo envolto en lavas desde as mesmas entrañas do inferno. Por San Valentín as augas trocan de cor, pero só durante un instantiño?.

 

24. A Pena da Santa ou Pena da Eirita

Durante o camiño de subida á Pena Santa acompáñanos un valado formado con champolas de pedras dispostas a modo se pasaventos. Desde a Pena da Santa, na que se encontra un repetidor, ollamos todo o val de Iñaño, coas súas casas no alto e as terrazas de labranza. A ría de Corme e Laxe, O Burgo, A Margarida e Cundíns, co seu val e igrexa, a aldea pontecesá de Anllóns, os cumes brancos do monte Neme, Silvarredonda, A Trabe, Carballido, Brantuas, Niñóns e o monte Nariga. Entre a Pena da Eirita e o monte dos Anles están localizadas oito mámoas.

 

25. Miraflores

Aldea conformada por un casal de labranza.

 

26. Villarada

Tamén unha única casa.

 

27. Castro de Anos

É un recinto castrexo de pequeno tamaño que se ergue a carón do rego de Anos. A súa lenda (Rodríguez Casal, 1971: 116) conta que alí vivían os mouros.

 

28. Escola unitaria

Escola unitaria de Anos.

 

29. O Piñeiro

O Piñeiro amósase coas súas casas de labranza acompañadas de cabazos e alpendres.

 

30. Igrexa de Santo Estevo de Anos

A igrexa parroquial de Santo Estevo de Anos salienta (Lema Suárez, 1998, t. 2: 673-688) polos sete canzorros que se conservan no muro sur da súa ábsida cadrada. O retablo é neoclásico. A sancristía, fachada e espadana de dous vans son do século XVIII.

A parroquia de Anos conta con tres lugares santos: a parroquial de Santo Estevo, San Roque da Ermida e a Santa da Eirita.

 

31. Cruceiro do cemiterio de Anos

Érguese enriba dunha plataforma de dúas escaleiras. O pedestal é cadrangular e remata con chafráns. Ten mesa adosada. O varal presenta forma octogonal, aínda que nas súas cabezas aparece con forma cadrada. A pesar de estar formado en formigón, o capitel é o elemento máis destacado deste cruceiro: de estilo corintio, con follas de ápice groso e forma redonda con tres capas de follas. A cruz rectangular, tamén de formigón, é sinxela. No anverso, aparece cristo crucificado con tres cravos, ladeando a cabeza cara á dereita e con coroa de espiñas; o pano da pureza anóase contra diante. No reverso, a Virxe enlaza as mans enriba do seu ventre mentres amosa cara de pesadume.

 

32. Taberna do Xastre de Anos

A primitiva taberna do Xastre de Anos converteuse na actualidade nunha casa de turismo rural co nome de O Xastre de Anos. Na primeira taberna ensaiaban, desde a segunda década do século XX, os Gaiteiros de Anos.

 

34. A Medoña

No espazo chamado A Medoña encóntrase unha mámoa

 

35. A Ermida

A aldea da ermida debe o seu nome á capela de San Roque que se ergue baixo unha mesta e centenaria carballeira. Cabana de Bergantiños posúe tres espazos relixiosos onde se celebran romarías sonadas en capelas que se abrigan do sol de verán entre as pólas de verdes carballeiras: a carballeira do Carme do Briño, a carballeira de Santa Mariña do Remuíño e a carballeira de San Roque da Ermida.
A ermida de San Roque rexístrase a súa existencia (Lema Suárez, 1998, t. 2: 703-710) desde a Idade Media. A capela maior, cadrangular, está a maior altura cá nave. Accédese ao presbiterio tras un arco triunfal barroco. A súa bóveda é de crucería. Na fachada campa a austeridade.

 

36. Cruceiro da Ermida

Fronte á capela e contra o final da carballeira, érguese un fermoso, aínda que desgastado cruceiro. A plataforma, de tres escaleiras, e o pedestal son cadrangulares. O varal, un tanto desproporcionado en grosor, é cadrado con chafráns. O capitel, cadrangular invertido, aparece exento de decoración e tomado con cemento ó varal, como sinal de reclamo dunha urxente restauración. O conxunto escultórico que conforma a cruz é enormemente expresivo. Os brazos da cruz son acadrados con chafráns e finalizan con remates de flor. No reverso, cada brazo presenta unha cabeza de anxo con ás; na intersección escúlpese unha coroa de espiñas. Unha piedade aparece enriba dunha peaña con cabeza de anxo e ás; a Virxe sostén no seu regazo o corpo do seu fillo. No anverso, Cristo aparece crucificado de mans abertas con tres cravos, cabeza cara á dereita, coroa de espiñas, mentres que o pano se anoa á dereita; unha imaxe axeónllase ós seus pés mentres que llos bica. Nos laterais da cruz, a Virxe e San Xoán, apegados ó pau polos ombreiros, son testemuñas desta escena.

 

37. A fonte de San Roque

San Roque é avogoso contra a peste. As augas da súa fonte, que se encontra nun beiral da carballeira, son bo remedio (Otero Cebral, 81) para o mal de cabeza e as doenzas dos ósos.

Os habitantes do casal que se atopa á esquerda da capela teñen a obriga de custear a procesión o día da romaría (2º domingo de agosto)

 

38. Cabazo de cepa na Ermida.

Desde a Ermida podemos chegar ás Torres do Allo e a Baio, vila natal de Enrique Labarta Pose, autor do poema «O Carme do Briño».

Galego