Ruta 4.Da Outrabanda á Pedra por Cundíns

Este itinerario comparte cos dous anteriores un primeiro treito Outrabanda-Leas. Discorre por lugares con sabia arquitectura rural, pola perdida romaría de San Paio de Cundíns ata chegar á franxa imaxinaria que delimita as medidas de superficie do ferrado bergantiñáns e soneirán. No lugar do Vento, a memoria dos veciños recórdanos a primitiva existencia de muíños movidos pola forza do aire.

Itinerario Ruta [PDF]

 

1. Cundíns Vello

En Cundíns Vello hai un río de lavar e cabazos con celeiro. Son de moito interese os alpendres. Unha casa con rampla de pedra amósanos a súa porta de castaño con 94 anos. Outra vivenda, con abellariza na fachada. Un particular cabazo de 1960, de pés, tercio pequeno e con fileiras de pasaventos cadrados na base.

 

2. Casa da Irmandade de Labradores

Erixiuse ó lada da casa da antiga taberna de Pedrouzos. Hoxe é un alpendre, dado que nunca chegou a funcionar como casa da Irmandade de Labradores. Non obstante, este colectivo tivo actividade nunha casa branca sita uns metros máis abaixo. 

A Irmandade de Labradores deixou de funcionar (Eiroa Pose) a principios dos anos 90 do século pasado; despois trasladaríase ó Centro Médico Antigo (actual Casa da Cultura da Carballa)

 

3. Igrexa de San Paio de Cundíns

Éntrase no adro por unha cancela de fero coroada por dúas molduras-capiteis cadradas. Estes capiteis (Garea, 80) proveñen da desaparecida casa modernista Villa Fanny de Ponteceso de Cabana.

A porta da fachada está enmarcada por un arco de medio punto formado por grandes doelas. Este é (Lema Suárez, 1998 II: 643-70) a parte máis antiga da igrexa, o resto e a espadana sond e finais do século XIX; o retablo maior é barroco.

Adosada ao muro encóntrase a capela da Virxe da Soidade. A porta exterior presenta (Garea, 80) un frontón partido co escudo do Marqués de la Sierra. Na inscrición pódese ler JANUA COELI (Porta do Ceo)

 

4. Capela de San Marcos

En Cundíns (Otero Cebral, 43) existiu no pasado unha capela dedicada a San Marcos, hoxe desaparecida aínda que se sabe da súa existencia pola memoria oral dos veciños.

A ermida de San Marcos foi fundada en 1860 por Francisco Rodríguez de Soto. En 1749 xa tiña os seus bens ?incultos e moi deteriorados? e en 1753 era unha ?ermida ben indecente?. Quizais fose abandonada de modo definitivo tras a Desamortización de Mendizábal en 1834. Contra mediados do século XX aínda o gando se refuxiaba a carón dos seus muros. Consérvase aínda o resto toponímico baixo o apelativo do Monte de San Marcos. A pía bautismal trasladouse a unha casa próxima á parroquial de Anos. Tamén se comenta que o San Marcos barroco (último tercio XVIII) de San Cremenzo de Pazos (Zas) procede desta ermida cabanesa.

 

5. A Pena Bocha do Picón

No cume do monte Picón encótnrase a Pena Bochada do Picón. Os maoires da parroquia (Otero Cebral, 44) din que na pena máis alta deste monte ten a virxe a súa cama con almofada e cabeceira empedrada; tamén se conta que sobre ela apareceu a Virxe e deixou as súas pegadas na mesma rocha.

 

6. Cruceiro de Cundíns

Encóntrase nunha área recreativa próxima á igrexa. Érguese nunha plataforma cadrada de catro escaleiras. O pedestal está encastrado na última escaleira. O varal é octogonal e remata nun capitel sinxelo e cadrado. A cruz aparece esculpida polas catro caras.

 

7. Rectoral de Cundíns

Á dereita do cruceiro, encóntrase a rectoral de Cundíns que conta cun rústico cabazo de seis pares de pés. As ventás vixian a igrexa e o val da parroquia. Arredor da rectoral (Otero Cebral, 76) levantábase a Casa da Fábrica ou Casa de Beneficiencia, antano destinada ao servizo dos pobres e dos romeiros que acudían aquí cada 26 ou 29 de xuño.

 

8. Fonte de San Paio

Encóntrase á altura da rectoral, no Souteliño, no herbal do Santo. As súas augas e a fe no santo curan (Otero Cebral, 77) a reuma e todo tipo de enfermidades dos eivados. Os veciños de Cundíns (Otero Cebral, 7) bótanlle todos os anos ás súas fincas auga da fonte do lugar, bendita por Sábado Santo, para así protexeren as súas colleitas.

San Paio (Otero Cebral, 77) é avogoso e milagrento para a reuma e para todo tipo de enfermidades que deixen a un eivado; unha vez que os romeiros estiveron no lugar santo, logo tiñan que ir á súa fonte a beber, a lavar a cara ou outras partes do corpo onde sentiren o mal. San Paio é moi querido polos romeiros (Otero Cebral, 77), pois curou a motis do lugar en público e tamén favoreceu a moitos que alí se achegaron para gañar os seu favores.

Otero Cebral (79) recompilou dúas cantigas populares que fan referencia a San Paio e á súa fonte:
 

Pasei a fonte San Paio,
paseina dunha carreira,
pensando que era unha lebre,
saíume unha costureira.

Ó noso San Paio,
un santo moi milagroso,
pedinlle un home bonito
e deume un barbas de raposo.

A festividade de San Paio tamén foi cantada pola poetisa cabanesa María Baña Varela (2004: 38) con estes versos:
 

Vin pra festa de Cundíns,
á misa de San Pelaio,
santo de tantos romeiros,
baixan os teus parroquianos
coa dádiva no sombreiro.

María Baña (2004: 38) tamén lle dedicou estoutros versos satíricos á festividade de San Pedro de Cundíns:
 

Por san Pedro de Cundíns
todos comen unha cabra,
baixan ca leña do monte,
ásana nunha larada.

Eínda n?a ten chamuscada,
xa non lle sacan a piel,
ponse todos darredor
como as abellas do mel.

 

9. Casa de Enrique Sieiro

Á sombra dun carballo centenario encóntrase a casa de Enrique Sieiro, mestre xa falecido, natural de Codeseda (Pontevedra). A eira é circular. Onda ela, o pozo con caseta de pedra. En fronte á de Enrique, outra vivenda onde vivía Dédalo, un can de caza que morru con máis de 25 anos e que, como podemos comprobar polo seu nome, tiña apelativo de embarcación de guerra.

 

10. A Gándara

Desde A Gándara ollamos o monte de Frinle.

 

11. Rego do Outeiro

Desde o rego do Outeiro, cara a nosa dereita, está o monte de San Marcos onde noutrora, segundo recordan os veciños de Cundíns (Otero Cebral, 43), existiu unha capela dedicada a este santo.

 

12. Mina de San Loto

Nas minas de San Loto extraísase rutilo. Un dos seus traballadores, o señor Manuel Torrado do Outeiro (Anos), manifesta na entrevista (Eiroa Pose) que segue as formas de traballo na mesma: 
 

?Hai 43 anos no lugar de San Loto (ano 1958) comézanse a traballar unhas minas. Este traballo durou dous anos. Levaban a empresa as seguintes persoas: Mourelle, Manolo de Xaquín e Lelo de Cacharro. Eles eran os xefes. Tiñamos unha barraca no San Loto, donde se gardaba o mineral e alí había un garda de noite para vixiar. O mineral obtido era o rutil. O rutil empregábase para obxectos de guerra (pistolas, balas?). Alí traballaban sobre 30 ou 40 persoas? ou algo máis? As ferramentas utilizadas eran o azadón, pala e pico. Traballábase da seguinte maneira. Facíase un canaleto por onde corría a auga. Mentras se ía picando, metíanse paladas no canaleto. O canaleto tiña auga impulsada por un chupón con motor e lavaba a terra e a pedra e no fondo do canaleto quedaba o mineral. Logo, recollíase o rutil do canaleto con caldeiros e levábase para a barraca, onde se almacenaba o mineral ata que uns camións o viñan recoller. Daquela, cobrábamos cinco pesos diarios, que xa se podía ir indo. Cando tiñamos rachas de moito mineral, os xefes facían comida e, entre nós, había unha grande carallada?

As minas de San Loto foron recollidas en verso pola poetisa de Neaño María Baña Varela (2004: 89):
 

?Xa che buscamos traballo.
Vouche comprar unha moto,
léva-lo caldo na pota,
vas traballar a San Loto?.

 

13. A Margarida

Ao entrar na Margarida batemos cun cabazo, renovado en 1960, e aos seus pés un pozo cuberto con caseta de pedra. Na Margarida, aínda se recorda a numeración e valor das vellas moedas galegas.

 

14. Machado pulido do neolítico na Margarida

Na Margarida, no ano 1994, o familiar dunha alumna, María Torres, do colexio As Revoltas cando estaba traballando unha leira encontrou un machado biface pulimentado de pedra pertencente á época dos finais da cultura megalítica. Dataríase, polo tanto, contra os anos 3500 e 3000 a.C. Á falta de maiores datos, deduciuse que o machado formaría parte dun enxoval funerario. Os machados de pedra eran ferramentas coas que se realizaban tarefas artesanais ou domésticas, aínda que nese caso sería unha ofrenda á persoa que se encontraba enterrada.

 

15. O ferreiro da Margarida

Neste 2005, aínda traballa na súa fragua o ferreiro José Fariña. Aprendeu o oficio (Eiroa Pose) en Ternando (Cesullas) con seu pai. Lembra que nalgún tempo en Neaño había 17 forxas. Desempeña o seu traballo na Margarida desde hai 42 anos. Fai ferramentas de corte como fouciños e legóns que despois vende nas feiras da volta como a de Baio. Para quentar o ferro aínda utiliza o carbón vexetal feito de carolas ou pinas dos piñeiros.

 

16. O Vento

Dentro dunha propiedade, encóntrase un cabazo de 1954, moi semellante ao cabazo de Cundíns, de pés e pasaventos cadrados na base. Nesta aldea, debido á súa posición estratéxica, no altor, segundo contan os vellos, existiron muíños de vento, de aí o nome do lugar. Ademais, estas dúas aldeas, O Vento e A Margarida, marcan a liña divisoria do ferrado bergantiñán (5,24) e o soneirán (4,24). Desde aquí, segundo nos desprazamos polas súas estradas, veremos ao lonxe as terras de Zas, o pico de Meda; contra beiramar, as terras de Malpica de Bergantiños.

 

17. A Remisqueira

Na Remisqueira encóntrase a casona de Rellán. No lintel da súa entrada (Garea, 53) aparece a estrela de David con flor inscrita e, á súa dereita, unha rasqueta sobre tenaces.

 

18. A Pedra

Lugar que se asenta arredor das estrada A Coruña-Fisterra. É un entorno con servizos como gasolineira, centro de saúde, campo de fútbol do Nantón C.F. e local de hostalería. Os veciños da aldea son respectuosos co seu patrimonio á hora que restaurar as casas rurais herdadas dos seus devanceiros.

Galego