Ruta 1.De Ponteceso de Cabana a Frexufre pola Carballa

Este itinerario discorre por onde Cabana é Mar, pola costa fluvial e marítima de Cabana de Bergantiños. Inicia a súa andaina no berce do gran escritor do Rexurdimento: Eduardo Pondal; alí onde o Anllóns é cororado por unha ponte de airosos arcos. Prosegue camiño da enseada da Insua, coa súa flora, fauna e actividade artesanal da carpintería de ribeira.

Trasládanos logo ás pegadas de Frai Martín Sarmiento no desaparecido mosteiro de Canduas, rodeado de casas nobres, calellas estreitas e cabazos de pés que amosan os seus pasaventos ós aires da enseada. En Canduas, onde os cesteiros debuxan caprichosas formas con varas de vimbio.

Convídanos a pasear polos areais de Cabana de Bergantiños: praia de Rebordelo, Area das Vacas, Praia de San Pedro. Lévanos polos cons onde aniñan os cormoráns e medran, en augas claras, os máis prezados percebes.

Despídenos con ramos de flores nacidas no exótico lugar de Frexufre, co seu freixo aínda en pé e o coído dos muíños, bañado, cada día de forte mar, por unha chuvia de salseiros.

Itinerario Ruta [PDF]

1. Casa de Eduardo Pondal

Despois de andar emigrado por América, o laxense Juan González Pondal regresaría á Terra e casaría coa moza Ángela Fernanda Abente Chans. Despois de uns anos de matrimonio na vila de Laxe, desprázanse a Ponteceso onde erguen un pazo vilego nas beiras do río Anllóns. Desde un peirao que constrúe nas marxes do Anllóns, Juan González mantén intercambio comercial coas colonias americanas. En 1835, nacería o último fillo do matrimonio:Eduardo Pondal Abente, quen co andar dos anos se convertiría no grande autor do Rexurdimento literario galego e no autor da letra do noso Himno.

Eduardo Pondal cantou á súa casa natal con estes versos:
 

Eu nacín en agreste soedade,
eu nacín cabo dun agreste outeiro,
p'ronde o Anllóns, con nobre maxestade,
camiña ó seu destino derradeiro.



Como vemos neste poema, o gran bardo galego, Eduardo Pondal, naceu arrolado polas augas do Anllóns e mirando, desde a máis tenra infancia, a través dos cristais das galerías do pazo paterno, as terras de Cabana de Bergantiños.

 

 

2. Xuncal de Ponteceso de Cabana

Situado á dereita da estrada C-431, é un lugar asequible para a observación de aves como os lavancos reais, martiños peixeiros, garzas e garcetas. Resulta curiosa a explicación deste topónimo. Chámase Ponteceso a capital do municipio lindante co noso. E a parte de noso, leva apelido, Ponteceso de Cabana, para diferencialo doutro lugar. O nome de lugar Ponteceso significa "ponte sobre o río Cessio"; polo tanto, ambas marxes son Ponteceso e para diferencialas ó lado cabanés chámaselle Ponteceso de Cabana. Por último, rescatar unha particularidade que sempre remarcaba o crego de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois. El dicía que este lugar no se chamaba Ponteceso de Cabana, senónLoureiros.

 

 

3. Villa Fanny

Uns capiteis de Villa Fanny están no muro do adro da parroquial de San Pedro de Cundíns.

 

 

4. Casa de Natividad

Esta casa foi o número cinco no primeiro rexistro de vivendas do concello. Os documentos dátana como unha construción do século XVII. Ata 1930 foi carnicería. O seu primeiro apelativo era Casa dos Tisos para despois chamarseCasa dos Bastiáns. Na actualidade aínda conserva edificios anexos como a caseta da carnicería, graneira, cabazo de pés redoncos con base cónica, río de lavar con laxes de pedra e pozo empedrado polo seu interior e con sarillo para extraer a auga.

 

 

5. Casa de Monterroso

Sufriu un incendio no século XIX. Conserva elementos de arquitectura tradicional como o forno, o portal con cruz, cabanotes e cortes. O seu tellado inclúe como curiosidade uns remates típicos de cabazo.

 

 

6. Os anguleiros do Anllóns

Os habitantes de Ponteceso de Cabana foron, desde sempre, os anguleiros do Anllóns. Nas noites de inverno é frecuente ollalos coas súas luces ás beiras do río, as súas botas, o traxe de augas e o longo trueiro co que capturar este apreciado manxar. As angulas son despois prato esquisito nas tacas de Ponteceso e Cabana de Bergantiños.

 

7. Cruceiro

Tras o valo escóndese un cruceiro moderno, anos 70

 

8. O Picón

Este lugar de Cabana está formado por casas de arquitectura tradicional, cos seus fornos apegados ás fachadas.

 

9. Monte de San Sebastián

A contorna do Monte de San Sebastián é outro lugar perfecto para a observación de aves. É recomendable visitar este espazo de marea baixa para moverse pola area e, ademais, acudir con prismáticos. Desde el, séntese o chiar das aves. Tamén o "bruar da Barra", é dicir, o son do mar da ría da Corme e Laxe.

Nunha revolta que se adentra no esteiro aparece o Monte das Pías (57 m) e oMonte de San Sebastián (16 m) lugar onde en 1607 estaba en pé unha erida na honra deste santo. Tapado pola auga do Anllóns, o Pozo dos Caldeiros. Río abaixo, a corda montañosa do Monte Castelo, que marca os límites municipais entre Cabana e Laxe, e os tres picos do Gontón, monte cantado polo bardo Eduardo Pondal. Debaixo deles e a rentes das augas, xorden aldeas das parroquias de Cesullas e Canduas. Contra a nosa dereita, nas ladeiras do Monte Branco nace a illa dos Cagallóns, chamada así polos excrementos das aves que a habitan.

 

10. Os apañadores de senrada

O espazo fluvial próximo ó Monte de San Sebastián é lugar a onde acoden, de marea baixa, os pescadores para apañar a senrada (Nereis), unha pequena miñoca coa que enganarán os peixes. Para apañala proceden do seguinte modo: removen a area cunha pala de dentes, porto que esta miñoca se esconde a uns 10 cm de profundidade; unha vez collida, límpana e gárdana nun papel ou cartón para que conserve a humidade. Nalgúns treitos do río está prohibido capturar a senrada, posto que é o alimento das aves do esteiro.

 

11. Praia do Curro

É unha das praias fluviais do concello, a situada máis río arriba. Desde a súa apracibilidade poderemos observar todo tipo de anátidas.

 

12. Neaño

Ó longo da estrada Ponteceso-Laxe foi nacendo un novo núcleo de casas e establecementos de hostalería e turismo que lle outorgan modernidade a este concello. Dous modernos hoteis, restaurantes e tascas típicas obríganos a buscar pousada ou facer un alto no noso camiño. A aldea antiga, terra de ferreiros, músicos e poetisas populares encóntrase ladeira arriba. En Neaño (Otero Cebral, 14) é costume facer a procesión do Carme coas imaxes da Virxede de Santo Antón pola parte máis céntrica do lugar.

 

13. O músico José María Álvarez Canto

O músico José María Álvarez Canto naceu en Corme Aldea (Corme. Ponteceso) o 28/11/1905 e, despois de facerse cabanés adoptivo, faleceu en Neaño (Cesullas) o 01/05/1977.

En cada casa do lugar nativo de José María Álvarez Canto, Corme Aldea, había polo menos un músico de banda e na súa casa, non ía ser menos, seguíase esa estirpe musical. Pai e fillo estaban unidos por ese vínculo desde a infancia, xa que o neno José María percorría con tan só seis anos as procesións das festas da contorna tocando un tamboriño coa Banda de Corme. Un día, con tan poucos anos e canso de tripar camiños, caeu sentado nun curral. Seu pai díxolle:«Levántate que che arreo unha patada no cu»

A música, primeiro aprendida de oído e despois coñecendo a linguaxe do solfexo, acompañouno durante toda a súa vida, mesmo no servizo militar onde sería corneta de El-Rei. Foi músico e director da Banda de Corme; despois, en Coristanco, dirixiu outra banda e creou unha orquestra. Do seu paso como mestre musical pola terra da pataca, fan mención estes versos da poetisa Asunción Antelo Suárez, a Rexubeira de Bergantiños:
 

Sentía ensaiar os músicos
cando iba pra Carballo:
eran os Soanes da Miñata
e os Naias de Carantos.


Tempo despois, mercou unha taberna-casa de comidas en Neaño e instalouse definitivamente nas terras de Cabana de Bergantiños. Traba amizade cos persoeiros locais, maiormente con crego folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Desa unión e das xuntanzas que mantiñan nunha habitación da taberna nace o Himno a San Fins do Castro, con letra de Cuíñas e música de José María.

Unha veciña súa, a poetisa María Baña Varela, levaría á literatura popular a presenza de José María cos seus músicos na romaría de Santa Margarida de Baneira (Corcoesto) con estes versos:
 

E estaba José María,
dirigindo na orquesta,
tocando no pasodoble,
que era a alegría da festa.


José María Álvarez foi un dos grandes referentes na Costa da Morte como músico e director de bandas. Dominaba todos os instrumentos de percusión e aire, compoñía a música para todos os compoñentes dunha banda e era un verdadeiro mestre do acordeón.

Aprendeu a tocar este instrumento en Corme, nun pequeno acordeón de botóns. Despois, chegarían ás súas mans varios acordeóns piano, unhas veces mercados en Ferrol cos cartos que lle prestara súa nai, outras como agasallo da súa dona. En Neaño, unha vez abandonada a dirección de bandas de música, impartiu clases de acordeón. Recibiron as súas leccións Jacinto de Borneiro eManolo de Ovidio. Pero sobre todo, amenizaba con este instrumento tardes de baile no salón do Burreiro. Acompañábano Lelo de Pedra Cuca á batería eAnselmo Cousillas ó clarinete, que o facía falar.

 

14. Praia da Urixeira

Río abaixo, é a segunda praia fluvial de Cabana. Conta cun acceso moi doado e pequeno aparcadoiro. De marea baixa é recomendable gozar dun paseo polas súas areas mentres o sol busca o seu ocaso. As barcas ficarán varadas na area, estrañando o balanceo inquieto nas augas. Tamén poderemos falar cos apañadores de senrada. Todos os xaneiros acoden a este lugar os membros da Sociedade Galega de Historia Natural para realizar o censo de aves da enseada da Insua.

Esta praia foi versificada por María Baña Varela (2004: 33)
 

Neaño ten unha praia,
pasa polo Monte Blanco;
hai que vela que é bonita,
donde se bañan os pobres
no medio da xente rica

 

15. As aves na enseada da Insua

As aves son parte moi importante neste sistema natural. Distínguense entre as autóctonas (as sedentarias, aquelas que viven na Insua todo o ano) e as viaxeiras, aquelas que acoden a ela durante os meses de inverno, fuxindo do frío dos países do norte de Europa, do continente americano ou mesmo de Australia. Así, distintas especies de patos mariños, limícolas, ás veces pouco frecuentes por estas costas, garzas e aves de presa conforman a particular avifauna que aconsellan a visita respectuosa a este espazo natural.

Píllara papuda (Charadrius alexandrinus)
É a xoia das aves na enseada da Insua. Vive permanentemente neste esteiro, espazo privilexiado para ela dado que cada vez son menos os lugares en Galicia nos que pode aniñar, debido á forte presión dos humanos sobre os espazos naturais. Mide arredor de 15 cm. Pon os seus ovos directamente no chan, nunha pequena depresión de area, na zona das dunas.

Lavanco real (Anas platyrhynchos)
Podémolo observar de marea chea na zona do xuncal e de marea baixa nas pequenas lagoas que forman as canles da enseada e nas illas de area. Por veces, no areal, dispóñense en grupos ou en liña recta formada por centos de patos. O macho é facilmente recoñecible pola cor verde botella da súa cabeza. Encontrarémolos agrupados ou nadando en parellas. A disposición deste pato todo calmoso cara ó sol creou unha frase feita na lingua galega: cando alguén está deitado sen facer nada díxelle que "pareces un lavanco"

Garza (Ardea cinerea)
É a ave máis elengate da enseada, debido ao seu lento e maxestuoso voo, ademais da postura estática en que a podemos observar. Encontrarémola pescando peixes ou ras na zona do xuncal, atenta co seu esvelto pescozo e mergullada na auga coas súas altas patas.

Garceta (Egretta garcetta)É unha ave fácil de distinguir pola súa cor totalmente branca. As medidas son: altura, 90 cm e lonxitude 57 cm. Ten patas negras con pés e torso amarelos. O pescozo é longo e o peteiro afiado. Parenta próxima da garza, igual de esvelta, aínda que máis pequena. Voa en grupos. Polas mañás é frecuente encontrala nas beiras do río, onda a casa de Eduardo Pondal. Con marea baixa descansa nas illas de area. Aliméntase de pequenos peixes, ras, crustáceos e insectos.

Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis)
Procura o seu alimento tanto río arriba (témolo observado preto do lugar de Anllóns) como na desembocadura. Encontrarémolo con frecuencia na lingua da Barra coas ás despregadas ao vento para secarse despois dunha sesión de pesca baixo as augas do río. É un gran mergullador, para iso os eu esqueleto óseo é mais pesado có de calquera ave. O seu voo é rápido e en liña recta, coma unha frecha, case a rentes da auga.

Gavita (Haematopus ostralegus)
Na Insua, frecuenta as zonas areentas. É unha limícola de gran tamaño (41 cm) de cor negra polo dorso e branca polo peito. O peteiro ten unha espectacular cor vermella,mentres que as patas son rosadas. En voo, apréciaselle unha longa mancha branca nas ás. Durante o inverno, algúns exemplares poden presentar un medio colar branco. Forma bandos de numerosos exemplares. Aliméntase de todo tipo de moluscos: ameixas, navallas, berberechos, mexillóns e tamén de crustáceos.

Gaivota clara (Larus artentarus)
É unha ave moi común no litoral galego. É branca con dorso e ás prateadas. As plumas remeiras son negras con manchas brancas. As patas son rosadas ou amarelas. O peteiro ten unha mancha vermella. Aniña nas zonas rochosas. Pon tres ovos nun niño feito de ramiñas e algas. Son chocados pola parella de 26 a 28 días. Os gaivotiños, pardos apencados con zonas negras, voan ás seis semanas.

Pirlo bulebule (Calidris albas)
Ten unha curiosa costume de perseguir as ondas na baixada das mareas, como podemos ver na foto. Busca o alimento en pequenos grupos. É tan confiado que nos podemos achegar a moi poucos metros del. É tridáctico, é dicir, soamente ten tres dedos en cada pata. Presenta partes superiores do corpo cincentas, mentres que ventre e peito son brancos.

 

16. O transporte fluvial

En 1745, Frei Martín Sarmiento fálanos dos "pataches de Laxe, Corme e Cándoas". Isto é mostra da importancia que o transporte fluvial cobrou poloAnllóns cando menos durante dous séculos. Primeiro a vela, despois a motor, navegaban por estas augas as "lanchas do Anllóns". Eran embarcacións que, río arriba, subían area, sal e tella. Río abaixo e ata o porto de Corme e Laxe, transportaban madeira de Bergantiños, que cargaban previamente nos abundantes aserradeiros que se esparexían polas marxes do río.

 

17. As Revoltas

Neste entorno, encóntrase a capital administrativa do concello de Cabana de Bergantiños, despois de percorrer desde a creación dos concellos os lugares de Cabana, O Bosque e Neaño. Encontramos a Casa do Concello, o Colexio de Primaria e Secundaria As Revoltas, o Pavillón Polideportivo e Piscina Municipal, o Centro de Saúde.

 

18. O Pendón

Pequena praia fluvial na que andando século XX se construían todo tipo de embarcacións, sobre todo de cabotaxe. A máis importante carpintería de ribeira era a de Julián Tedín, da que aínda quedan restos das súas construcións. O Pendón tamén é base do Club Náutico de Cabana de Bergantiños e lugar de pescadores de robaliza.

 

19.- Casa do Concello na II República

Durante o século XIX e primeras décadas do XXnon existían Casas do Concello, senón que a xestión municipal (mesmo as propias votacións), se realizaban desde a casa do alcalde. Durante aII República, o alcalde Alejo Varela Centenolevantou estas dependencias municipais que nunca chegaron a cumprir a finalidade para a que foron construídas. Cumpría así unha pequena vinganza de levar o edificio municipal para territorio da parroquia de Canduas, roubándollo á de Cesullas.

 

20. A Carballa

Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños da Carballa deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

 

21. Os Foucellas na Telleira

Durante a época de posguerra, na Telleira ocorreron uns feitos entre a guerrilla antifranquista (comunmente chamados Os Foucellas) e a Garda Civil. En 1943,Os Foucellas cometen un triple asasinato nun mesmo día en (Cardezo), Brantuas (Ponteceso) e A Telleira (Canduas). En Cardezo e Brantuas matan a persoas da familia Baneira. Estes asasinatos provocaron un amplo despregamento da Garda Civil. Establecéronse controis nas estradas como a da Graña a Ponteceso. Detéñense cómplices e na Telleira é incendiada a casa/bar dun encubridor.

 

22. José Mas na Telleira

Aurelio Mejuto, o protagonista da novela A Cosa da Morte do escritor sevillanoJosé Mas, tras aparecer polo "paraíso" do Bosque desprázase á Telleira, que é descrita (Mas, 181) coma se dunha pintura se tratase: "Na Telleira, despois de dúas horas de marcha... fantasiosa"
Na Telleira, Aurelio detense nunha excelente casa de comidas: a Casa de Arcadio. O seu propietario, gran cociñeiro, despois de vivir arriscadas experiencias asentou no lugar e fundou esta taberna (Mas, 182): "Na mesma estrada está a casa de Arcadio, famoso entre a xente mariñeira polas comidas que servía... submarinos alemáns"
O comedor da Casa de Arcadio era atendido polas dúas fillas que parecían nacidas da natureza na que se criaron (Mas, 182): "Servían as fillas de Arcadio... eran as súas voces"
A Casa de Arcadio era frecuentada polos patróns das embarcacións de cabotaxe que visitaban a Insua (Mas, ): "Arredor dunha mesa longa e basta, e sentados en banquetas, había alí varios patróns de veleiros"
Arcadio e os patróns mantiñan conversas sobre as mulleres de Corme que ían visitar os seus maridos a portos afastados (Mas, 183):
"-¿Acórdaste aquela tarde cando chegamos a Vilagarcía e nos encontramos no porto coa muller que fora a pé desde Corme?
- Si, lémbrome. El estaba en terra mercado unhas cousas e ti preguntácheslle a ela: «Oes, Ampariño. ¿Pasa algo na túa casa? ¿A que vés de tan lonxe?» E contestouche con estas palabras: «Veño vixiar o marido e de paso a refrescar a co...»
"
A comida que despachaban todos os seareiros era un caldo de grelos con febras (Mas, 183): "todos os comensais ían engulindo o rico caldo con grelos e con illas flotantes de saborosas febras".
Mentres se comía, eran comúns as conversas mofentas e de anécdotas de todas as vilas da costa. Non obstante, facíase especial fincapé no sacrificio das mulleres de Corme á hora de vixiar os seus maridos, que mesmo chegaban elas nese acoso a portos tan distantes como o de Bilbao (Mas, 183): "Nestas conversas... que follaxe".
Esa actitude desconfiante das mulleres era xustificada posto que os mariñeiros de cabotaxe facían certa a frase de "muller en cada porto" (Mas, 183): "Comprendíase o de vixiar o marido... ou descarga do veleiro".
Arcadio, o dono da casa de comidas, recordaba aqueles tempos no que os mariñeiros de Corme nadaban na abundancia (Mas, 183-184): "¡Que tempos aqueles! "exclamou... cos cartos".

 

22. Pazo da Casanova

A Casanova de Nantón foi fundada (Martínez Barbeito, 1986: 420-422) polo capitán Francisco Rodríguez de Gondomil. A casa, de tres corpos, posúe patín e corredor cuberto. No portalón de entrada podemos ver os escudos nos que aparece as armas dos Pardiñas e Villardefrancos, Figueroa, Rodríguez de Arijón, Moscoso e Caamaño. Na actualidade, pertence a unha familia de labradores.

 

23. Elisa Mosquera Tedín

Natural deste lugar é a escritora Elisa Mosquera Tedín. É autora dunha noveliña infantil que publicou en Ediciós do Castro baixo o título de Barullo. Está ambientada neste entorno e serve para coñecer, a través da mirada dun neno en idade escolar, estas ribeiras do Anllóns contra mediados do século XX.

 

24. Pedracuca

En Pedra Cuca, no tempo de San Xoán (Otero Cebral, 5), os labregos bendecían cunha póla de oliveira e auga bendita as súas fincas, á vez que pronunciaban as palabras: «A bendición de Deus pai, e do fillo e do Espírito Santo nos cubra cos seu manto». Na casa de Miraflores o mal de aires (Otero Cebral, 11) sacábase afumando o doente con herbas de San Xoán e un dente de allo tronzado e posto en forma de cruz sobre as herbas; o adoecido tiña que tomar tres tragos de fume, afumar a súa roupa e a dos que vivían con el.

Respecto dos usos da cocción do pan, Otero Cebral (7) recolleu o seguinte uso en Pedraca: «No lugar de Pedracuca amornaban a auga da fonte para faceren o fermento. Este presa de fariña mesturada con auga morna remexíana nunha tarteiriña de barro cunha culler e logo empregaríase para amasar. Dese xeito, remozábase o fermento que logo se ía empregar para o levedo da broa na artesa. A nai, cando facía a cocción, dicíalle ao seu fillo que estaba reclamando a choros e berros.
-Calai, meu filliño, que che hei de facer un freixó.
Unha vez levedada a masa, a nai collía unha tixola, púñaa á lareira e nela botaba uns rixóns e logo sobre deles masa de broa. Este sería o freixó»


En PedracucaOtero Cebral (33) recolleu estes cantares populares que falan de oficios tradicionais en Cabana de Bergantiños:
 

Terra de moitos ferreiros,
lancheiros moitos había,
zapateiros outros tantos
cada un na súa profesía.

Traballaban noite e día,
xente dura e forte;
aínda queda algún deles
que estas cousas recorde.

Naquel entonces
facían moitos traballos;
carreteiros dos montes
baixaban moitos carballos.

Carros con bos bois
andaban polos camiños,
carrexando a pedra
para a casa dos veciños.

Despois de tanto traballo,
tanto carro, tanta forxa,
xuntábanse na taberna
para refrescar a súa gorxa.

Alí bebían uns bos viños
e xogaban unha partida
e dispoñían os traballos
para facer no outro día.

Bois ó carro á mañá,
ferro ó lume a cantar,
os lancheiros ó seu remo
todo o mundo a traballar.

Así era a nosa terra
corenta anos atrás.
Traballar noite e día
para comer un par de redes.

Aqueles que traballaban
cartos sempre xuntaban,
pero si querían zapatos novos
os cartos non lles chegaban.

E así era a vida
dos nosos antepasados;
aínda que os recordemos,
temos que olvidalos.

E buscar novas ideas
coa xente de hoxe en día;
pois temos que modernizarnos
e non traballar noite e día.

Ferreiros e lancheiros,
zapateiros e serradores
ídevos preparando
que veñen tempos mellores.

 

24. Rego de Ponte Paíño

A carón da ponte que cruza o rego de Ponte Paíño observamos unha pedra de lavar a roupa. Contra a dereita, un camiño levaranos a un entorno de muíños coñecidos con estes nomes: o muíño do Cubo e máis adiante o muíño do Pino.

 

25. Casa de Miraflores

Chégase a esta casa-pazo por unha antiga corredoira onde se botaba toxo a podrecer para facer esterco. Contando desde a actualidade (2005), esta casa sobrepasa os 250 anos de antiguidade. Segundo a memoria dos seus actuais habitantes, dise que foi levantada por un cura que lla deixou en herdo a unha filla. As pedras que sobresaen da fachada son as contas de días de xornal a pagar polo propietario aos canteiros. O escudo foi subido de lugar cando se abriu unha porta; nesta operación, o propietario da casa queriao tirar, pero o crego de Cesullas Saturnino Cuíñas Lois rogoulle encarecidamente que non se defixese del. No interior, as dúas ventás da dereita posúen parladoiro para ollar a ría sentados tras os cristais. Na cheminea, actual, lese unha inscrición coa súa data de construcción: "Pedra Cuca 1952". Cóntase que a Garda Civil, cando apresaba algúen, o tiña aquí retido. Como edificacións anexos a esta casa, destacan o cabazo de pés e o cabanote. É propiedade privada.

 

26. O Esqueiro

Na aldea do Esqueiro aínda se conservan as vellas casas con apelativos do lugar. «Lugar do Esqueiro». A fachada da vivenda que as ten era unha antiga taberna.

 

27. O Buzaco

A pequena aldea do Buzaco está formada por casas de labranza con cabanotes, eiras redondas e cabazos. Salienta un cabazo de pés datado en 1895. O Buzaco nace a cabalo de dúas parroquias cabanesas: Cesullas e Canduas. O seu emprazamento foi fonte da seguinte historia acontecida na realidade que titulamos (Varela Varela, 1999: 23) "O morto de dúas parroquias": 

Unha casa do Buzaco está partida á metade pola liña divisoria das dúas parroquias. O primeiro defunto da vivenda foi motivo de discordia entre os curas de Canduas e Cesullas. Ambos viñérono buscar para enterralo, pero non se poñían de acordo. Entón, o cura de Cesullas dixo: «O finado ten que saír pola porta principal. Se che pertence a ti, lévalo; senón, lévoo eu». Como a porta principal estaba en terras de Cesullas, soterrouse no cemiterio de Santo Estevo?.

Durante a noite de San Xoán (Otero Cebral, 5), os veciños do Buzaco deixaban pendurados fiunchos das fiestras para espantar os demos das vivendas.

 

28. Sinde

Aldea que se ergue ó abrigo do Pico de Sinde, lugar a onde os lugareños levaban os seus defuntos antes de morrer. Na ladeira do monte, unha antiga casa de carpinteiro que se descubre polo seu balcón-corredor de madeira.

Otero Cebral (49) recolleu en Sinde esta tradición que se realizaba cos mortos do lugar: 

"Mentáronnos os paisanos que no lugar de Sinde, en Canduas, se veu transmitindo de forma xeracional un vello costume relacionado coa morte e que mesmo nos amosa un salientado carácter exotérico. Os nosos devanceiros cando tiñan un enfermo agoniante no lar, quitábano da casa e levábano ao curuto do castro para que atopara alí a súa morte. Logo, traían o cadáver para a casa e xa despois metíano en terra santa. Outras veces, levábano xa de morto ata o mesmo castro para que dese xeito atopara o antes posible o seu imperezo descanso. Xesús Taboada Chivite méntanos que estes costumes teñen raigames de crenzas no máis alá e explica este proceso como un feitío que xa na cultura castrexa e noutras tiña o valor de que as alturas sacras eran a vía de contacto máis próxima entre os deuses e as almas".

 

29. Castro de Sinde

O castro de Sinde, contra a ladeira do monte. Hoxe está desfeito polas tarefas agrícolas. Non obstante, aínda se perciben as dimensións de antano. Conta cunha croa e dous antecastros que vixían o vello camiño, hoxe estrada Ponteceso a Laxe. A súa lenda conta que nel hai unha fonte que vai dar ó lugar de San Pedro (aldea e praia da costa cabanesa). Contra o lado W (o castro de embaixo), a lenda di que os mouros enterraron un tesouro tan fondo que ninguén pode ir escavalo.

 

30. Capela de Sinde

Foi levantada durante a posguerra (anos 40 do século pasado) por mandato do párroco de Canduas Manuel Costa Verdía. Hoxe encóntrase semiderruída, aínda que conserva o seu arco ovixal e pinturas nas bóvedas do altar. Os rapaces do lugar coñécena co nome de «Roma Chica».

 

31. A Efixie de Ouro do Batilleiro

No Batilleiro, lugar de Sinde en Canduas, Otero Cebral (52) recolleu a lenda da Efixie de Ouro: 

"No Batilleiro, lugar de Sinde, en Canduas, apousan uns montículos de terra que amurallan en redondo o monte e por iso a este monte do lugar se lle chama «Monte Redondo». Nel están colocadas unhas pedras qeu parece coma se foran dun dolmen. Así é como nós vemos desnde O Batilleiro o castro de Sinde. Nos devezos doutras xeracións andaba o comento enre os do lugar de que no chan do devandito lugar se achaba soterrada e ilocalizable unha fermosa efixie de ouro macizo. No lugar aínda se fala cun certo aquel, pero mentres tanto todo segue igual no céltico Batilleiro".

 

32. Estaleiro Roseva

É o único estaleiro de Cabana de Bergantiños no que se alterna a producción de embarcacións artesanais de madeira e de casco de ferro.

 

33. Carpintería de ribeira O Tecelán

Encóntrase no Lodeiro, antiga zona de aserradeiros. Na marea baixa, tamén se ven pescadores co «Cavaduiro» ou forquita na procura de senrada. Mergulladas na area sobresaen cabezas de cadernas de embarcacións putrefactas.

 

34. Hermosinda de Tabuído

Hermosinda Engracia Varela Lema naceu no lugar de Tabuído (Canduas) no ano 1914 e morreu na súa casa natal o 26.02.1989. Naceu nunha casa forte de labradores. Cóntase que desde Rebordelo ata a casa natal todo eran propiedades de seu. Ademais, a facenda constituíana vacas, cabalos, varias parellas de bois e gando miúdo. Nun vello reparto da herdanza, entregouse como dote unha parella de bois para Portugal. Polo tanto, Hermosinda naceu e criouse labrega nunha paraxe cabanesa inesquecible ás beiras onde o Anllóns rende alentos: Tabuído.

Hermosinda de Tabuído era unha muller moi relixiosa. Nunca perdía misa, mesmo deixaba plantado calquera traballo na agra para acudir puntualmente á igrexa. Este trazo da súa personalidade verase plasmado despois na obra poética onde figuras como a Virxe son cantadas en varios poemas, onde a chegada dun novo cura á parroquia é celebrado con versos ou onde unha excursión á Virxe de Fátima en Portugal é recordada cunha boa presa de coplas.

Natural dunha terra de importante tradición poética popular e instruída nunha escola do rural, Hermosinda de Tabuído xa creaba coplas desde moza. Tanto lle compoñía poemas a unha veciña como lle enchía follas de versos ós rapaces que acudían a ela para levalos ó colexio. O seu xenro tampouco escapou á ollada poética. A construción das escolas das Revoltas pasou pola súa pluma. E esa forza e ánimo poético estivo vivo ata o día do seu pasamento.

Xunto con persoas como María Baña Varela, Hermosinda Varela Lema é claro exemplo de pervivencia dunha literatura oral e popular nas aldeas de Galicia. Como mostra, sirvan estes versos inéditos nos que poetiza a historia da súa parroquia. Orixinal maneira de contar e cantar as raiceiras nativas.
 

Vouvos contar unha historia
aquí con poucas palabras:
o que antiguamente era
a nosa parroquia de Canduas.

Había un convento de monxas
disque no lugar de San Pedro.
Eu esto xa no no vin,
pro díxomo meu abuelo.

Despois marcharon dalí,
eu non sei pra que lugar;
disque lle iban facer guerra
os mariñeiros do mar.

E despois aquí en Canduas,
según algún vello dixo,
era un convento de frailes,
chamábase San Martiño.

Os frailes daquí marcharon
e non sei para que sitio;
así lle quedou o nombre:
parroquia de San Martiño.

Esta historia é pequena,
que ten mui poucas palabras.
A parroquia de Borneiro
disque era anexo de Canduas.

Estas cousas de tan vello
saberano dous ou tres,
que tamén era de Canduas
o lugar de Valarés.

Unha ves viñan con un morto
a Canduas a enterrar,
como non había puente
na Barra caiulle ó mar.

Ó pasarlle esta avería,
por si morrería outro
ordenaron co lugar
fora prá parroquia do Couto.

Antes Canduas era pequeno,
según dixo un estudiante,
pro como todo oumentou
hoxe é unha parroquia grande.

Esta é unha historia pequena
das cousas da antigüidá
e eu se soupera máis
decíavola de verdá.

 

35. Carpintería de ribeira O Valadiño

Consérvase aínda como o modelo das típicas carpinterías de ribeira nas beiras do Anllóns co seu galpón de madeira e varadeiro de madeira para realizar as botaduras de embarcacións. Desde ela gózase dunha boa vista da Barra, pouso de aves, e do monte Branco, que parece tocarse coas mans.

 

36. Punta Tabuído

Punta Tabuído marca a entrada de auga na enseada da Insua. Aquí, co romper das ondas da ría de Corme e Laxe, nace o «Bruar da Barra». Desde ela, de dereita á esquerda, a nosa ollada abranque de preto a canle de entrada no esteiro, o monte Branco, a illa da Tiñosa, practicable en marea baixa, a praia de Valarés, o monte da Facha e, ó lonxe, a vila mariñeira de Corme.
Desde punta Tabuído, con marea baixa, podemos achegarnos a pé pola area ata O Valadiño.
Punta Tabuído fálanos de historias de afogados, de naufraxios das lanchas do Anllóns que, cargadas de madeira, tella ou sal, intentaban entrar e saír por esta perigosa bocana en días de mal tempo. Os puntais de madeira levábanse para as minas asturianas; a madeira, canteada, transportábase para o sur da Península, maiormente para Huelva.

 

37. Naufraxios

O profesor Xosé Baña Heim (1980: 23-24) tamén nos recorda a historia de veleiros naufragados como a do El Compostelano: 
 

"Día de gran surada con refachos de travesía. Un barco no porto de Corme, por mor do temporal, ten que ser abandonado pola súa tripulación que, apresuradamente, en botes, chega ó peirao. O barco rompe amarras e queda ó pairo con un só ser a bordo: o gato. Esquiva os farallóns da Barra (illa da Tiñosa e punta Tabuído), entra en Canduas e, río Anllóns arriba, chega indemne á Telleira. A xente do contorno, que observa a «perfecta manobra» pregunta: «¿Quen goberna este barco?» A verdade é que El Compostelano non foi teledirixido. Teremos que pensar no Micifuz, naquel que, ó verse só a bordo, dixo para si: «¡Para mariñeiros, nós...!»"

 

38. Cruceiro de Piquite

A cruz de pedra que aparece en punta Tabuído chámase o cruceiro de Piquite. Foi levantada no lugar trala morte neste espazo duns pescadores de liña.

Da Piquita, realiza Otero Cebral 820) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos: 
 

"A Piquita, a insólita e mesmo entristecina amiga das estrelas e do medo do mar, visitada amiga da sospeita e do fenezo que non ficas nese teu remouso e reclamo."

 

39. Praia das Maseiras

Chégase a ela por un vello camiño de pescadores. É un pequeno areal totalmente virxe, cunha fonte e que se cubre de aguas durante as mareas vivas. Os pescadores de barbadas teñen aquí as súas postiñas. Desde ela e o litoral escarpado cabanés ollamos Valarés, Corme, o cabo Roncudo co seu faro e a rompente da illa do Roncudo na que, segundo crenza local, se encontran os mellores percebes do mundo.

 

40. Praia das Vacas

Pequeno areal que, de marea baixa, comunica coa praia das Maseiras. Debaixo do areal escóndese un coído de pedra que, en ocasións, a marea deixa a descuberto. A ela verte un pequeno regato que descende por unha canle onde en tempos pacían as vacas, de aí o nome desta praia. Con marea baixa, podémonos adentrar na auga da ría máis de cen metros sen nos cubrir.

Da Area das Vacas, realiza Otero Cebral (19) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:
 

"A Area das Vacas, encurutado e cimo rochedo que fas afondar a túa musa solarega, a túa harmonía queda e bruideira, a túa amiga de soidade da lúa e da tenrura da alba que xace na fondura mesma da beleza."

 

41. Punta Padrón

Cabo cabanés engalanado por un cruceiro de varal octogonal que emerxe dunha das pías do laxedo. É excelente lugar para ver as dúas illas da ría de Corme e Laxe: a Tiñosa, na desembocadura do Anllóns e ó pé do monte Branco, e a illa da Estrela, a carón das casas mariñeiras de Corme. É tamén espazo no que botar unha ollada atrás e observar as dúas praias que acabamos de deixar na nosa viaxe: a praia das Maseiras e a das Vacas.

 

42. Furna da Escanavada

Ó longo da ribeira cabanesa encóntrase a solitaria furna da Escanavada. É un precipicio de máis de 50 metros. Só se pode chegar a ela andando polas pedras da ribeira ou por mar, con marea baixa, en bote.

Desta lendaria furna cóntanse moitas historias. Así, a principios do século XX, unha cabanesa, que estaba apañando toxo, levou o seu meniño no carro; o carriño esvarou pola furna embaixo e ela, intentando salvalo, caeu tamén polo precipicio. Ademais, dise que durante a Guerra Civil española, se escondían aquí os perseguidos (de igual maneira que o facían no monte Pindo de Carnota). A lenda da furna relátanos que a súa profundidade é tal que se pode chegar ata o «castro» andando.

Desta furna, realiza Otero Cebral (20) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos: 
 

"A Furna Misteriosa, cicais ese vivo encanto que para podelo coñecer de cheo se haxa que meter nese seu misterio ou tal vez renaza como algo inesperado ese noso debezo de te desenmergullar; pero ti, furna, sexa cal sexa o desvelo que se che faga, serás igual."

 

43. A furna dos Bólos

É unha pequena praia que, de marea baixa, descubre un coído. Excelente lugar para apañar ourizos.

 

44. A Insuela

Nela podemos encontrar outra cruz de afogados, nesta ocasión caleada.

 

45. A Mundiña

Ribeira afora, A Mundiña é a mellor punta percebeira de Cabana de Bergantiños. Dela cóntase a seguinte historia. Dise que houbo quen quixo facerse dono (privatizar) esta punta percebeira; na disputa, o crego Saturnino Cuíña púxose de parte do pobo, saíndo este vencedor.

 

46. Camiño francés por Canduas

Por Canduas (Ferreira, 1988: 139) pasaba o «Camiño francés», procedente de Malpica e que seguía polas terra de Laxe. En Canduas (Otero Cebral, 6) botan herbas arredor das casas o día de San Xoán para que non entren malos espíritos nos fogares.

No lugar da Ribeira, celebrouse, en tempo de entroido, o enterro do cangrexo. Consistía (Otero Cebral, 8) en ir andando de recú ata chegar ata as augas do Anllóns; unha vez alí, tirábase ao río un cangrexo vivo e un home, disfrazado de vello, recitaba as oracións correspondentes.

En Canduas (Otero Cebral, 16) hai costume e non comer as cousas ao dereito da tixola, pois os vivos teñen aínda a crenza e a experiencia de que son propensas a sentaren mal. Ademais (Otero Cebral, 16) cada vez que se comen filloas quentes da tixola, seguen o uso dos seus antepasados, de non beberen auga nin tampouco viño a canda elas.

 

47. Mosteiro benedictino de Canduas

Sutuado nun outeiro entre Laxe e Canduas, houbo un mosteiro benedictino (Lema Suárez, 1998: 74-75). Primeiro de monxas (século IX) e despois de monxes da mesma orde. Posiblemente fose dúplice nos primeiros tempos. Pasou a mans varonís en tempos do arcebispo don Lope de Mendoza. Segundo conta o Padre Yepes na súa Crónica general de San Benito «la hazienda no andava bien tratada en manos de mujeres». O priorato desta freguesía substituíu ó antigo mosteiro, incorporándose a San Martiño Pinario de Santiago en 1436, sendo aprobada a decisión polo papa Uxío IX en 1442. O mosteiro, pese a que contaba coa protección dos reis de Castela, Juan I e Juan II, no primeiro terzo do século XV subriu abusos dos nobres galegos. Nos abusos cometidos por Arias Pardo de Cela e Joán Becerra de Val de Veiga, alguén chegou a «apalear al abad y ajar una sobrina suya»

 

48. Sarmiento e Canduas

Durante a súa viaxe por Galicia, no verán de 1745, hospedouse durante unha noite no mosteiro benedictino de Canduas o ilustrado galego Frei Martín Sarmiento. No seu caderno de viaxe (Sarmiento, 2001: 94-95) recolleu as seguintes notas:
 

"Cándoas, outra légoa. Priorado noso. Noite. En Candoas no plano da escada hai unha pedra e esta inscrición: «HIC TUMULATUS MANET SUB ERA D. CXIII». Hic tumulatus manet sub era D. CXIII ou tal vez era 113 suplindo mil. Pero non se sabe quen é o que estaba enterrado onde apareceu esta pedra. Esta tróuxose non hai moito desde a igrexa de San Xoán de Borneiro, a que se compuxo ao tempo que se fixo a casa de Cándoas, no tempo do prior Frei Mauro Bázquez. A igrexa e couto de Borneiro foran da orde, segundo lin en pergameos en Moraime; e así é crible que Borneiro fora mosteiro e antigo. Está a unha legua de Cándoas.
Aldeas de Cándoas
Cándoas. Sinde. Ures, Tabuído. San Pedro. Freixufre. Aguarei. Cabo di Area. Rancodoiro.
A ría de Cándoas é boa; terá de longo desde a ponte até a barra, legua e media. A barra principal é a que ten ao norte o lugar de Corme, e ao sur o de Laxe, que como cabo correspondente ten ao Insua e o do lado de Corme é o cabo de Turnis ou o Roncudo. E os cabos máis dentro da ría son: o Padrón, o porto do Cavalo, o da parte de Cándoas, e Osmo, o da parte de Corme.
O sábado 14 saín de Candoas para Moraime por Ozón a Lourido.
"



Vemos, pois, como o grande ilustrado galego, Frei Martín Sarmiento, ten unha dobre conexión con Cabana de Bergantiños. A primeira foi esa estancia no mosteiro de Canduas. A segunda, e consecuencia da primeira, a inclusión da longa cita anterior no seu libro Viaxe a Galicia (1745). Podemos sistematizar a información que recolleu Sarmiento (94-95) nos seguintes puntos:

1. Fálanos da tradición de embarcacións de transporte de cabotaxe construídas na enseada da Insua. Exprésanos que ata Ponteceso chegaban "pataches da ría de Laxe, Corme e Cándoas."
2. Cita a freguesía de "San Estebo de Cesullas."
3. Informa que o lugar de Sinde pertence á parroquia de Canduas: "Sinde de Cándoas."
4. Conta a distancia que tivo que camiñar desde Sinde a Canduas: "Cándoas, outra legua."
5. Expresa a orde monástica que rexía o mosteiro de Canduas: "Priorado noso"; polo tanto, bieito.
6. Indica o tempo que estivo no mosteiro: "Noite."
7. Describe, con todo detalle, unha pedra con inscrición: "En Cándoas no plano da escada hai unha pedra e esta inscrición HIC TUMULATUS MANET SUB ERA D. CXIII Hic tumulatus manet sub era D. CXIII ou tal vez sub era 113 suplindo mil. Pero non se sabe que é o que estaba enterrado onde apareceu esta pedra. Esta tróuxose hon hai moito tempo desde a igrexa de San Xoán de Borneiro."
8. Emparella os tempos de construción da igrexa de San Xoán de Borneiro e o do mosteiro de Canduas: "igrexa de San Xoán de Borneiro, a que se compuxo ao tempo que se fixo a casa de Cándoas."
9. Escribe o nome do prior fundador do mosteiro de Canduas: "Casa de Cándoas, no tempo do prior Frei Mauro Bázquez."
10. Descubre que a igrexa e mosteiro de Borneiro foran da orde dos bieitos: "A igrexa e o couto de Borneiro foran da orde, segundo lin en pergameos en Moraime; e así é crible que Borneiro fose mosteiro e antigo."
11. Informa da distancia de ambos espazos parroquiais: "Está a unha legua de Cándoas."
12. Compila os nomes das aldeas que conforman a freguesía de Canduas: "Aldeas de Cándoas. Cándoas, Sinde, Ures, Tabuído, San Pedro, Freixufre, Aguarei (sic), Cabo di Area (sic), Rancodoiro (sic)."
13. Fálanos da condicións e dimensións da ría de Corme e Laxe que el lle chama ría de Cándoas: "A ría de Cándoas é boa; terá de longo desde a ponte até a barra legua e media."
14. Cando describe os lindes e accidentes xeográficos da ría de Corme e Laxe (Cándoas) confunde a Barra do Anllóns, a lingua de area que fecha a enseada da Insua, coas augas do mar da ría: "A barra principal é a que ten ao norte o lugar de Corme, e ao sur o de Laxe, que como cabo correspondente ten ao Insua e o do lado de Corme é o cabo Turnis ou o Roncudo. E os cabos máis dentro da ría son: o Padrón, o porto do Cavalo (sic), o da parte de Cándoas, e Osmo, o da parte de Corme."
15. Por último, informa da súa data de partida: "O sábado 14 saín de Cándoas para Moraime por Ozón a Lourido."

 

49. José Mas en Canduas

Tras pasar pola Telleira e collendo camiño de Laxe, Aurelio Mejuto, xunto con Luís, o chocolateiro, detense en Canduas. Para nunha tenda que beirea a estrada da Telleira a Laxe. No tenducho, o chocolateiro coloca o seu produto e Aurelio tamén (Mas, 188-189): "Co seu permiso. Hei de entrar... e xa un pouco afastados do tenducho."
Despois de Canduas sorpréndeos unha tormenta. Nese momento, o chocolateiro cita o dolmen de Dombate (Mas, 190): "¡Se o dolmen de Dombate estivese máis cerca, alí nos abrigaríanos."

 

50. Igrexa de San Martiño de Canduas

Erixiuse arredor dun núcleo de casas. A súa orientación (Lema Suárez, 1998: 75-79) é distinta á tradicional, xa que mira cara ó norte. A nave e a capela lateral leste están cubertas por unha bóveda de canón lixeiramente apuntada; a capela leste cóbrese con falsas bóvedas de crucería.

A orixinalidade desta igrexa (Lema Suárez, 1998:75-79) preséntase na fachada: pentagonal, construída case integramente polas doelas do hórreo de pedra do antigo mosteiro. Na súa vertical, a porta principal, un pseudo-rosetón circular e a espadana. Nas fases construtivas da igrexa interveu, de forma esaxerada, o párroco Manuel Costa: en 1928 investiu 3.030 pesetas; as inquedanzas para estas reformas eran darlle emprego, nas obras de cantería e albanelería, aos mendigos e desocupados que tanto abundaban por eses anos.

 

51. Monolito da fachada

Á beira da fachada, érguese un monolito, levantado por mandato do párroco Manuel Costa Verdía, no que aparecen inscritas as iniciais F.C.R. y M. Estas son as siglas de Fe Católica, Religión y Moral.

 

52. Cemiterio de cantería

Canduas presenta un interesante cemiterio de pedra no que algúns panteóns presentan unha construción escalonada.

 

53. Rueiro medieval

Nas paredes do adro, á beira do camiño, obsérvase unha pía, á que chega a agua a través da antiga canle do mosteiro. Onda a pía, un precioso rueiro que nos recorda á Canduas medieval, coas súas estreitas calellas e casas de pedra.

 

54. Cruceiro dos Romero

O cruceiro dos Romero, tamén coñecido como o cruceiro da praza, encóntrase nunha encrucillada do lugar de Canduas, preto da igrexa. Destaca polo seu capitel esférico decorado con follas. No pedestal leva esta inscrición: «Dela casa de los Romero»

 

55. Casa de Collazo

Levántase ó lado do cruceiro dos Romero. Enriba do lintel da porta principal, aperce un semi-escudo coa inscrición «LA EDIFICÓ J.C.C. EN EL AÑO 1887» As siglas J.C.C. correspóndese co nome José Collazo Campos. Fronte a esta casa, había un lavadoiro de pedra.

 

56. Casa dos Romero

Coñécese co nome da Casa do Vinculeiro. Edificio de planta rectangular e de traballada cornixa de pedra. Son dúas vivendas apegadas que comparten medianeira. O de arriba, habitado, posúe un escudo oval encadrado por sillares; as divisas dos paarentescos da familia son dos Moscoso, Rodríguez de Arijón, Caamaño e Pardiñas Villardefrancos. O edificio de abaixo, cunha data no lintel da porta 1660 é usado hoxe como corte. Na árbore xenealóxica da Casa de Romero destacan (Martínez Barbeito, 1971: 158) os capitáns Martín Romero de Caamaño e Andrés Romero, que pelexaron na guerra de Portugal.

 

57. Casa do Xoano

Encóntrase nun desvío entre a Casa do Collazo e a de Romero. Conta con dous corpos en forma de L. A porta con gateira, con trampela interior no caso de frío. Forno na cociña, mesa de pedra para a sella, corte de gando, ventán con parladoiros e tragaluces. A fachada era cuberta por un antigo cabanote, hoxe só queda en pé a columna de pedra que o sostiña.

 

58. Sabor medieval

Canduas conserva o sabor medieval, coas súas estreitas calellas, os cabazos de pés, propios xa da Terra de Soneira, os portelos que nos abren vistas ás leiras e á enseada da Insua, as cruces e fontes de pedra.

 

59. Palilleiras e cesteiros

O catastro do Marqués da Ensenada dinos que en Canduas había oito palilleiras. Na actualidade aínda se conserva a tradición artesanal da cestería de vimbio.

 

60. O cesteiro Emilio Lema Pérez

Emilio Lema Pérez naceu en Canduas o 24.11.1928 e faleceu no mesmo lugar o 28.08.2005. Tivo como profesión a de carpinteiro de barcos. Aprendeu o oficio nas carpinterías de ribeira de Cabana de Bergantiños, para despois traballar longo tempo en distintos estaleiros da cidade da Coruña. Non obstante, a súa verdadeira paixón era a cestería. Érao tanto que mesmo lle quitaba o sono e coa alborada xa se poñía a traballar a carón do seu banco de artesán.

Emilio Lema Pérez foi cesteiro desde os primeiros anos. Cando de cativo tiña que ir coas ovellas para os montes de Canduas, dicíalles ós seus compañeiros: «Quen me coide das ovellas fágolle un cesto». Tal dito, tal feito.

De todos modos, os anos de maior actividade artesá foron os que seguiron á súa xubilación de carpinteiro. Neles, impartiu cursos de cestería, acudiu a mostras de artesanía no Couto, en Neaño, na Telleira, en Boimorto, en Laxe e representou o oficio tradicional da cestería da Costa da Morte nos stands que a Asociación Neria levou á Feira Internacional do Turismo (FITUR) ou á Bretaña francesa. En Camariñas, uns sombreiros de varas soltas confeccionados por el resultaron co-gañadores do primeiro premio no desfile de moda da Mostra do Encaixe. Polo tanto, Emilio Lema Pérez converteuse no artesán de maior proxección e máis internacional de Cabana de Bergantiños. Días antes do pasamento, encontrábase elaborando a cesta máis grande do mundo coa que situaría ó seu concello natal nas páxinas do Libro dos Récords

Para realizar as pezas, Emilio Lema empregaba fundamentalmente material autóctono. Acudía ós prados para recoller vimbio e despois sometelo a distintos tratamentos: se quería elaborar unha peza escura, facíaa co vimbio sen pelar; se a peza tiña que ser clara, cocíao e pelábao. Nos últimos anos, incorporou material de fóra de Galicia, como podía ser a «vara longa» ou «médula» que el encargaba en Salamanca. Nalgunha obra, empregou lamias de carballo.

As obras que nacían no obradoiro de Emilio Lema tiñan un dobre sentido: o práctico e o decorativo. Entre as primeiras, as máis abundantes, cómpre citar paxes, buceiras, cestas, bandexas, cestos de pesca, cestos de ovos, cestos de romaría, sombreiros, cadeiras, botellas ou garrafas vestidas, ás veces con asa, ás veces sen ela. Entre as segundas, como retos que el se marcaba ou encargas realizadas polos visitantes do seu obradoiro, están avións, paxaros ou mesmo esveltos barcos veleiros.

Emilio Lema Pérez pertencía a esa estirpe de artesáns que se resistía á desaparicións nas aldeas de Galicia dos vellos oficios de antano. E Cabana de Bergantiños, documentado desde a idade media, é un verxel destes oficios. Como mostra, o exemplo deste cesteiro ou tamén o traballo das fiandeiras de liño e das encaixeiras.

 

61. Monte da Costa

Canduas conta cun monte chamado da Costa (Otero Cebral, 47), un lugar sagrado e estraño no que, noutrora, chegou haber tres lanzais cruceiros de pedra que se construíran antigamente.

 

62. Praia de Rebordelo

Unha vía estreita e curvosa por entre as casas lévanos á praia de Rebordelo, o areal costeiro máis grande de Cabana de Bergantiños. O traxecto que conduce a ela é unha fonte de sopresas. Conforme descendemos, ollamos un río de pedra de lavar. O noso percorrido é acompañado polo rego de Rebordelos. Na pequena desembocadura, o feo da praia forma parte da vexetación dunar. Á dereita, unha branca cruz fálanos de pescadores afogados. Á esquerda, morre unha pequena fervenza que desauga con forza cada primavera. Desde o areal de Rebordelo podemos andar, por camiño de ribeira, ata a próxima aldea e praia de San Pedro.

Da praia de Rebordelo, realiza Otero Cebral (19) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos:
 

"No mesmo ollar ao mar dende o cimo, vese Rebordelo, un sorriso que non fende e permanece alerto, esa branca area de brancas laxes que nin na invernía se escurece e que se fai compañeira e amiga das pradeiras e das arboredas que a embelecen"

 

63. Lugar e praia de San Pedro

No lugar de San Pedro, a memoria das xentes conserva aínda viva a seguinte tradición. Os habitantes de Valarés (Ponteceso), que vivían en fronte, víñanse enterrar no cemiterio de San Pedro; a viaxe do defunto realizábase en barca, cruzando a ría de Corme e Laxe para desembarcar despois no areal.

Da praia de San Pedro, realiza Otero Cebral (19) a seguinte descrición cargada de tintes poéticos: 
 

"Entre a longal lagoa e no recóndito do rochedal, alí mesmo no seu encovo cun morno son, áchase a praia de San Pedro, entre a mitificación e os segredos doutrora e sempre alí metida no seu escondite. San Pedro, fidalga entre o acantilado con brillo branco e escuma salitrada está coma un agoiro, coma un engado do tempo e mesmo aillada coma se dun castigo da mesma natureza se tratase. Alí, no lugar do mesmo nome, áchase bele e fina esta musa do lecer, esta deusa das rocheiras e calas."

 

64. Convento de San Pedro

En San Pedro, durante a Idade Media (Alonso / Giadás, 1998: 136) había un convento de monxas que era parroquial; a súa desaparición quizais fose no século XII, debido ás razzias almorábides do almirante Alí Ben Memón, que asolaron a Costa da Morte no ano 115, obrigando os campesiños a refuxiarse en covas, terra adentro, con todas as súas pertenzas. As pedras labradas do convento seerviron de alicerces das casas dos veciños. Os capiteis románicos da igrexa adornan a entrada dunha das fincas do lugar.

 

65. Punta do Cabalo

No antigo restaurante A Crus do Cabalo cóllese un camiño á dereita da estrada para chegar á Punta do Cabalo. Desde aquí ata a praia de Rebordelo é a enseada dos corvos mariños pola gran cantidade deles que podemos ollar nos cons da ribeira.

 

66. Casal de Aguarrei e monte Castelo

Desde a Crus do Cabalo, contra o lado esquerdo da estrada, subimos ó Casal de Aguarrei, a aldea máis pequena de Cabana de Bergantiños. Pista arriba, chegaremos ó monte Castelo onde se pode gozar dunha boa panorámica da enseada da Insua e da vila mariñeira de Laxe.

 

67. Frexufre

Unha antiga ponte de pedra, da mesma idade cá vella estrada de Ponteceso a Laxe. Ó seu carón, a ponte nova, e, un pouco antes pola súa dereita, báixase á aldea de Frexufre á que se chega baixo a sombra dunha bóveda de loureiros. Frexufre é o paraíso das plantas tropicais e das flores. Os habitantes do lugar cren que o nome procede da abundancia de freixo que había no entorno. Aínda hoxe se conserva un vello e único exemplar desta árbore. 
Frexufre é un aliñamento rectangular de casas señoriais. As tres primeiras, que están abandonadas, contan cun cabazo de pés, palmeira e un pradal. A que posúe cheminea rematada en catro picos e escudo chámaselle a Casa dos Barreiros (Barreiro González). No lintel dunha ventá traseira aparece a inscrición «Rodrigo de Leis 1764» e no lintel da segunda casa «Año 186 JHS MA»
Segundo Leonor Alonso e Luís Giadás (1998: 137) os propietarios do lugar foron a familia dos Leis, señores da Casa de Mórdomo (Traba de Laxe) e de Taraio (Cerqueda, Malpica de Bergantiños), que, entroncados coas principais familias fidalgas da Costa da Morte, eran unha das liñaxes máis poderosas do noroeste coruñés. Se cada (Alonso / Giadás, 1998: 137) o fundador do casal foi Rodrigo Sancho de Leis, fillo de Francisco Antonio de Leis Villardefrancos e de Quiteria Bermúdez de Castro, bisneto de Gonzalo Posse «O Vello», fundador da igrexa de Santo Estevo de Soesto, onde Rodrigo solicitaría, en 1745, que súa nai puidese ser enterrada.
A casa de abaixo, a única habitada, propietaria dos invernadoiros de flor da pequena agra que se encosta desde a ribeira, posúe tres abellarizas nas paredes.

 

68. O Coído dos Muíños

Non se poden abandonar Frexufre sen visitar o Coído dos Muíños. Chégase a el andando por un carreiro e baixo a bóveda de carballos que acompaña un pequeno regato no seu precipitado discorrer. No interior desta pequena carballeira, un elemento etnográfico da modificación da natureza pola man do home, muros de contención de terra para construír pequenas terrazas de terra útiles para uso agrícola. A canda o río, unha sucesión de muíños de auga. O último deles mesmo está tocando as augas do mar.

 

69. Percebes na costa de Cabana

Este último treito de costa, no cal se empraza o Coído dos Muíños, e ademais Punta do Cabalo, Punta da Rubia e Puntal do Muíño é onde se extrae o mellor percebe da costa de Cabana de Bergantiños.

 

70. Última casa de Cabana de Bergantiños

Camiño de Laxe, a última casa de Cabana de Bergantiños comparte dous concellos; mentres que a vivenda é cabanesa, o cabanote erixiuse en terras laxenses. Isto non é inédito no concello, pois xa vimos atrás como unha casa compartía os seus muros entre dúas parroquias (Canduas e Cesullas)

Antes de chegar ó Cabo da Area, dipoñemos dun mirador para gozar de espléndidas vistas da praia e porto de Laxe.

Galego