R-1. Ruta arqueolóxica por Borneiro

Este itinerario ten como puntos de partida e chegada o castro A Cidá de Borneiro. A súa lonxitude é de 10 km, a duración aproximada 4 horas, ten dificultade media e está sinalizada.

Comeza no aparcadoiro do castro A Cidá de Borneiro (km 0) e sóbese pola costenta pista forestal. Contra a dereita vaise deixando a suposta mina de ferroque explotaron os antigos habitantes da Cidá. No primeiro desvío á esquerda, cóllese cara ó Monte Gontón. Neste camiño atópase un sinal co nome do monte. Debe andarse ata outra pista forestal que procede do lugar de Borneiro. 

Vírase á esquerda e, máis adiante, outra vez á esquerda para transitar un camiño que servirá de atallo para chegar á longa recta (km 2) que remata no Miradoiro da Fernandiña (371 m). Desde este miradoiro natural, poderase gozar dunhas das máis fermosas vistas da enseada da Insua, de todas as parroquias de Cabana de Bergantiños e da maioría dos concellos da comarca. 

Abandónase o miradoiro, recúase sobre as pegadas, déixase á dereita o citado atallo e báixase toda a recta ata chegar ó seu remate. Nel, cóllese o desvío á dereita que conduce á pista que vén do lugar de Muriño (Zas) e das Torres do Allo (km 4).

 

Nesta encrucillada sóbese á dereita deixando sempre a esta man o espazo coñecido como Castro ou Castelo de Borneiro. Está constituído polos restos dun castro aínda sen escavar que destaca pola grandeza do seu sistema defensivo. As lendas contan que nel vivían mouros que se comunicaban cos habitantes da Cidá, tamén que hai unha viga de ouro enterrada ou que se podía ver unha galiña con pitos de ouro.

Contra o final da costa pódese coller un desvío opcional á dereita e, por un estreito camiño de carros, achegarse ó Niño dos Corvos ou Igrexa dos Lobos. Este é un dolmen natural con capacidade no seu interior para varias persoas. Tempo atrás foi empregado como refuxio de pastores. A súa lenda di que era acubillo dos lobos.

Vólvese outra vez á pista forestal e descéndese cara ó lugar de Borneiro. A segunda casa que se atopa á esquerda é a do pintor Manuel Lema Otero, xa falecido, e que en 1982 resultou gañador do Iº Premio de Arte Naíf ou Inxenuista coa obra "A batalla do Ebro".

Un pouco máis adiante, nunha pequena carballeira, encóntrase o cruceiro do Sacramento.

 

A ruta continúa cara á esquerda, pero aquí pódese coller un desvío á dereita duns 400 m. ata a rectoral e a igrexa de San Xoán de Borneiro. Esta dátase entre os s. XVI e XVIII. O seu retablo barroco é obra do imaxineiro local Juan Martínez e do seu fillo Ignacio, quen posúen tamén outros retablos e esculturas en varias igrexas da redonda.

Despois deste desvío opcional, a ruta conduce, por asfalto e deixando á esquerda o lugar de Vista Alegre, cara ó lugar do Briño (km 6).

Ó chegar á estrada xeral AC-431 As Grelas-Baio crúzase e, á dereita, encóntrase o sinal de capela do Briño. Camíñase ata ela. As súas orixes recúan ata o s. XVI, aínda que foi moi retocada no s. XVIII. Desta data é a fachada coas imaxes do patrón San Xoán Bautista na parte máis alta, a virxe das Virtudes no fornelo central e os catro apóstolos (Santiago, santo André, san Paulo e san Pedro). Á dereita, está a fonte de augas milagreiras. Á esquerda, o cruceiro con data do 1602 no varal.

Sáese da carballeira do Briño pola área recreativa e cóllese unha estrada asfaltada camiño a Dombate. Andado un monte de piñeiros e, aproximadamente a uns 300 metros, pásase a rentes da finca onde se encontrou a Cista da Insua. Este xacemento é unha tumba individual da Idade do Bronce composta por sete lousas decoradas con gravados xeométricos e que se pode visitar no Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón (A Coruña).

 

Chégase ás encrucilladas das estradas de Dombate e cóllese sempre á dereita (km 8) cara ó dolmen. Este é un conxunto funerario de finais do Neolítico composto por dous monumentos superpostos con sendas mámoas acoirazadas. Do primeiro dolmen (Dombate Antigo) só se conserva a mámoa e as pegadas de nove lousas dunha pequena anta. Ó lado deste vello xacemento, levantouse o gran dolmen visible na actualidade (Dombate Recente) cunha cámara de sete lousas e corredor orientado ó nacente do sol. Tras as escavacións, ademais dos gravados xa coñecidos con anterioridade, encontráronse pinturas en todas as lousas, restos líticos posiblemente pertencentes ó enxoval funerario, restos cerámicos e idoliños en pedra. 

Déixase atrás o dolmen, atravésase o río da Balsa e cóllese o desvío á esquerda por unha vella corredoira que leva á pista polideportiva. Avánzanse uns pasos á esquerda e cóllese o seguinte desvío á dereita ata o lugar de Vilaseco. 

Na estrada cóllese á dereita e uns metros máis adiante, no cruceiro, hai que desviarse á esquerda para tomar un novo camiño á dereita que baixa ata a fonte do Picho. Aquí conéctase co final doutra ruta, a do Rego dos Muíños do Roncaduiro.

 

Ó outro lado da estrada xeral, sóbese polo camiño que conduce á última parada deste percorrido: o Castro A Cidá de Borneiro. Este é un poboado prerromano habitado entre os séculos VI a.C. e I d.C. É o único recinto castrexo escavado na Costa da Morte. Presenta escavadas as tres cuartas partes do seu recinto principal e na croa ofrece un total de 36 construcións estendidas por toda a ladeira do monte. Está rodeado por un foxo e dous muros defensivos en todo o seu perímetro, excepto no lado Leste onde só hai un por mor da pendente do terreo e o río que actúan como defensas naturais. As construcións, con predominio de planta redondeada, son todas de tipo doméstico, salvo as existentes no barrio exterior ou Barrio de Extramuros que presentan unha forma ovalada e tiñan unha posible función industrial para almacenamento e fundición de metais.

Tras a visita á Cidá báixase ata o Rego dos Muíños e chégase así ó punto final desta ruta (R-1) de sendeirismo (km 10).

 

Ruta arqueolóxica por Borneiro R-1 (en castellano)

Panel da ruta

Tríptico (I)

Tríptico (II)

Galego