Cabana renovará o sistema de iluminación exterior de todo o municipio a través dun investimento de 1.640.000 euros

Sen definir

<p>O Concello de Cabana encara o inicio dos traballos de renovación de todo o sistema de iluminación exterior do municipio a través dun proxecto de 1.641.509 euros. A actuación, que se atopa en proceso de licitación, está cofinanciada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) cun importe de 757.600 euros. Este plan, “unha das actuacións máis importantes en Cabana dos últimos anos”, en palabras do alcalde, José Muíño, permitirá substituír 2.745 dos 3.001 puntos de luz existentes, xa que os restantes xa foran renovados en proxectos anteriores. Será unha renovación “integral que afectará á rede de cables e que permitirá reducir o número de cadros eléctricos”, engadiu. Actuarase nas parroquias de Canduas, Borneiro, Cesullas, O Esto, Cundíns, Silvarredonda, Riobó, Nantón, Anos e Corcoesto. O novo sistema de iluminación contará con tecnoloxía LED, o que conformará unha rede máis eficiente e cun aforro enerxético estimado do 66,93% con maior potencia de iluminación. Un dos obxectivos desta actuación pasa por favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. José Muíño destacou que o proxecto supoñerá un “notable incremento das condicións de seguridade tanto para os peóns como para os condutores que circulen polas diferentes vías do municipio”. “Trátase dunha mellora de vital importancia dada a amplitude da actuación e o gran aforro que supoñerá para as arcas municipais tanto a medio como longo prazo”, concluíu.</p>