O Concello organiza unha xornada de divulgación sobre o Castro de Borneiro para o alumnado de ESO do CPI As Revoltas

Sen definir

<p>O Concello de Cabana organiza unha xornada de divulgación para o alumnado de ESO do CPI As Revoltas coa que poderán coñecer de primeira man a historia do Castro de Borneiro e os últimos traballos de restauración executados no recinto arqueolóxico. A actividade realizarase o xoves 3 de febreiro a partir das 11:00 horas e estará a cargo do catedrático e antropólogo Ángel Acuña. A programación conta cunha sesión formativa impartida no propio castro onde os estudantes, divididos en dúas quendas, percorrerán o recinto e coñecerán polo miúdo a súa importancia e o seu alto valor histórico. Tamén comprobarán o resultado das tarefas de renovación realizadas no 2021 para asegurar a correcta conservación do castro. Estes traballos, encargados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, consistiron na consolidación de dez estruturas do castro, a súa limpeza e restauración de lenzos vencidos ou caídos así como a reposición de pezas nas coroacións. Foron un total de 18 intervencións puntuais que incluíron a retirada de masa vexetal e reforzo da pasarela de acceso por parte do Concello de Cabana en coordinación co equipo de arqueólogos encargados da restauración. Desde o goberno local agradeceron a colaboración e participación “dun reputado profesor e experto na materia como é Ángel Acuña nunha actividade que busca a posta en valor do Castro de Borneiro e dos espazos naturais e arqueolóxicos do noso municipio”.</p>