Cabana continúa apostando pola conciliación co seu último campamento sobre teatro

Sen definir

Cabana continúa apostando pola conciliación da vida laboral e familiar. Tanto así, que acaba de concluír o último campamento organizado polo albergue municipal Alalá Terra e Sons. Nesta ocasión, o teatro centrou a proposta de lecer, na que tomaron parte 13 nenos e nenas de entre 8 e 12 anos.

Tal foi o interese deste programa que, ademais de cativos e cativas de Cabana, o campamento contou coa participación de rapazada de Ponteceso, da comarca de Ferrolterra e de Oleiros. O broche final do evento veu da man dunha representación que os propios pequenos e pequenas lles fixeron aos seus familiares na Casa do Pendón.

Ante o interese suscitado, a xerente de Alalá Terra e Sons, Mariluz Imia Rivera, sinala que a intención é “seguir ofrecendo programas similares centrados noutras temáticas xa que, con eles, os cativos e cativas pásano ben e, ademais, aprenden dun xeito diferente”.

Protocolo covid-19
Esta actividade levouse seguindo un estrito protocolo covid-19. Entre as medidas, os nenos e nenas sometíanse a tests de antíxenos antes da entrada no recinto do campamento.