Rematan os traballos de aglomerado de estradas nas parroquias de Canduas e Cesullas cun investimento de 91.000 euros

Sen definir

O Concello de Cabana acaba de concluír os traballos de aglomerado en varios puntos das parroquias de Canduas e Cesullas. As reparacións contaron cun investimento de 91.508 euros financiados a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

Trátase do terceiro paquete de obras concluído nas últimas semanas na rede de estradas municipal. Segundo explicou o rexedor, José Muíño, estes traballos supoñen “unha notable mellora das prestacións de moitas vías grazas a unha partida total de case 240.000 euros coa que tanto veciños como visitantes van poder circular polo municipio con moita maior comodidade e seguridade”.

No caso desta última intervención melloráronse as conexións entre os núcleos de Taboído e Piquita, Taboído e Mato e Áspera con Curro, onde se procedeu á retirada de masa vexetal, limpeza de cunetas e pavimentación con aglomerado asfáltico en quente, ademais do correspondente pintado de marcas viarias.

Tamén se melloraron estradas en Ponteceso de Cabana e en Esmorís. Estas actuacións incluíron a escavación de terras nas cunetas, recheo e disposición de zahorra artificial compactada, pavimentándose con formigón.