O alumnado do programa ‘Ruralízate’ retoma os obradoiros de restauración de mobles e traballos manuais

Sen definir

O alumnado do programa ‘Ruralízate’ puido retomar esta semana as clases dos obradoiros de restauración de mobles e traballos manuais logo dun parón provocado no 2020 polo inicio da pandemia. Esta iniciativa está organizada polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Cabana en colaboración coa Asociación Íntegro.

Deste xeito, as e os estudantes maiores de 55 anos aos que está destinado este proxecto volveron ás aulas os pasados mércores e xoves nun momento moi agardado tanto polas persoas participantes como polos docentes.

Estas sesión seguiranse impartindo de xeito semanal no Centro Íntegro en Nantón e nas instalacións dunha nave na parroquia de Anós. A previsión é rematar a programación desta edición do ‘Ruralízate’ no mes de decembro, se ben desde o departamento de Servizos Sociais anuncian estar traballando en novas actividades.

Reapertura do centro de maiores de Neaño

Nesta liña de reiniciar a actividade previa ó comezo da pandemia, o centro de maiores de Neaño comezará a estar dispoñible de novo para toda a veciñanza a partir do mércores 13 de outubro. O servizo estará activo de luns a venres en horario de 15:30 a 20:00 horas.