O Concello de Cabana inicia os traballos de acondicionamento e mellora da accesibilidade ás vivendas sociais municipais

Sen definir

O Concello de Cabana iniciou este mes de setembro os traballos de acondicionamento e mellora da accesibilidade ás vivendas sociais municipais. A intervención conta cun orzamento de 53.651,40 euros.

Esta actuación inclúe a demolición das escaleiras e ramplas anteriores, que incumprían a normativa de accesibilidade, para substituílos por un equipamento adecuado e seguro. Tamén se está a traballar no peche dos baixos dos balcóns, que contarán cunha carpintería en material PVC, así como na limpeza, reparación e pintado das fachadas.

Por outra banda, os operarios están a traballar no acondicionamento da contorna das instalacións coa renovación da rede de abastecemento, saneamento e instalación eléctrica.

Segundo explicou o alcalde, José Muíño, “esta intervención permitirá unha mellora importante e moi necesaria nas instalacións para que poidan ser empregadas no seu cometido, que é dar un servizo de urxencia a persoas con dificultades económicas”. “Desde o Concello queremos iniciar os trámites, unha vez rematen as obras, para adxudicar as vivendas antes do vindeiro ano”, engadiu.