A meteoroloxía e o clima centrarán a temática da terceira xornada da Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate

Sen definir

A Deputación da Coruña e o Concello de Cabana presentaron esta mañá a programación da terceira edición das aulas científicas da Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate, ‘Meteoroloxía e clima’. O contido estará accesible ó público a través de www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas-cientificas-2021 e www.cabana.gal/astronomiadombate e das redes sociais de ambas institucións a partir do vindeiro 10 de setembro.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas, o alcalde de Cabana, José Muíño e o físico e catedrático da USC e director das aulas, Jorge Mira, participaron este martes nunha rolda de prensa desde o centro arqueolóxico de Dombate. Desde alí introduciron os diferentes contidos que albergará esta terceira xornada do ciclo da Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate.

Así, o público poderá coñecer a meteoroloxía desde diferentes prismas. Mabel Montes Rama, presentadora do informativo meteorolóxico na Televisión de Galicia, explicará como é ‘Contar o tempo pola tele’ a través dunha sesión na que achegará o proceso de divulgación que se realiza desde un gran medio de comunicación autonómico.

Pola súa banda, Juan Taboada Hidalgo, coordinador de MeteoGalicia, afondará nas particularidades climáticas da nosa comunidade con ‘De onde vén a riqueza meteorolóxica de Galicia? Explicación dos numerosos microclimas galegos’. Tanto Mabel Montes como Juan Taboada participarán nunha mesa redonda con Jorge Mira onde debaterán ‘Como será a información meteorolóxica do futuro?’.

Estas terceiras aulas científicas contarán tamén coa achega de Susana Bayo Besteiro, investigadora no EPhysLab da Universidade de Vigo e directora e presentadora de El Tiempo en Telemiño e o xornal La Región, coa sesión ‘A pelexa da ciencia contra o cambio climático’. Xavier Fonseca Blanco, xornalista científico de La Voz de Galicia, aportará respostas na súa intervención: ‘Está o tempo tolo? Non, a culpa é do Jet Stream’.

Susana Bayo, Xavier Fonseca e Jorge Mira pecharán esta terceira edición da Luz da Ciencia desde o Dolmen de Dombate cunha mesa redonda onde analizarán ‘O cambio climático que nos vén enriba’.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas, destacou a importancia “dunhas xornadas que comezaron para quedarse en Cabana, na capital do megalitismo galego, unhas instalacións que se mellorarán proximamente para seguir poñendo en valor a nosa tradición e a nosa cultura”

Pola súa banda, o alcalde de Cabana, José Muíño, agradeceu a colaboración de Jorge Mira e da Deputación da Coruña, “que facilitaron a creación dunhas xornadas que son referencia a nivel científico en todo o país”. “A súa programación vén ademais a complementar un calendario de actividades moi amplo que organizou o departamento de Cultura do Concello durante o verán e que continuará en setembro”, engadiu.

O director e coordinador das aulas científicas, Jorge Mira, explicou que “as xornadas volven reunir de novo a divulgadores e expertos do primeiro nivel e que contan ademais con experiencia diante das cámaras”. “É un verdadeiro luxo poder gozar dun evento así en aberto para todo o mundo”, concluíu.

Lembramos que A Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate son aulas científicas de carácter trimestral que se celebran en Cabana de Bergantiños e que teñen como obxectivo achegar a ciencia e a cultura á poboación a través dos propios investigadores. Os contidos destas xornadas estarán dispoñibles en www.dacoruna.gal/patrimonio/aulas-cientificas-2021 e www.cabana.gal/astronomiadombate e as redes sociais da Deputación e o Concello de Cabana a partir do 10 de setembro.