Rapazada de toda Galicia coñece Cabana e o seu patrimonio de man do campamento xuvenil da Xunta

Sen definir

Rapazas e rapaces procedentes de distintos recunchos de Galicia están a gozar de Cabana, o seu patrimonio e os seus recursos naturais grazas ó campamento xuvenil da Xunta de Galicia que está agora mesmo en marcha. A directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, visitou esta mañá as renovadas instalacións do albergue municipal Alalá, onde se aloxa a rapazada, e coñeceu as súas impresións logo dos primeiros días de actividades.

Nunha cita na que estivo acompañada polo alcalde, Xosé Muíño, e a xerente de Alalá Terra e Sons, Mariluz Imia, a directora de Xuventude puido comprobar o resultado final das reformas acometidas nos últimos meses no albergue. A infraestrutura, que abriu ao público no mes de xuño, acolle desde o 17 de xullo e ata o 26 de xullo a estas mozas e mozos nados entre o 2009 e o 2012.

Neste sentido, o rexedor cabanés agradeceu “a colaboración da Xunta na realización deste tipo de actividades e a confianza depositada no Concello de Cabana para o coidado e a educación da mocidade galega”. Así, avogou por “seguir traballando conxuntamente neste e noutros ámbitos”.

Pola súa banda, Cristina Pichel manifestou a súa “satisfacción por como se está a traballar tanto por parte do albergue Alalá, como polo Concello e por parte do equipo de monitoras e monitores”. “Os propios rapaces comentan que están encantados e que non terían problema en estender a súa estadía un pouco máis, sinal de que as facilidades son plenas”, engadiu.
A xerente de Alalá Terra e Sons, Mariluz Imia, sinalou que “a oportunidade de acoller o campamento da Xunta está a resultar unha experiencia moi boa tanto para os mozos como para nós”. “Desde a nosa inauguración estamos a traballar sen descanso e encaramos con ilusión todas as semanas que quedan de verán”, concluíu.