O Concello licita o proxecto de ampliación do Centro de Día, que xa é unha realidade

Sen definir

O Concello de Cabana de Bergantiños xa licitou o proxecto de ampliación do Centro de Día, e unha das intervencións de máis calado da lexislatura xa é unha realidade. O orzamento ascende a 304.394,86 euros, dos que a Xunta de Galicia financia 200.000 euros, e o prazo de execución das obras será de 6 meses desde o comezo das mesmas. A superficie total útil do novo edificio será de 335,1 metros cadrados, fronte aos 134,75 metros cadrados actuais.

O novo edificio contará cunha planta baixa, primeira e segunda que serán de uso cotián. As plantas con vivendas accesibles para usuarios de cadeira de rodas disporán de ascensor accesible ou rampla que as comunique coas plantas con entrada ao edificio.

Ademais de ser máis accesible, a nova estrutura estará dotada dun novo sistema que mellore a eficiencia enerxética, así como dispoñer de mecanismos que favorezan o aforro enerxético. Unha vez rematadas as obras, poderán facer uso das instalacións ata 40 persoas, e terá capacidade para albergar ata sesenta nun futuro, si fose preciso. Actualmente son 25 os e as usuarias as que empregan este servizo.

O alcalde de Cabana, José Muiño, ratifica a relevancia desta intervención “non só para a veciñanza do noso municipio, senón para toda a comarca, á que damos cobertura”, sinala, e engade que “era unha prioridade para nós a ampliación do Centro de Día e con este proxecto comezamos a que será unha das intervencións de máis envergadura de todo o mandato”, argumenta o rexedor.