A biblioteca municipal María Baña entregará libros de xeito gratuíto durante o mes de abril

Sen definir

A biblioteca municipal María Baña do Concello de Cabana agasallará con libros a paixón pola lectura dos seus usuarios e usuarias. A partir do vindeiro 6 de abril habilitarase unha exposición da que cada persoa poderá levar de xeito gratuíto ata dous exemplares por día.

Con esta iniciativa preténdese conmemorar o Día do libro infantil e o Día do libro, que se celebran os días 2 e 23 de abril respectivamente. O mellor xeito de festexar estas datas, aseguran desde o centro, é promover a difusión da cultura e da lectura en todas as franxas de idade.

A biblioteca María Baña iniciou no abril de 2011 unha serie de actividades especiais coas que dinamizar o uso e acceso ós exemplares que teñen nas súas dependencias. A participación e colaboración nas mesmas por parte das persoas usuarias fai posible que estas iniciativas se retomen ano tras ano.

A exposición estará aberta ó público de 16:00 a 20:00 de luns a venres, se ben a biblioteca manterá o horario de 15:00 a 21:00. O acceso ás instalacións e ás obras literarias estarán rexidas polos protocolos ditaminados polas autoridades sanitarias competentes.