Cabana remata a instalación de trampas para velutinas en espazos públicos e inicia o reparto dos dispositivos entre a veciñanza

Sen definir

O Concello de Cabana de Bergantiños rematou a instalación de 80 trampas contra a avespa velutina nos espazos públicos municipais. Ademais, iniciouse o reparto de líquido atraínte e de dispositivos de captura entre a veciñanza que xa tramitou a súa solicitude.

Dentro da campaña de loita contra a praga, o municipio trata de reforzar os puntos máis sensibles de concentración de niños, como son o entorno do CPI As Revoltas, os parques infantís ou as zonas verdes. O día 30 de marzo realizarase o primeiro reconto de raíñas capturadas para manter un seguimento da efectividade da iniciativa.

Paralelamente, o Concello comezou a distribución de trampas e líquido atraínte de insectos entre as persoas que xa fixeron a súa solicitude. A cada persoa correspóndelle un dispositivo e un litro de líquido que poderán renovar de xeito gratuíto. O persoal da Policía Local encárgase da entrega a domicilio deste paquete de obxectos, que deben instalarse en zonas próximas a antigos niños ou a flores, especialmente camelias.

As persoas interesadas en unirse á campaña de trampeo poderán facelo ata o 31 de maio a través deste formulario: https://bit.ly/3bZUjgA. Deberase comunicar o número de raíñas capturadas cada 15 días para poder controlar a evolución do programa. Os apicultores e apicultoras do municipio tamén poderán solicitar trampas ou repelente adicional para os seus terreos. No caso de ter algunha dúbida na instalación ou na solicitude dos dispositivos e dos repelentes, ponse a disposición o número de teléfono 618 747 376.