O Concello de Cabana recompilará nun libro e nunha exposición a historia do século XX apoiándose en material fotográfico

Sen definir

O Concello de Cabana de Bergantiños inicia unha campaña de recollida de material fotográfico do século XX co obxectivo de etiquetalo e reunilo nun libro e nunha exposición baixo o título ‘O caixón das lembranzas’. A través do departamento de Cultura, pídese a colaboración da veciñanza para que poidan aportar as imaxes que teñan gardadas na casa e crear un arquivo o máis amplo posible.

A iniciativa actívase logo do éxito da campaña de recordos fotográficos que Cabana iniciou nas súas redes sociais o pasado 1 de marzo con motivo do Día Internacional da Muller, e que finalmente se prolongará durante as vindeiras semanas. A veciñanza está a participar de xeito activo nos comentarios, situando ás protagonistas das imaxes e o lugar onde foron tomadas.

O obxectivo é conseguir reunir o máximo número de imaxes posible co que construír un relato sobre a historia e evolución de Cabana a través da fotografía. Actualmente, o Concello conta cun arquivo de arredor de 120 fotografías antigas tomadas en todas as súas parroquias.

O alcalde de Cabana, José Muíño, explicou que “a recompilación material e a creación dun arquivo fotográfico terá un alto valor cultural non só para o noso municipio, senón para toda a contorna”. A idea de reunir nun libro imaxes antigas non é algo que xurdira da nada, posto que “xa se valorara hai anos un proxecto semellante, pero non chegara a concretarse”, afirmou o rexedor. “Agora retomamos a iniciativa coa forza e ánimo da veciñanza, á cal lle pedimos a súa colaboración”, concluíu.

Todas aquelas persoas interesadas en ceder as súas fotografías persoais poden atopar o formulario de participación en https://cutt.ly/2zn2m63. O únicos requisito é que sexan fotos tomadas no termo municipal. Desde o departamento de Cultura poñeranse en contacto coas persoas apuntadas para arquivar as imaxes e catalogalas.