O Concello proxecta ampliar o paseo marítimo entre O Curro e o Monte San Sebastián cun investimento de 234.000 euros

Galego

O Concello de Cabana de Bergantiños proxecta a ampliación do paseo marítimo no tramo entre O Curro e o Monte San Sebastián, que suporá a recuperación ambiental e a posta en valor do bordo litoral ao longo de máis dun quilómetro de traxecto. Investiranse 234.987,15 euros, e para iso solicitouse unha subvención ao Grupo de Acción Costeira GALP Costa da Morte, que financiaría os traballos nun 80%.

O goberno local acadou o mutuo acordo con todas as partes, isto é, con todas as persoas propietarias para iniciar o expediente de expropiación, xa que se observa dificultade á hora de demostrar a titulariedade dos bens.

O obxectivo principal é, por unha banda, ambiental, e por outra, facilitar o acceso e goce desta infraestrutura pola poboación do municipio. Dentro deste plan tamén está a idea de crear un novo miradoiro de aves, tras o xa instalado na praia de Orixeira, dada a riqueza ornitolóxica do estiario do Anllóns.

Para executar este proxecto procederase ao previo acondicionamento da zona para pavimentar a senda peonil de 2,50 metros en zahorra e area, estabilizado con bordos de madeira tratada nas súas marxes. Nas zonas de pendente colocaranse bordos en formación de chanzos transversais. Para facilitar a drenaxe das augas de escorrentía, executaranse cunetas en ambas marxes da senda e embocaduras integradas na contorna.

Está previsto instalar, ademais do observatorio de aves en madeira, de bancos de granito, papeleiras de madeira, bolardos extraíbles para limitar o acceso rodado á senda e paneis de sinalización e interpretación. Colocarase unha baranda de madeira tratada e empregaranse materiais construtivos acordes coa contorna. Dada a exposición ao ambiente marino, todo o material garantirá a protección necesaria para un axeitado mantemento das instalacións.

O alcalde de Cabana, José Muiño, recalca a importancia deste proxecto “para poñer en valor un dos espazos naturais máis importantes de Galicia: a Ensenada de Insua, que discorre ao longo de tres quilómetros na marxe fluvial da ribeira do Anllóns, río que vertebra xeográficamente a comarca de Bergantiños. Pouco a pouco iremos ampliando esta senda ata unir o noso municipio co de Ponteceso e poder gozar así dun dos mellores paseos de toda a Costa da Morte”, incidiu.