O Concello fai públicos os resultados do concurso “O noso Entroido” para este particular 2021

Galego

Non o tivo nada sinxelo o xurado do Concello de Cabana, composto por Carlos Allo, Cristina Morandeira, Silvia Losada e Martín Martínez, para discernir as persoas gañadoras nas modalidades “Disfraz individual”, “Comparsa de Conviventes” e “Crea un meco”, dentro do programa do concurso “O noso Entroido”, un compendio de iniciativas que buscaban darlle un aire diferente a unha festividade tan particular, e da que non se puido desfrutar in situ por mor da pandemia.

“Quedamos sorprendidos do nivel deste ano, con traballos realmente moi creativos e de gran nivel artístico”, din os membros do xurado, quenes quixeron agradecer “a todas as persoas participantes a través das redes sociales poder facernos pasar un agradable rato nun contexto tan complexo”, inciden. “Estes traballos quedarán para a historia do Concello de Cabana”, lembran.

Así, o premio do concurso de disfraces individual foi para Ainara Devesa Gómez, que recibirá unha tablet, premio que tamén lle será outorgado aos gañadores da modalidade “Comparsa de Conviventes”, para “Os Beatles de Cabana”. Integraban este grupo Felipe, María, Nicolás e Bruno Gómez Mourelle. Por outra banda, “Os Mecos do Baladiño”, de Pura Riveira Pose, tamén recibirá unha tablet.

Entroido nas redes

Este concurso súmase ás xa activas nas redes sociais do Concello, ‘Lembrando o Entroido’ e ‘Contos de Entroido’, dentro dun amplo programa para lembrar as edicións dunha festividade moi arraigada na sociedade cabanesa e que este ano non puido festexarse de xeito presencial.