Vellos Oficios

Vellos oficios nacidos no corazón da prehistoria

O ser humano encontrou no pasado o seu modo de vida na Insua. Distintos oficios manteron moitas xeracións de cabaneses. Desde o aproveitamento da area, empregar canles fluviais como navegación, extraer marisco ou capturar distintas especies de peixes.

O oficio humano máis primitivo da Insua é o demariscador, datado na prehistoria segundo se comprobou en escavacións da Cidá de Borneiro. Pervive nas mans da Agrupación de Mariscadores do Anllóns e en cetáreas que comercializan mexillón, berberecho, ameixa, ostra e mincha.

Singulares foron os lancheiros, transportistas de mercadorías (sal, tella, madeira, area) por augas da enseada e da ría. A madeira recollíana de aserradeiros emprazados nas marxes do río. Os gabarreiros, con gabarras motorizadas, extraían area do leito fluvial.

De noite, os anguleiros, con altas botas, amplo trueiro e luz, capturan angula procedente do mar dos Argazos. Despois, saboréase nas tabernas típicas e restaurantes da contorna.

Tras apañaren miñoca e senrada nas areas lodosas, os pescadores de cana agardan o paso das robalizas polas canles fluviais na baixada da marea. Tempo atrás, collíanse con fisga numerosas sollas ou capturábanse abundantes reos e salmóns. Desde A Pesqueira, río arriba, aínda pervive a tradición da captura de lamprea.

Galego