José María Álvarez Canto

Músico e director de banda

Corme Aldea. Corme (Ponteceso) 28.12.1905.
Neaño. Cesullas (Cabana de Bergantiños) 01.05.1977.

En cada casa do lugar nativo de José María Álvarez Canto, Corme Aldea, había polo menos un músico de banda e na súa, non ía ser menos, seguíase esa estirpe musical. Pai e fillo estaban unidos por ese vínculo desde a infancia, xa que o neno José María percorría con tan só seis anos as procesións das festas da contorna tocando un tamboriño coa Banda de Corme. Un día, con tan poucos anos e canso de tripar camiños, caeu sentado nun curral. Seu pai díxolle: «Levántate que che arreo unha patada no cu»

A música, primeiro aprendida de oído e despois coñecendo a linguaxe do solfexo, acompañouno durante toda a súa vida, mesmo no servizo militar onde sería corneta de El-Rei. Foi músico e director da Banda de Corme. Despois, en Coristanco, dirixiu outra banda e creou unha orquestra. Do seu paso como mestre musical pola terra da pataca, fan mención estes versos da poetisa Asunción Antelo Suárez, a Rexubeira de Bergantiños:
 

Sentía ensaiar os músicos
cando iba pra Carballo:
eran os Soanes da Miñata
e os Naias de Carantos.

 

Tempo despois, mercou unha taberna-casa de comidas en Neaño e instalouse definitivamente nas terras de Cabana de Bergantiños. Traba amizade cos persoeiros locais, maiormente con crego folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Desa unión e das xuntanzas que mantiñan nunha habitación da taberna nace o Himno a San Fins do Castro, con letra e música de Cuíñas e arranxo para banda a cargo de José María.

Unha veciña súa, a poetisa María Baña Varela, levaría á literatura popular a presenza de José María cos seus músicos na romaría de Santa Margarida de Baneira (Corcoesto) con estes versos:
 

E estaba José María,
dirigindo na orquesta,
tocando no pasodoble,
que era a alegría da festa.

 

José María Álvarez foi un dos grandes referentes na Costa da Morte como músico e director de bandas. Dominaba todos os instrumentos de percusión e aire, compoñía a música para todos os compoñentes dunha banda e era un verdadeiro mestre do acordeón.

Aprendeu a tocar este instrumento en Corme, nun pequeno acordeón de botóns. Despois, chegarían ás súas mans varios acordeóns piano, unhas veces mercados en Ferrol cos cartos que lle prestara súa nai, outras como agasallo da súa dona. En Neaño, unha vez abandonada a dirección de bandas de música, impartiu clases de acordeón. Recibiron as súas leccións Jacinto de Borneiro e Manolo de Ovidio. Pero sobre todo, amenizaba con este instrumento tardes de baile no salón do Burreiro. Acompañábano Lelo de Pedra Cuca á batería e Anselmo Cousillas ó clarinete, que o facía falar.

 

 

Galego
Erro | Concello de Cabana

Erro

O sitio web atopou un erro inesperado. Por favor, inténteo de novo máis tarde.

Mensaxe de erro

  • Warning: Cannot modify header information - headers already sent by (output started at /usr/home/concello-cabana/www/includes/common.inc:2861) en drupal_send_headers() (liña 1554 de /usr/home/concello-cabana/www/includes/bootstrap.inc).
  • Error: Call to undefined function each() en SimplenewsSpool->nextSource() (liña 273 de /usr/home/concello-cabana/www/sites/all/modules/simplenews/includes/simplenews.source.inc).