Espazos do esteiro para as aves

Espazos para as aves no esteiro do Anllóns

As ribeiras, as dunas, as zonas de marisma, os cantís, as illas de area, os fangos e limos ou as ladeiras do Monte Branco son lugares excelentes para que as aves desenvolvan a súa vida ou busquen descanso tras longa viaxe.

Nas zonas de marisma reprodúcense aves palustres (de lagoa) como a fulepa dos carrizos (Acrocephalus scirpaceus), a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) e o rascón de auga (Rallus aquaticus). Esporadicamente ten criado a fulepa unicolor (Locustella luscinoides) e a garza pequena (Isobrychus minutus). Segundo o ornitólogo José Luís Rabuñal, entre 1992 e 1995 criou unha pequena colonia de patuda común (Himantopus himantopus).

 

Nas ladeiras do Monte Branco reprodúcese a cotovía pequena (Lullula arborea). Río arriba reprodúcese o merlo rieiro (Cinclus cinclus) e a lavandeira real (Motacilla cinérea).

En pequenas fendas nas areas de dunas e praiascría a píllara papuda (Charadrius alexandrinus). Esta é unha ave en perigo de extinción que encontra na Insua un espazo axeitado para a súa supervivencia. Para conservala deberemos evitar o tránsito de motos, quads ou coches polos campos de dunas. Se realizamos sendeirismo, coidaremos non pisar os ovos. Se nos tumbamos a tomar o sol, deberemos facelo lonxe do niño, pois asustaríamos a ave, que abandonaría a incubación durante o tempo que permanezamos no lugar, co conseguinte enfriamento dos ovos e a perda definitiva da niñada.

Nas illas de area formadas coa baixada da marea agrúpanse cantidade de especies. Desde grupos compactos de ducias de ánades dispostos en aliñamento ata cormoráns (Phalacrocorax aristotelis) coas ás estiradas ó sol para secaren.

Nos pequenos cantís da boca da Barra pousa o martiño peixeiro (Alcedo atthis) á espera de lanzarse á auga na captura de alimento.

 

Nas zonas de fangos bulen todo tipo de aves limícolas volteando pequenas pedras ou mergullando peteiros na procura de bivalvos.

Entre as praias do Curro e A Urixeira agólpanse multitude de anátidas que se camuflan entre as cores marróns das algas da ribeira ou nas herbáceas que chegan ás beiras do río.

Galego
Erro | Concello de Cabana

Erro

O sitio web atopou un erro inesperado. Por favor, inténteo de novo máis tarde.

Mensaxe de erro

  • Warning: Cannot modify header information - headers already sent by (output started at /usr/home/concello-cabana/www/includes/common.inc:2861) en drupal_send_headers() (liña 1554 de /usr/home/concello-cabana/www/includes/bootstrap.inc).
  • Error: Call to undefined function each() en SimplenewsSpool->nextSource() (liña 273 de /usr/home/concello-cabana/www/sites/all/modules/simplenews/includes/simplenews.source.inc).