Boletín informativo Nº 2021/004

CULTURA

Cabana de Bergantiños levará por todas as parroquias o seu particular 'meco' de Entroido

Xov, 11/02/2021

O Concello de Cabana de Bergantiños, nunha nova aposta por dinamizar as actividades culturais de Entroido a pesar da complicada situación sanitaria vixente, levará o seu particular ‘meco’ por todas as parroquias do municipio. O departamento de Cultura promove unha nova iniciativa, baixo o título ‘O meco troulea por Cabana’, coa que trasladará o espantallo de Entroido deste ano por diversos puntos destacados de toda a vila. Mañá, venres 12 de febreiro, o meco comezará un percorrido que lle permitirá coñecer máis polo miúdo o municipio e os seus lugares máis representativos, coma o dolmen de Dombate, as igrexas de Corcoesto, de Anos, a praia de Rebordelo ou o CPI As Revoltas.

Co ánimo de respectar as medidas sanitarias vixentes e evitar as aglomeracións de persoas, o meco non permanecerá exposto nestas localizacións. Porén, a veciñanza poderá seguir a viaxe do espantallo polo concello mediante as redes sociais municipais, onde se irán colgando fotografías que documenten a experiencia do meco en Cabana.

O alcalde, José Muíño, destacou a necesidade de “manter vivo o Entroido a través deste tipo de iniciativas, que lle permitan aos cabaneses e cabanesas desfrutar desde as súas casas da festividade e interactuar telematicamente mediante a oferta de actividades culturais do Concello”.

CONCURSOS DE ENTROIDO

Esta nova campaña de cara o Entroido súmase ás xa activas nas redes sociais do Concello, ‘Lembrando o Entroido’ e ‘Contos de Entroido’. Ademais, continúa aberto o prazo para participar nos concursos ‘Crea un meco’ e ‘Xogando a ser outr@s’ na súa modalidade individual e na de conviventes. Finalizará o 17 de febreiro e a resolución farase pública o día 19, co anuncio das persoas premiadas en cada categoría.

Cabana inicia o Entroido e promove a participación telemática da veciñanza nas actividades

Lun, 08/02/2021

O Concello de Cabana de Bergantiños promove dúas novas iniciativas coas que manter vivo o espírito do Entroido a pesar da complexa situación sanitaria actual e as restricións vixentes pola COVID-19. Deste xeito, a través dos proxectos ‘Contos de Entroido’ e ‘Lembrando o Entroido’, o departamento de Cultura municipal procurará que a veciñanza rememore os festexos carnavalescos doutros anos desde os seus fogares.

A campaña de ‘Contos de Entroido’ pretende recuperar vivencias e relatos da infancia ou xuventude dos cabaneses e cabanesas de todas as idades relacionadas con esta festividade. Para participar cómpre gravar en vídeo á persoa protagonista da experiencia relatando a súa historia en menos de dous minutos. O arquivo poderase enviar ao correo electrónico do departamento de Cultura, cultura.concello@gmail.com, ou a través do Whatsapp municipal, no 609 212 230. O material audiovisual recibido irase compartindo a través das redes sociais do Concello de Cabana.

Por outra banda, ‘Lembrando o Entroido’ é un proxecto que se desenvolverá nas canles de Facebook e Twitter municipais. Desde o 8 de febreiro e ata o venres 19 compartiranse diariamente fotografías das celebracións do Entroido de entre os anos 2000 ata o 2020 ata conformar un álbum virtual no que se poderá observar a evolución da tradición festiva en Cabana.

Estas dúas novas iniciativas súmanse aos outros tres concursos xa anunciados para o Entroido, ‘Crea un meco’ e ‘Xogando a ser outr@s’ na súa modalidade individual e na de conviventes. O prazo para participar en calquera destes tres certames finalizará o 17 de febreiro. A resolución farase pública o día 19, co anuncio das persoas premiadas en cada categoría.

Cabana contará co seu particular ‘meco’ nunha edición de Entroido diferente pola COVID-19

Mér, 03/02/2021

O Concello de Cabana de Bergantiños celebrará este ano un Entroido diferente por mor da complexa situación sanitaria actual. Deste xeito, quedan suspendidos os tradicionais desfiles e a gala presencial que se realizaba cada ano nas instalacións do pavillón municipal e promóvense tres concursos que se celebrarán de xeito telemático.

Desde o departamento de Cultura promóvense os certames ‘Crea un meco’ e ‘Xogando a ser outr@s’, este último cunha modalidade individual e outra para conviventes. O obxectivo destas iniciativas é o de “promover a participación da veciñanza de todas as idades e manter vivo o espírito destas datas tan especiais”, aseguran.

O alcalde de Cabana, José Muíño, destacou a importancia da iniciativa para “manter vivo o espírito do Entroido nunha época complicada para todos e todas”. “Estamos ante unha situación sanitaria adversa, pero desde o goberno local seguimos traballando para que a ilusión siga presente en todos os fogares de Cabana, sobre todo nunha festa tan nosa coma esta”, concluíu.

‘CREA UN MECO’

As persoas que opten por participar no ‘Crea un meco’ deberán construír un boneco ou un espantallo orixinal cun soporte e tomar fotografías ou vídeos do mesmo. A figura terá que estar situada nun espazo baleiro da casa ou do seu exterior e representar unha das seguintes temáticas: os traballos do campo, do mar, o espertar da natureza ou a expulsión do inverno e dos malos augurios.

O xurado valorará positivamente que o meco estea realizado con materiais reciclados que respecten o medio ambiente. É por iso que está prohibido o uso de plásticos para a súa elaboración.

‘XOGANDO A SER OUTR@S’

En canto ao certame ‘Xogando a ser outr@s’, a veciñanza poderá participar en dúas modalidades distintas. As persoas que queiran formar parte do concurso de disfraces individual terán que gravar un vídeo de ata 3 minutos desfilando ou bailando co seu traxe personalizado. Haberá tres categorías: mellor vídeo infantil, ata os 11 anos; mellor vídeo xuvenil, de 12 a 30 anos e mellor vídeo de maiores, de 30 anos en diante.

Finalmente, o concurso de comparsas de conviventes do ‘Xogando a ser outr@s’ estará aberto á participación de unidades familiares ou de conviventes. Deberán vestir os seus disfraces e desfilar ou bailar con eles postos nun vídeo de ata 3 minutos.

PREMIOS

Haberá un gañador ou gañadora en ‘Crea un meco’, que recibirá unha tablet como premio. En ‘Xogando a ser outr@s’, entregaranse unha tablet por categoría (tres en total) na modalidade individual e outra máis para o grupo vencedor na comparsa de conviventes.

As persoas interesadas en participar en calquera dos tres concursos deberán cubrir o formulario de inscrición, dispoñible en www.cabana.gal, e envialo xunto ás súas fotografías e vídeos a cultura.concello@gmail.com ou a través de Whatsapp no 609 212 230. Poderanse enviar ata o 17 de febreiro e a resolución farase pública o día 19. As persoas participantes ou que aparezan nos vídeos ceden a súa imaxe para publicacións relacionadas co concurso.

Adxunto:

EMPREGO E DESENVOLVEMENTO LOCAL

OFERTA DE EMPREGO

Xov, 11/02/2021

OFERTA DE EMPREGO

Xov, 11/02/2021

O Concello renovará o alumeado público en todas as parroquias do municipio a través dun proxecto de 946.996,75 euros

Sáb, 06/02/2021

O Concello de Cabana de Bergantiños efectuará a renovación do alumeado público das parroquias de Carduas, Borneiro, Cesullas, O Esto, Cundins, Silvarredonda, Rioboo, Nantón, Anos e Corcoesto a través dunha subvención do IDAE, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, e nun proxecto que contará cun orzamento de 946.996,75 euros.

Actuarase en 2745 dos 3001 puntos de luz existentes no municipio -xa que o restante xa están renovadas- substituíndo así as luminarias actuais por outras con tecnoloxía LED, máis eficientes e coas que se conseguirá un aforro estimado dun 66,93 por cento. O obxectivo prioritario desta actuación é favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, á vez que se “mellorará a visibilidade en todos os puntos nos que se interveña, xa que a tecnoloxía empregada mellora ás luminarias actuais, conseguindo máis luz con menos potencia”, asegura o alcalde, José Muíño.

Desde o goberno local salientan a “importancia dunha actuación deste calado, que ademais de supoñer un aforro para as arcas municipais incrementará o benestar e a seguridade tanto de peóns como de condutores en todo o termo municipal”, engaden.

Cabana aproba definitivamente a ordenanza para protexer e conservar os camiños e vías públicas en relación coas operacións de saca de madeira

Ven, 05/02/2021

O Concello de Cabana de Bergantiños aprobou definitivamente a ordenanza para protexer e conservar os camiños e vías públicas en relación coas operacións de saca de madeira, e co obxectivo prioritario de recuperar o equilibrio entre a actividade económica relacionada coa saca de madeira e o bo mantemento do dominio público viario, así como garantir a seguridade viaria da veciñanza. Entrará en vigor o día 1 de marzo.

Óptase polo procedemento de intervención menos lesivo para que as persoas que realizan esta actividade e tamén se regula o réxime de depósito de garantías, puidendo sancionar así o incumprimento dos preceptos da ordenanza e a incidencia dos danos no dominio público. As infraccións poden variar entre 600 e 3.000 euros.

Así, a comunicación da corta será efectuada pola persoa responsable da tala, identificando en todo momento á empresa encargada, a especia obxecto da mesma, efectuando a correspondente declaración responsable, identificando a parcela afectada e o lugar de depósito e vías a empregar para transportar a madeira, identificando os vehículos que interveñen, o xustificante de presentación da fianza e a duración estimada dos traballos, así como as autorizacións sectoriais, si é que as houbera.

O Concello de Cabana de Bergantiños establece un prazo de 15 días hábiles para declarar completa a documentación presentada. No caso de estar incompleta, concederáselle á persoa interesada un prazo de 10 días hábiles para posibles enmendas da documentación presentada.

O alcalde, José Muíño, quixo remarcar “a importancia de aprobar este tipo de ordenanzas, que sin lugar a dúbidas regularizarán a actividade madeireira e contribuirán o mellor emprego dos camiños e vías públicas de Cabana de Bergantiños, ademais de optimizar a seguridade da veciñanza”.

Séguenos en:

Sen definir