- PORTADA
- CONCELLO
- ÁREAS DE ACTUACIÓN
- CULTURA
- DEPORTES
- EMPREGO
- PRESENTACIÓN
- CADRO DE PERSOAL
- FUNCIÓNS
- BOLSA DE EMPREGO
- Plan de Emprego Local (PEL Reactiva)
- COWORKING
- CMAT – Costa da Morte Asociación Turística
- PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO: ReActiva
- PROXECTO REDE XIANA
- GALP Costa da Morte
- PLAN REVIVE COSTA DA MORTE
- OBRADOIRO DE EMPREGO “ESCOLA DE VELA DA COSTA DA MORTE- FASE II"
- FORMACIÓN
- SERVIZO GALEGO DE COLOCACIÓN
- SUBVENCIÓNS
- EN IMAXES
- LIGAZÓNS
- CONTACTO
- SERVIZOS SOCIAIS
- PRESENTACIÓN
- CADRO DE PERSOAL
- ÁREAS DE ACTUACIÓN
- PROGRAMAS BÁSICOS
- PROGRAMA DE EDUCACIÓN FAMILIAR
- PROGRAMA DE VOLUNTARIADO
- ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL "A CASA DOS TÍTERES"
- BENEFICIO FAMILIAS NUMEROSAS
- FAMILIA
- CENTRO DE MAIORES
- II PLAN MUNICIPAL DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES PARA HOMES E MULLERES
- CONVOCATORIA DE AXUDAS
- LIGAZONS
- CONTACTO
- POLICÍA LOCAL
- PROTECCIÓN CIVIL
- URBANISMO
- TURISMO
- PRESENTACIÓN
- RUTAS TURÍSTICAS
- SENDA DOS ANLLÓNS
- SENDEIROS POR CABANA
- PERSOEIROS
- ROMARÍAS
- PRAIAS
- GUÍA DE HOSTALARÍA
- PATRIMONIO
- HISTORIA
- PUBLICACIÓNS
- SERVIZOS PÚBLICOS
- CONTRATACIÓN
- PERFIL DO CONTRATANTE
- SELECCIÓN DE PERSOAL
- CONTRATOS MENORES
- NOVAS
- CONTACTO
CESULLAS
Gallego
CASTRO DE SAN FINS
Recinto castrexo datado na Idade do Ferro. Ten unha posición privilexiada mirando o val de Cesullas polo que discorre o río Balsa. Foi un castro de enormes proporcións, pero hoxe moi deteriorado polas tarefas agrícolas. De todos modos, aínda se poden observar os seus muros e terrapléns. O parapeto delimitador da croa ten 30 m de lonxitude e 14 m de ancho e 7 m de alto na parte Noroeste. No lado Oeste, o foxo ten 20 m de lonxitude, 8 de ancho e 1,5 de profundidade.
Este xacemento creou o topónimo San Fins do Castro. Segundo informa o arqueólogo Antón Abel Rodríguez Casal, nunhas leiras de debaixo do castro apareceron sepulturas a modo de caixas con antas que contiñan cinzas e ósos, que poderían relacionar este castro co da Cidá de Borneiro. Tamén se encontrou un importante cuncheiro (depósito de cunchas) de berberechos. A lenda conta que no castro hai unha viga de ouro que fora agochada había moito tempo polos mouros, que eran os seus habitantes.
IGREXA DE SAN ESTEVO DE CESULLAS
Está situada no centro da parroquia de Cesullas. Dela foi párroco, cerca de 50 anos, o cura folclorista Saturnino Cuíñas Lois, natural de Carballedo (Cotobade, Ourense), terra de canteiros e fillo adoptivo e predilecto de Cabana de Bergantiños. Do seu labor como crego salienta a popularización da romaría de San Fins do Castro. Como folclorista, a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario da Coruña concedeulle a Medalla de Ouro da Primeira Clase do premio Marcial del Adalid. O seu sartego pódese ver no cemiterio parroquial.
Trátase dunha igrexa de estilo barroco que substitúe a outra anterior, posiblemente de estilo románico. A súa nave central é rectangular, con dúas capelas anexas a ambos lados da nave central que lle dan aspecto de cruz latina. A sacristía está adxacente ao muro norte da capela maior, tamén de planta rectangular.
A capela maior cóbrese con bóveda de arestas; xunto coa nave e a fachada, son obra do último tercio do século XVIII, froito dunha profunda remodelación de todo o templo.
Por outra banda, a fachada é pentagonal, con porta alintelada e orelleiras formadas por un groso bocel; enriba da porta principal aparece unha imaxe pétrea de San Estevo, flanqueado por volutas no fornelo que se atopa no interior do frontón triangular partido. Debaixo da espadana típica barroca dun só corpo con dous vans nos que se sitúan as campás, encóntrase unha fiestra rectangular.
A parte que semella máis antiga do templo é a capela lateral sur, datada do século XVII e dedicada á Virxe do Rosario, presenta unha bóveda de cruzaría nervada, de reminiscencia gótica.
A capela norte, construída en 1873 a imitación da anterior, foi costeada por Fernando Pérez, emigrante arxentino desta parroquia. O acceso a ambas capelas –norte e sur-, faise a través dun arco de medio punto.
No interior da igrexa consérvanse un total de cinco retablos: o maior e dous en cada unha das capelas laterais. O retablo maior, de estilo clásico, data de 1783 e divídese en dous corpos: o principal de tres canles e un ático. Na canle principal hai un templete co sagrario na parte inferior e unha imaxe do Carme, na superior. Á esquerda está santo Antón e á dereita, san Roque. No ático, san Estevo, o patrón.
Na capela norte localízanse os retablos da Inmaculada (1873), pagado por Fernando Pérez; e o da Virxe do Carme (1921), costeado por Antonio Rodríguez, emigrante en Montevideo; ambos de estilo ecléctico.
A capela sur acolle os retablos do Rosario (1818), neoclásico, e o do santo Cristo (1873), ecléctico, patrocinado tamén por Fernando Pérez.
Na década de 1940 construíuse a espadana, e para que os sillares novos non desentonasen coa vella canteiría, fregáronse con bosta de vaca para que creasen musgo e así “envellecelos”.
ERMIDA DE SAN FINS
Está situada na parroquia de Cesullas, de orientación oposta á tradicional (a fachada mira ao leste en vez de ao oeste), a ermida ten ábsida e nave rectangulares. No lado sur da ábsida, anexionouse un pórtico lateral para a celebración das misas o día da romaxe. Na fachada pentagonal atopamos unha celosía de pedra, quizais prerrománica.
Hai unha lenda que trata de explicar a orientación desta capela ao contrario do resto dos templos. Segundo esta, cóntase que un mozo que ía rezar á vella capela, foi sorprendido por unha terrible treboada; caeu tanta auga que se inundou a ermida e tivo que gabear ao tellado para non afogar. Dise que neste momento prometeu que, de se salvar, construiría unha ermida nova, coa entrada cara ao nacente e, como se salvou, cumpriu a súa promesa e erguiu unha nova ermida coa fachada cara ao leste.
ERMIDA DA NOSA SEÑORA DAS NEVES
Está situada na parroquia de Cesullas. Conta cun adro triangular e a súa espadana está sen campás. A fachada é pentagonal.
PAZO DO BOSQUE
Sitúase esta sobria casa fidalga á beira do Anllóns, onde o río fai un pechado meando que rodea o monte do Castro. Ten aspecto de casona de canteiría, de forma rectangular con dúas plantas.
A planta baixa é máis antiga, apreciándose no gran grosor das divisións interiores e na escaseza de ocos, agás as troneiras que servían de ventilación do interior onde se situaba o gando.
O primeiro andar, ao que se accede por unha escaleira de pedra dun tramo, conta con cociña e lareira de gran tamaño, reflectida ao exterior pola cheminea de pedra canteira.
Denomínase así polo extenso bosque que a rodea. Carece de símbolos heráldicos.
Foi fundada pola familia dos Rodríguez Arijón e Romero, liñaxe moi estendida pola comarca de Bergantiños. Os Romero, propietarios da casa de Canduas, foron os que habitaron tamén o pazo do Bosque.
Teresa Rodríguez de Andrade e Romero, casou co licenciado José Andrés Amarelle Malpica, tendo como sucesor a Francisco Amarelle Rodríguez. A filla deste, Fanny Amarelle Varcia, herdou a casa de Canduas e a do Bosque. Esta señora que emparentou cos Graíño, deixou como sucesor a seu fillo, Juan Antonio Graíño Amarelle.
Forma parte dun conxunto que integran un cabazo de once pares de pés, dúas construcións dedicadas a alpendre e corte, un pombal de planta octogonal e unha capela privada, denominada de San Antonio e Neves, aínda que está separada pola estrada.
CASA DE NATIVIDAD
Esta casa foi o número cinco no primeiro rexistro de vivendas do concello. Os documentos dátana como unha construción doséculo XVII. Ata 1930 foi carnicería. O seu primeiro apelativo era Casa dos Tisos para despois chamarse Casa dos Bastiáns. Na actualidade aínda conserva edificios anexos como a caseta da carnicería, graneira, cabazo de pés redoncos con base cónica, río de lavar con laxes de pedra e pozo empedrado polo seu interior e con sarillo para extraer a auga
CASA DE MONTERROSO
Sufriu un incendio no século XIX. Conserva elementos de arquitectura tradicional como o forno, o portal con cruz, cabanotes e cortes. O seu tellado inclúe como curiosidade uns remates típicos de cabazo.
CASA DE MIRAFLORES
Chégase a esta casa-pazo por unha antiga corredoira onde se botaba toxo a podrecer para facer esterco. Contando desde a actualidade (2023), esta casa sobrepasa os 270 anos de antigüidade. Segundo a memoria dos seus actuais habitantes, dise que foi levantada por un cura que lla deixou en herdo a unha filla. As pedras que sobresaen da fachada son as contas de días de xornal a pagar polo propietario aos canteiros. O escudo foi subido de lugar cando se abriu unha porta; nesta operación, o propietario da casa queriao tirar, pero o crego de Cesullas Saturnino Cuíñas Lois rogoulle encarecidamente que non se defixese del. No interior, as dúas ventás da dereita posúen parladoiro para ollar a ría sentados tras os cristais. Na cheminea, actual, lese unha inscrición coa súa data de construcción: "Pedra Cuca 1952". Cóntase que a Garda Civil, cando apresaba algúen, o tiña aquí retido. Como edificacións anexos a esta casa, destacan o cabazo de pés e o cabanote. É propiedade privada.
PAZO DE CASANOVA
A Casanova de Nantón foi fundada (Martínez Barbeito, 1986: 420-422) polo capitán Francisco Rodríguez de Gondomil. A casa, de tres corpos, posúe patín e corredor cuberto. No portalón de entrada podemos ver os escudos nos que aparece as armas dos Pardiñas e Villardefrancos, Figueroa, Rodríguez de Arijón, Moscoso e Caamaño. Na actualidade, pertence a unha familia de labradores.
MÚSICA
- “Maneo de pandeiro de Fontenla”.
- “Cantiga de San Fins”.
- “Pasodoble do Jai Jai”.
- “Jota por Neaño arriba”.
- “Dulce Lola”.
- “Nochebuena en Enano”.
- “Berro Seco”.
- “Maneo de Fontenla”.
- “O Santo da pólvora”.
- “San Fins do Castro (foliada)”.
- “Rumba de Neaño”.
- “Muiñeira de Neaño”.
EDUARDO VÁZQUEZ ESPASANDÍN (O JAY JAY)
Naceu en Rebordelo, Cesullas (Cabana de Bergantiños) o 08.12.1909 e faleceu en Neaño, Cesullas (Cabana de Bergantiños) o 25.11.2003.
A pesar de aprender con seu irmán o oficio de carpinteiro, Eduardo Vázquez Espasandín foi un famoso músico popular desde A Coruña a Padrón, desde Cabana ata O Carballiño. Quen non lembra a súa imaxe polas festas co bombo ás costas, aínda que, en principio, el quería ser gaiteiro?
Iniciouse na música popular no grupo Os Jaiteiros de Neaño y Jay Jay. Con el estaban os seus veciños Manuel do Bronllo (cuñado da poetisa María Baña), gaiteiro; Servando de Indalecio, gaiteiro; e Gabriel de Indalecio, tamborileiro. Tempo despois, estivo uns poucos anos n’Os Maravillas de Corme. Por último, a grande etapa como músico pasouna n’Os Enxebres de Neaño.
O nome d’Os Enxebres foille suxerido polo crego de Cesullas, Saturnino Cuíñas Lois. Un día, Eduardo preguntoulle a Saturnino como lle chamaría ó grupo. Cuíñas respondeulle: «Poñeraslle Os Enxebres». Eduardo replicoulle: «Por que?». O crego rematou a conversa dicindo: «Porque o enxebre, elo ti».
Todo un amplo abano de músicos populares da Costa da Morte acompañou ó Jay Jay durante uns 80. De Neaño, amais dos citados arriba, estiveron con el Manolo de Xusto (sobriño de Manuel do Bronllo e fillo de María Baña), gaiteiro; e Plácido Vigueret (Plácido de Meiruco), tamboriño. De Corme, Calixto e Ramona dos Marabillas. De Laxe, José García Insua (Reboredo), gaiteiro. De Lamas (Zas) Manuel, coñecido como O Galo de San Clemente, gaiteiro. De Bamiro, José O Lambirote, gaiteiro, e un cuñado seu, tamboril. Da Campara, Alfredo Castro Fariña, gaiteiro, e os seus irmáns José, tamboril, e Ramón, gaita. De Cances, José da Viúda (José Collazo Álvarez), gaiteiro. De Anllóns, Gabriel, O Zoqueiro da Garga, gaiteiro. De Iñaño, Serafín, gaiteiro. De Langueirón, Pepe de Langueirón, gaiteiro que aprendeu con Eduardo. De Pedracuca, Lelo do Gaiteiro, tamboril. Así como o gaiteiro de Reparada (Vimianzo). Os Enxebres convertéronse, polo tanto, nunha verdadeira universidade de música popular na aldea de Neaño, nas terras de Cabana de Bergantiños.
Alboradas, procesións, sobremesas e merendas de festas e romaxes de gran parte de Galicia coñeceron as melodías d’Os Enxebres de Neaño. Na Coruña, Eduardo do Menucho compartiu escenario con Marinita de la Peña, así como tamén foi asiduo das festas de María Pita. Polo San Xoán de Carballo competían coas bandas de música de Gamallos. No Santiaguiño do Monte, en Padrón, os gaiteiros de Neaño eran os únicos que cantaban enxebre. A Virxe da Barca, en Muxía, as Barquiñas de Ponteceso, as Festas do Mar de Malpica souberon tamén das súas músicas. Pero de todas as romarías foi o San Fins do Castro a que contou coa súa presenza máis simbólica e ininterrompida desde os vinte do século pasado ata hoxe. Os Jaiteiros de Neaño ou Os Enxebres co <strong>Jay </strong><strong>Jay</strong> ao bombo constitúen parte indispensable da historia desta romaxe, de igual maneira có Berro Seco ou o Santo de Pólvora. Como cantaba <strong>Eduardo Vázquez Espasandín </strong>botemos este agrúo na súa memoria: «¡Viva la juventú! ¡E os vellos que non morran!»
JOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CANTO
O músico José María Álvarez Canto naceu en Corme Aldea (Corme. Ponteceso) o 28/11/1905 e, despois de facerse cabanés adoptivo, faleceu en Neaño (Cesullas) o 01/05/1977.
En cada casa do lugar nativo de José María Álvarez Canto, Corme Aldea, había polo menos un músico de banda e na súa casa, non ía ser menos, seguíase esa estirpe musical. Pai e fillo estaban unidos por ese vínculo desde a infancia, xa que o neno José María percorría con tan só seis anos as procesións das festas da contorna tocando un tamboril coa Banda de Corme. Un día, con tan poucos anos e canso de tripar camiños, caeu sentado nun curral. Seu pai díxolle:«Levántate que che arreo unha patada no cu».
A música, primeiro aprendida de oído e despois coñecendo a linguaxe do solfexo, acompañouno durante toda a súa vida, mesmo no servizo militar onde sería corneta de El-Rei. Foi músico e director da Banda de Corme; despois, en Coristanco, dirixiu outra banda e creou unha orquestra. Do seu paso como mestre musical pola terra da pataca, fan mención estes versos da poetisa Asunción Antelo Suárez, Rexubeira de Bergantiños
Sentía ensaiar os músicos
cando iba pra Carballo
eran os Soanes da Miñata
e os Naias de Carantos.
Tempo despois, mercou unha taberna-casa de comidas en Neaño e instalouse definitivamente nas terras de Cabana de Bergantiños. Traba amizade cos persoeiros locais, maiormente con crego folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Desa unión e das xuntanzas que mantiñan nunha habitación da taberna nace o Himno a San Fins do Castro, con letra de Cuíñas e música de José María.
José María Álvarez foi un dos grandes referentes na Costa da Morte como músico e director de bandas. Dominaba todos os instrumentos de percusión e aire, compoñía a música para todos os compoñentes dunha banda e era un verdadeiro mestre do acordeón.
Aprendeu a tocar este instrumento en Corme, nun pequeno acordeón de botóns. Despois, chegarían ás súas mans varios acordeóns piano, unhas veces mercados en Ferrol cos cartos que lle prestara súa nai, outras como agasallo da súa dona. En Neaño, unha vez abandonada a dirección de bandas de música, impartiu clases de acordeón. Recibiron as súas leccións Jacinto Paredes e Manolo de Ovidio. Pero sobre todo, amenizaba con este instrumento tardes de baile no salón do Burreiro. Acompañábano Lelo de Pedra Cuca á batería e Anselmo Cousillas ao clarinete, que o facía falar.
ELISA MOSQUERA TEDÍN
Natural deste lugar é a escritora Elisa Mosquera Tedín. É autora dunha noveliña infantil que publicou en Ediciós do Castro baixo o título de Barullo. Está ambientada neste entorno e serve para coñecer, a través da mirada dun neno en idade escolar, estas ribeiras do Anllóns contra mediados do século XX.
MARÍA BAÑA VARELA
Aínda que nacida nos casais de Vilariño o 10 de xaneiro de 1906, a poetisa popular María Baña Varela botou raíces no lugar de Neaño. Alí fundou a casa familiar na compaña do seu home Xusto Cousillas Castro. As ocupacións de muller labrega desde nena non lle deixaron ir á escola, de aí que a escrita era para ela tema vedado. Non obstante, a súa cabeciña non paraba en compoñer poemas que gardaba memoria. Chegaría a manifestar a un medio de comunicación da comarca que ela "pensaba en copla". Co tempo deu en aprender malamente a escribir para deixar por escrito os poemas que tiña gardados na cabeza. Calquera tipo de folla valíalle para pasar a letra os seus versos. A súa propia vida, á da súa familia e a dos seus veciños, ás veces en ton serio, ás veces con carga humorística son as principais liñas temáticas da súa obra. En 1998, o Concello de Cabana de Bergantiños publicou, postumamente, a obra inédita de María Baña e instituiu o Certame de Poesía para a Xuventude María Baña. María Baña, xunto con Asunción Antelo e Hermosinda de Tabuído forman a tríada de poetisas populares que non tiveron vergoña de seren mulleres escritoras.
A día de hoxe a biblioteca municipal de Cabana leva o seu nome.
SATURNINO CUÍÑAS LOIS
Saturnino Cuíñas Lois naceu en Carballedo (Cotobade. Pontevedra) o 21.12.1897 e faleceu en Cesullas (Cabana de Bergantiños) o 07.04.1978. Pese a nacer en San Miguel de Carballedo, Saturnino Cuíñas Lois adoptou a Cabana de Bergantiños por terra nativa. Desde que en 1931 o destinaron como crego á parroquia de Santo Estevo de Cesullas, esta cobrou un importante dinamismo no eido relixioso, festivo, social e mesmo en infraestruturas. Nela creou coros parroquiais, deulle vida ás celebracións relixiosas, achegouse á xuventude a través do catecismo e mesmo se convertería en persoa importante para que se construíse a estrada de Neaño a Baio.
Como pagamento por tamaño labor, a corporación municipal nomeouno fillo adoptivo de Cabana de Bergantiños o 17 de marzo de 1956, cando cumpría as vodas de prata; neste acto descubriuse unha placa de mármore na igrexa de Santo Estevo. E tras o seu pasamento, recoñeceuno como fillo predilecto nun evento no que se colocou unha placa na fachada capela de San Fins e no que se convocou a grupos folclóricos de toda a provincia da Coruña.
Non obstante, a obra que o perpetuou como gran persoeiro de Cabana de Bergantiños foi a organización da romaría do San Fins do Castro. Cando el chegara á parroquia, esta romaxe apenas era coñecida. Logo, coa creación do Berro Seco, o Santo de Pólvora, a Traca de Fogo, a composición do Himno a San Fins ou a presenza dos máis importantes coros e grupos de gaitas de Galicia converteuna na festa patronal por excelencia do concello e na romaxe máis singular de toda a provincia da Coruña.
A relevancia da personalidade de Saturnino Cuíñas transcendeu fóra das lindes da súa parroquia. Isto, grazas ó destacado traballo como folclorista. Xa desde a infancia se dedicaba a memorizar vellas cancións das terras de Pontevedra. Despois, ó longo da súa vida, foi xuntando unha colección de cancións populares ata conformar un dos arquivos musicais máis importantes de Galicia. Entre a obra recollida están as foliadas de Augasantas, de Bora, de Vilaxoán, de Corcoesto ou de Trabazo; as pandeiradas de Cesullas, de Ponteceso, de Loureiro ou de Carnota; os alalás de Cerdedo, de Santo Ourente ou de Carballedo; ademais, cantos de aninovo, de berce e de canteiros. Todo ese traballo está depositado hoxe nos arquivos da coral coruñesa Cántigas da Terra. E moitas destas pezas son aínda interpretadas por grupos de relevo como Milladoiro, Treixadura ou Cántigas da Terra. Como mérito polo labor folclórico, a Real Academia Nosa Señora do Rosario concedeulle a Medalla de Ouro de Primeira Clase do Premio Marcial del Adalid en 1954.
Pero ademais Saturnino Cuíñas Lois foi un excelente músico tradicional. Isto non estaba ben visto polo arcebispo de Compostela, que mesmo lle chamou a atención. Tocaba á perfección a gaita, a pandeireta, o bombo, a bandurria, o harmonio e a zanfoña. Maior importancia tivo como músico se sinalamos que na súa época Cuíñas Lois, xunto con Faustino Santalices, era unha das poucas persoas de Galicia que interpretaba a zanfoña. Unha das súas históricas zanfoñas entregoulla a Cántigas da Terra o 1 de agosto de 1945 en plena romaría de San Fins.
PLÁCIDO VIGUERET VILLAR
Naceu en Neaño no 1925 e faleceu no 2020 o 13 de xullo. Herdou de seu pai o oficio de carpinteiro, sostén da familia en terras cabanesas e nas da emigración americana. Poren, Plácido non quixo só deixarnos as súas pegadas de creatividade en obras do torno, senón que, dende moi novo, se botou a músico tradicional e a poeta popular.
Foi o último dos míticos Gaiteiros Enxebres de Neaño en falecer, nos que tocaba con mestría a pandeireta, as cunchas, o tamboril, a caixa e o bombo.
Nas portas dos seus 84 anos, deu a luz os Poemas, nos que ofrece unha extraordinaria compilación de versos engalanados por unha lingua viva e conformados por unha temática enraizada no pensamento e na sabedoría da cultura oral.
MUÍÑOS
Este tipo de construción está moi espallada pola xeografía galega e foi testemuña de grande importancia na vida cotiá dos habitantes destas terras.
Por unha banda, o seu uso é claro: era un aparello no que os veciños do lugar moían o gran que servía despois para facer o pan no forno ou para darllo aos animais.
Pola outra banda, xogou un papel importante na vida social, era un punto de reunión dos labregos e labregas posto que, cando acudían a el para moer, reuníanse e moitas veces quedaban de leria e de troula, cantando e bailando. Incluso era un lugar onde os namorados quedaban para manter relacións sexuais. Todos isto quedou reflectido nunha rica literatura popular na que as coplas e refráns sobre estes asuntos son abundantísimos. Os temas tratados son moi variados; dende os temas propiamente amorosos ata o tratamento irónico-sarcástico que reciben os curas:
“O muíño xa vai vello
ten silveiras ó redor;
as mozas que van a el
todas perden a color.”
“Un burro blanco
bailando no campo
ca peza no pé
e burro non é.”
“o crego foi ó muíño
c’un fato de nenas novas
elas todas en camisa
e el no meio en cirolas”
Co paso do tempo estas costumes foron desaparecendo, debido a que os muíños foron substituídos por outros aparellos máis modernos, polo que foron sendo progresivamente abandonados. Hoxe en día, un gran número destas construcións están nun estado de claro deterioro. Actualmente só un pequeno número deles segue funcionando gracia aos coidados que lle profesan os seus donos.
En Cabana, o tipo de muíño que máis abunda é o muíño de regato, que é o que trataremos a continuación. Dentro deste tipo de muíños hai certas variacións, pero que se corresponden cunhas liñas xerais.
Están situados á beira dun río ou regato normalmente, aínda que tamén hai algúns afastados deles. A auga soe desviarse do seu curso normal mediante unha canle; ás veces acada certa altura para que a auga colla forza. Por ela vai a auga ata o cubo; no final da canle hai un aliviadeiro para tornar a auga se fose necesario e unha gradicela para que non pase o lixo. A parte final do cubo, onde se estreita máis, chámase billote. Ao pasar a auga, esta acciona o rodicio, que é a roda horizontal. Este rodicio, formado por culleres ou penas, e que pode ser de madeira ou ferro, é a peza que transmite o movemento ao resto dos elementos do muíño. O rodicio descansa na porca ou mesa, que é a viga que vai ao traveso por baixo, mediante un aguillón ou grilo de forma apuntada. O veo ou vara é o eixo vertical que parte do rodicio e vai dar ao piso do muíño e atravesa o pé que se mantén sempre fixo e é de pedra, o mesmo que a moa ou capa, peza superior que xira encol do pé. A parte do piso onde está a moa chámase tremiñado.
Ao final da canle hai unha especie de porta pequena que ao abrila fai que a auga entre no muíño, é o que se chama pechadoiro. Na parte superior é por onde se mete o gran. Primeiramente está a moega ou moxega; esta ten unha pequena canle por onde corre aquel e chámase quenlla. O gran cae polo movemento da tenxedoira, que é unha táboa que vai unida á quenlla. Esta táboa móvese co movemento da moa, sobre a que está situada. O gran convértese en fariña mediante o movemento da capa sobre o pé, e aquela recóllese nun caixón.
Para facer o muíño hai varios sistemas, consistentes en non deixar pasar a auga cara dentro del mediante unhas táboas. Un mecanismo moi usado é o de meter unha pequena táboa dentro da moega e pasala por unha roldana que vai amarrada cun cordel ao pecho do freo. Cando se baleira a moega e queda libre a táboa de madeira, o pecho do freo desprázase e pega no enganche do pechadoiro, facendo que se corte o fluxo da auga e, polo tanto, o muíño queda parado. Neste concello atopamos muíños, como é o caso do muíño de Rellán, que posúen unha roda vertical ou volante de grandes dimensións e que ten a función tamén de transmitir o movemento á moa da pedra.
Como todo aparello, o muíño sobre avarías ou necesita estar en boas condicións para moer. Por iso, cada certo tempo, hai que picar a capa e o pé, para que a fariña saia en boas condicións. A parte interna da moa debe ir máis picada e a parte externa ha de ir máis fina.
En canto ao sistema de organización, este é diferente segundo os casos. Hai muíños que eran dun só dono, entón o propietario moía para os veciños cobrándolles en diñeiro, pero o máis frecuente era quedar cunha porcentaxe do que se moía, que era tratada entre o muiñeiro e o propietario do gran. Os muíños podían tamén ser de varios veciños e, entón, cada un tiña un horario ou quenda determinada; de mañá, de tarde, de noite etc. Ás veces podíase comprar un turno determinado, que era o se coñecía como a compra da peza.
Entre as parroquias de Borneiro e Canduas podemos atopar 14 muíños de “herdeiro”, que evidencian a fartura das posesións que tiñan os monxes bieitos do antigo mosteiro de Canduas. É unha mágoa que non se restauren estes muíños, algúns aínda conservados na canle de enlace co rego dos Muíños.
Muíño do Rellán
Sobre o río da Balsa –que nace na parroquia de Anós e descende bruscamente polo Esmoris-, despois de mover o rodicio do muíño da Balsa, sitúase o muíño do Rellán, na ponte Mourín, xa en pleno val de Cesullas, preto da aldea da Cabana, que lle deu nome ao concello e onde estivo a primeira casa consistorial.
O muíño recibe este nome a partir de 1906, cando pasa a ser propiedade do pai do actual dono, que así se apelidaba. Daquela os muíños eran industrias rendibles e, polo tanto, de moita demanda. Tiña varias moas, tanto de trigo (albeiro), coma de millo, movidas por unha roda vertical ou nora.
Máis tarde incorporóuselle unha máquina de serrar madeira, que aínda se pode observar na actualidade. A través dunha serie de transmisións por poleas poñíanse en funcionamento.
A edificación tradicional foi substituída por unha construída con novos materiais. Poren, consérvase en bo estado tanto a nora coma a serra. As moas albeiras de orixe francés pasaron a formar parte do mobiliario do xardín. Estamos pois, diante dun exemplo do que era unha pequena industria tradicional do mundo rural galego.
Se cadra, a antiga denominación de ponte Mourín, debíase á familia do mesmo apelido, aveciñada en Neaño e que aparece no catastro de Ensenada -Estevo, labrego, e o seu fillo Domingo, arrieiro de Fariña-.
CRUCEIRO DO SACRAMENTO
É o cruceiro máis salientable do concello debido á gran cantidade de elementos decorativos. Está construído en granito. A plataforma é cuadrangular e ten tres graos. O pedestal é cuadrangular e remata en chafráns. Ten mesa anexa na que aparece unha lápida de granito na que aparecen dous anxos nos laterais do relevo e unha custodia no centro. O varal é octogonal con chafráns. O capitel é cuadrangular moldurado. A cruz é cuadrangular con brazos achafranados, remates en punta de diamante e imaxes polas súas catro caras. No anverso Cristo, cos pés pousados enriba dunha caveira e tibias, aparece crucificado con tres cravos (a imitación dos Cristos góticos), inclina a cabeza cara á dereita, ten as mans abertas, carece de coroa, ten pelo trenzado, o pano da pureza aparece anoado á dereita e arriba está a cartela de INRI. No reverso, a Virxe, enriba dunha peaña, aparece en actitude de orar cos dedos entrelazados. Nos laterais, obsérvase unha imaxe feminina orando (suponse que María Madalena) con rosario e un San Estevo.
CRUCEIRO DE VILLA FANNY
Totalmente construído en granito. A súa plataforma é cuadrangular cun grao. O pedestal é cuadrangular rematado con chafráns. O varal é todo octogonal menos na base que comeza en cadrado. Un dos seus aspectos singulares é o capitel coa súa forma troncopiramidal octogonal invertida con volutas nas catro esquinas. A cruz é cuadrangular de brazos con chafráns. No anverso, está Cristo crucificado con tres cravos (a imitación dos Cristos góticos), de mans abertas e con coroa de espiñas, o pano da pureza anoado á esquerda, cartela do INRI, San Francisco abrazando o crucificado e Cristo mirando a este santo. No reverso, aparece a Virxe orante coas mans xuntas e con coroa á cabeza.
CRUCEIRO DE SAN FINS I
Está construído en granito. A plataforma e o pedestal están enterrados. O varal é cadrado con chafráns. O capitel é cúbico. A cruz é cuadrangular con brazos achafranados. No anverso, Cristo crucificado con tres cravos (a imitación dos Cristos góticos), cabeza inclinada á dereita, mans pechadas, carente de coroa, pano da pureza anoado á esquerda, rodéano a Virxe e San Xoán. No reverso, a Virxe en actitude orante, de mans xuntas e con nimbo.
CRUCEIRO DE SAN FINS II
Construído en granito. A plataforma é cuadrangular de dous graos. O pedestal é circular coma o pé dun muíño. Todo o resto do cruceiro é enormemente singular que o cataloga como un dos máis interesantes do concello. O varal é circular, leñoso con nós semellante a unha árbore espida de casca. O capitel é cilíndrico, con astrágalo circular liso, ábaco de lado rectos e cabezas de anxos con ás. A cruz é circular e tamén leñosa con nós; ten remates florenzados. No anverso, Cristo amósase crucificado con tres cravos (a imitación dos Cristos góticos), inclina a cabeza cara á dereita, con coroa de espiñas, pano de pureza atado á dereita e enriba da súa cabeza a cara do Pai. No reverso, a Virxe en actitude orante con mans e dedos entrelazados e uns anxos desde os paos da cruz coróana.
CASA DO CONCELLO
No ano 1833 anúlanse os señoríos e coutos xurisdicionais, creándose os actuais concellos (en 1820, durante o primeiro ensaio de municipalización española, pensábase instalar o consistorio en Corcoesto). Créase o concello de Cesullas e con este nome recólleo Pascual Madoz no seu Diccionario (1845), do que nos informa que a súa poboación era de 1060 “almas”, morando en 212 vivendas “de poucas comodidades”, camiños abandonados, correo en Carballo e dúas escolas (Cesullas e Corcoesto). Celebraba feira o primeiro mércores de cada mes.
A primeira casa consistorial instalárase na aldea de Cabana, xa que está equidistante entre o límite co concello de Ponteceso e de Zas. A casa na que se localizou está totalmente modificada.
Durante a época do xeneral Espartero (1840-1843), remodélase o mapa municipal da provincia coruñesa, quedando Cabana con todas as parroquias de Laxe; coas parroquias pontecesás de Cospindo, A Graña, Tella, Tallo e Langueirón; e coas coristanquesas de Cereo, Castro, Agualada e Cuns, mais este proxecto non se levou á práctica.
Dende mediados do século XIX ata ben avanzado o século XX, O Bosque será a sé municipal. Logo, a capitalidade pasa a Aspera, á casa que aluga José García Gil, veciño do Esto e que, o 4 de xuño de 1948, agarda vender por 140.000 pesetas, a fin de instalar definitivamente “as dependencias deste concello e as do xulgado comarcal, pola anómala situación de atoparse o concello sen edificio propio, polo que se vira obrigado unhas veces a ocupar vivendas que non chegaban a reunir as condicións mínimas de decoro, hixiene e salubridade que todo edificio público require; outras, a que, debido ós vaivéns políticos había que trasladar as oficinas dun sitio a outro con relativa frecuencia”
Finalmente, en 1978, non sen certa resistencia veciñal, mudouse a casa consistorial para o lugar da Carballa. Posteriormente, o vello concello foi biblioteca municipal (que agora se atopa na praza de Neaño) e agora é unha asociación veciñal.
BIBLIOGRAFÍA
Garea, F., Giadás, L. e Navarro, E. (1995), Cabana: Análise histórica e social, Cabana de Bergantiños; Deputación da Coruña.
Domínguez Rial, E.,Fernández Carrera, X.X., García Losada, A., Giadás Álvarez, L., Andando por Bergantiños: Parroquia de San Estevo de Cesullas, Cabana de Bergantiños
Lema Suárez, X. M., (1999), Arquitectura megalítica na Costa da Morte (antas e mámoas), Asociación Neira.
Soraluce Blond, J. R. e Fernández Fernández, X. (1995), Arquitecturas da provincia da Coruña: Cabana, Carballo, Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso, Deputación da Coruña.
Varela Varela, X. M. (2005), No confín dos verdes castros, Cabana de Bergantiños